Os posesivos galegos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

 Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego
Os determinantes posesivos acompañan un nome e indican posesión, propiedade, pertenza ou simple relación de correspondencia.

Veremos as formas que poden adoptar os determinantes posesivos no seguinte cadro:

  un posuídor varios posuídores
  masculino feminino masculino feminino
  singular plural singular plural singular plural singular plural
1ra persoa meu meus miña miñas noso nosos nosa nosas
2da persoa teu teus túa túas voso vosos vosa vosas
3ra persoa seu seus súa súas seu seus súa súas

Velaí algúns exemplos do uso dos posesivos:

  • O meu lapis
  • A miña nai
  • O teu coche
  • A túa merenda
  • A nosa terra
  • As vosas lembranzas
  • O seu lugar
  • As súas flores

Que funcións teñen os posesivos?[editar | editar a fonte]

Os posesivos fan de determinantes cando acompañan ao substantivo:

  • O meu coche
  • A súa moto

Cando substitúen o nome fan de pronomes:

  • Iso é meu
  • Aquela casa é súa tamén

Cómpre saber ademais que...[editar | editar a fonte]

  • O posesivo cando vai diante dun nome ten que ir obrigatoriamente con artigo: o meu can; a túa casa. Hai algúns casos que non é obrigada a presenza do artigo co posesivo:
    • Cos nomes de parentesco: miña nai; nosos irmáns.
    • En exclamacións: ¡Meu Deus!; ¡Meu amigo, así son as cousas!.
    • Con nomes referidos a seres únicos ou a dignidades: Nosa Señora do Carme; Súa Excelencia
    • Nalgunhas frases feitas: meu dito, meu feito.
  • Os xiros: de meu, de teu, de seu, de noso, de voso, de seu úsanse para expresar a pertenza exclusiva; así, a frase Antón vive na súa casa non quere dicir que a casa pertence a Antón; mentres que se dicimos Antón vive en casa de seu, estamos a dicir que a casa lle pertence. Outras veces, esas formas indican que unha calidade se ten por propia natureza: O Carlos é bo de seu = Carlos é bo por natureza.
  • As formas cadanseu/s, cadansúa/s empréganse para lle adxudicar un obxecto a cada persoa, dentro dun grupo; ou cando se lles quere distribuír un número igual ou semellante de obxectos a varias persoas. Vai sempre ao lado do obxecto que se distribúe e nunca da persoa: regaleilles cadanseu balón ós meus sobriños; repartín entre eles cadanseus caramelos.
  • As formas da primeira persoa poden indicar familiaridade ou afectividade: o noso Xoán está a vivir en Santiago; o meu Paco ten moi boa man para a cociña.
  • Posesivo feminino detrás de determinadas locucións adverbiais: pasou diante nosa (de nós), caeu enriba súa (dela).
  • Outros significados do posesivo:
    • os meus, os teus, os seus, os nosos, os vosos poden ter o significado de "a miña, a túa ... familia": os meus veñen de vacacións en xullo.
    • as miñas, as túas, as súas, as nosas, as vosas poden significar "as cousas, feitos ou trasnadas que adoita facer unha persoa": o meu fillo xa fixo unha da súas, díxolle unha das súas e deixouno calado.
    • o meu, o teu, o seu, o noso, o voso poden significar "o que me (che, lle, ...) gusta" ou "o propio, o natural de min, de ti, ...": a pintura non é o meu.