O Primo Basílio
O Primo Basílio | |
---|---|
Título orixinal | O Primo Basílio |
Autor/a | José Maria Eça de Queirós |
Orixe | Portugal |
Lingua | lingua portuguesa |
Data de pub. | 1878 |
Na rede | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde outubro de 2018.) |
O Primo Basílio é unha novela de Eça de Queirós. Publicado en 1878, constituíu unha análise da familia burguesa urbana no século XIX.
O autor, que xa criticara a vida das pequenas vilas na obra O Crime do Padre Amaro, vólvese agora para a cidade, a fin de sondar e analizar os mesmos males, desta volta na capital: con ese obxectivo, enfoca un lar burgués aparentemente feliz e perfecto, mais con bases falsas e igualmente podres. A creación desas personaxes denuncia e acentúa o compromiso de O Primo Basílio co seu tempo: a obra debe funcionar como arma de combate social. A burguesía - principal consumidora das novelas romances nesa época - debería verse na novela e nela atopar os seus defectos analizados obxectivamente, para, así, poder mudar o seu comportamento.
As personaxes de O Primo Basílio poden ser consideradas o prototipo da futilidade, da ociosidade daquela sociedade.
Personaxes
[editar | editar a fonte]- Luísa: Representa a moza romántica, inconsecuente nas súas actitudes, a adúltera e, no final, arrepentida.
- Jorge: Marido dedicado de Luísa, home práctico e simple, que contrasta coa personalidade mundana e sedutora de Basílio.
- Basílio: Dandi, conquistador e irresponsable, "bon vivant" pedante e cínico. Como todo o dandi, Basílio procuraba imitar un estilo de vida aristocrático, decadente. Tiña unha preocupación constante por estar ben vestido e perfumado.
- Juliana: A personaxe máis completa e acabada da obra, ten sido vista como o símbolo da amargura e do tedio en relación á profesión. Fea, virxe, solteirona, bastarda, é desconforme coa súa situación e por iso odia todo e a todos, principalmente aos seus xefes. Non se detén diante de ningún sentimento de carácter moral.
- Sebastião: Personaxe simpático que permanece fiel a Jorge e ao mesmo tempo axuda a Luísa. Sebastião é o único que non representa ningunha crítica á sociedade lisboeta.
- Julião: Parente afastado de Jorge e amigo íntimo da casa, Julião Zuzarte, así como Juliana, representa o descontento e o tedio coa profesión. Estudaba desesperadamente medicina, na esperanza de conseguir unha clientela rica. Andando sempre sucio e desastrado, Julião era envexoso e ácido.
- Vizconde Reinaldo: Amigo de Basílio, era, como este, un dandi. Desprezaba a Portugal. Reinaldo representa o pensamento aristocrático, o desprezo polos valores burgueses, como a familia e a virtude.
- Dona Felicidade: Amiga de Luísa, cincuentona. Namorada perdidamente do Conselleiro Acácio. Simbolizaba, nas palabras do propio Eça: "a parva beatitude de temperamento excitado".
- Conselleiro Acácio: Antigo amigo do pai de Jorge, Acácio é o arquetipo do suxeito que só di obviedades. Púdico, formal en calquera situación, rexeita friamente os avances de Dona Felicidade. Di a todos que "as neves da fronte acaban por caer no corazón". Porén, vive un romance secreto coa súa criada.
- Señor Paula: Veciño de Jorge. Xunto coa carboeira e a estanqueira, pasa o día axexando quen entra e quen sae da casa do "enxeñeiro". A aparición de Basílio tórnase nun espectáculo para eles.
- Leopoldina: Amiga de Luísa, casada e adúltera. Sempre en busca de novos praceres e amantes, ten unha mala reputación, e é unha posible influencia para o comportamento de Luísa.
Argumento
[editar | editar a fonte]Jorge, exitoso enxeñeiro e funcionario dun ministerio e Luísa, moza romántica e soñadora, protagonizan a típica familia burguesa de clase media da sociedade lisboeta do século XIX. Casados e felices, só falta un fillo para completar a alegría do "lar do enxeñeiro", como era chamado o casal pola veciñanza pobre.
Existe un grupo de amigos que frecuenta o lar de Jorge e Luísa: dona Felicidade, a beata que sofre de crises de gases e morre de amores polo Conselleiro; Sebastião, amigo íntimo de Jorge; Conselleiro Acácio, o ben letrado; Ernestinho e as empregadas Joana – asañada e namoradeira – e Juliana – retorcida, envexosa, despeitada e amarga, responsable do conflito da novela.
Ao mesmo tempo que cultiva unha unión formal e feliz con Jorge, Luísa aínda mantén amizade cunha antiga colega, Leopoldina – chamada a "Pão-e-Queijo" polas súas continuas traizóns e adulterios. A felicidade e a seguranza de Luísa pasan a ser ameazadas cando Jorge ten que viaxar por traballo ao Alentexo.
Após a partida de seu esposo, Luísa fica enfadada sen ter que facer, no marasmo e na melancolía pola ausencia do marido, nese medio tempo, Basílio chega do exterior. Conquistador e "bon vivant", ao primo non lle leva moito tempo conquistar o amor de Luísa (el xa lle tiña feito as beiras antes de que Luísa coñecese a Jorge). Luísa era unha persoa cunha forte visión romántica da vida, lía só novelas, e Basílio presentouse como a realización dos seus sonos: era rico, moraba en Francia. O amor inicial transformouse en ardente paixón e iso fai que Luísa remate no adulterio. Entrementres, Juliana espera unha oportunidade para pillar a patroa "in fraganti".
Os encontros entre os dous sucédense a par do intercambio de cartas de amor, unha das cales é interceptada por Juliana – grazas aos consellos "sabios" da tía Vitória –, que comeza a chantaxear a patroa. Transformada de señora malcriada en escrava, Luísa comeza a enfermar. De fráxil constitución, os malos tratos que sofre de Juliana tíranlle rapidamente o ánimo, minándolle a saúde.
Jorge volta e de nada desconfía, pois Luísa satisfai tódolos caprichos da criada, mentres busca tódalas solucións posibles, até que atopa a axuda desinteresada e pronta de Sebastião que, armando unha emboscada a Juliana, intentando levala presa, acaba por provocarlle a morte. É un novo tempo para Luísa, rodeada do cariño de Jorge, Joana e da nova empregada. Porén, xa é tarde demais: enfraquecida pola vida que tivera de aturar baixo a tiranía de Juliana, Luísa é atacada por unha violenta febre. Encamada polas altas febres, Luísa non nota que Basílio lle responde a unha carta escrita hai meses, e cando o carteiro entrega a carta na súa residencia, chama a atención de Jorge por estar dirixida a Luísa e ser remitida desde Francia, motivo polo cal abre a carta e descobre o adulterio da esposa nas palabras amorosas e cheas de saudade de Basílio. A evidencia da traizón faino entrar na desesperación, mais, porén, perdóalle a traizón polo forte amor que lle ten e polo seu fráxil estado de saúde. De nada serven os cariños e coidados do marido e dos amigos, nin o celo médico - que chegou a cortarlle os longos cabelos - de que foi rodeada.
Luísa morre e o "lar formalmente feliz" desfaise. A novela termina coa volta de Basílio - que fuxira, deixándoa sen apoio - e o seu cinismo, ao saber da morte da amante: comenta cun amigo que "antes tivese traído a Alphonsine". Esta parte pecha o libro poñendo en evidencia o mal carácter de Basílio. Mentres camiñan pola rúa, o seu amigo o Vizconde Reinaldo, censuraba a Basílio por ter tido un romance cunha "burguesa", sen distinción. Non era, como el mesmo dicía, unha amante "chic", polo contrario "non posuía relacións distinguidas", "casara cun simple individuo de secretaría" e "vivía nunha casiñola". Achaba a relación absurda, ao fin de contas. E arriscase a dicir que Basílio fixera o que fixera, por "hixiene". Ao responder "Que ferro! Podía ter traído a Alphonsine", Basílio confirma a sospeita do amigo. Luísa fora usada, entón. Nunca houbo ningún sentimento. Luísa morrera, por tanto, sen nunca ter sido amada por Basílio.
Tempo
[editar | editar a fonte]O tempo da narrativa é cronolóxico e a narrativa lineal, ocorrendo no período entre o namoro de Luísa, a morte da nai, o abandono polo namorado, estendéndose polos tres anos de seu casamento con Jorge, até a viaxe e volta deste. A acción sitúase a fins do século XIX.
Foco narrativo
[editar | editar a fonte]Presenta un narrador omnisciente, que non consegue distanciarse por completo das súas personaxes, o que se caracteriza pola súa omnisciencia e polo emprego do argumento da obra. Describe detalles mínimos de obxectos ou vestiario, colocando o lector dentro da escena de maneira realista.
Espazo
[editar | editar a fonte]Lisboa é o escenario da crítica de Eça de Queirós; é o espazo da sociedade lisboeta por onde transitan as personaxes e onde elas expoñen as súas condicións socioeconómicas e históricas. Dentro desta cidade, a casa de Luísa e de Jorge e o Paraíso son os que teñen maior protagonismo. O Alentejo é o espazo que rouba a Jorge de Luísa, deixándoa nun marasmo sen fin. París é o escenario que devolve a Basílio a Luísa, traendo alegría e a novidade dunha vida de praceres e aventuras.
Estilo
[editar | editar a fonte]O libro contén unha linguaxe culta e extremadamente correcta, sendo o vocabulario rico e irónico. A linguaxe é empolada e artificial, típica do romanticismo. Impregnase o texto de Eça de Queirós dunha plasticidade admirable e perfecta.
Os procesos descritivos espaciais, en Queirós, non son simples palcos en que se instalan os suxeitos do relato: integran o carácter, o perfil das personaxes.
Conclusión
[editar | editar a fonte]Diante do escenario histórico, descrito no inicio desa análise, Eça de Queirós publica, en 1878, O Primo Basílio. O libro innova a creación literaria da época, ofrecendo unha crítica demoledora e sarcástica dos costumes da pequena burguesía de Lisboa. Eça de Queirós ataca unha das institucións consideradas máis sólidas: o casamento. Con personaxes espidos de virtude, situacións dramáticas xeradas a partir de sentimentos futeis e mesquindades, feitos amorosos con motivacións vulgares e mediocres – todo iso, ao mesmo tempo en que tece críticas, esperta o interese da sociedade de Lisboa. Eça de Queirós explora o erotismo cando detalla a relación entre os amantes. Innova tamén ao incluír diálogos sobre a homosexualidade e bisexualidade feminina. O autor, que xa mostrara a súa opción por unha literatura ácida e nada sentimental en O Crime do Padre Amaro, crea personaxes fisicamente decadentes – cheos de doenzas e achaques – e de comportamento sexual promiscuo.