Monovolume
O monovolume é un tipo de carrozaría que ten o compartimento do motor, de pasaxeiros e maleteiro integrados nunha soa unidade, para aproveitar o espazo de maneira óptima. Distínguese dun turismo pola maior altura (xeralmente entre 1,60 e 1,80 metros), e porque o capó e o vidro dianteiro son practicamente paralelos, a diferenza dos vehículos deportivos utilitarios como exemplo. Os compradores de monovolumes adoitan ser familias numerosas, que precisan utilizar moitas prazas e cargar moitos obxectos frecuentemente, ou que desexan simplemente un vehículo espazoso.
Denomínase «monovolume» debido a que o automóbil constitúe un único corpo, ou sexa deseño de «unha caixa» (é dicir, o parabrisas e o capó son o mesmo ángulo). O motor está aloxado de tal maneira que sobresae moi pouco por diante do eixe dianteiro, e está montado máis alto e mesmo máis inclinado ca nun turismo, para ceibar espazo no habitáculo. Segundo o modelo, os asentos pódense desenganchar e reenganchar ou desprazar sobre carrís, encartar ou mesmo desmontar. Esta «flexibilidade» permite configurar o interior do automóbil de acordo coas necesidades do propietario en cada situación. Todos os monovolumes teñen porta traseira, e o usual é que sexa moi vertical para aproveitar o espazo que se perdería se o vidro traseiro estivese máis inclinado.[1]
Historia
[editar | editar a fonte]O DKW F89 L, fabricado dende 1949 até 1962, foi un deseño con rodas dianteiras por diante da cabina de pasaxeiros, un curto e inclinado capó aerodinámico, tracción dianteira, motor transversal, piso de carga plano ao longo con asentos e aloxamento de carga flexíbeis - os ingredientes clave de deseño que describen a configuración moderna de «monovolume» popularizado nestes exemplos tan notábeis como os Renault Espace e Chrysler Voyager/Caravan.
Outros precursores dos monovolumes foron as furgonetas compactas. En 1950, o Volkswagen Tipo 2 adaptou unha carrozaría en forma de autobús ao compacto Tipo 1 (Escaravello). Colocouse ao condutor por riba das rodas dianteiras, sentado detrás dun «morro plano», co motor montado na parte traseira. Este enfoque para o condutor que se coloca na parte superior do eixe dianteiro coñécese como unha «cabina frontal». As dúas portas laterais con gonzos estaban do lado oposto ao do condutor, con portas laterais opcionais no lado do condutor.
Fiat construíu un vehículo semellante pero máis pequeno; o Fiat 600 Multipla baseado no Fiat 600 co mesmo concepto de cabina frontal, disposición do motor e o deseño das portas. Os fabricantes xaponeses e estadounidenses responderon con furgonetas compactas dende 1960. Polo xeral, sobre a base dos coches compactos con motor dianteiro e cun deseño de motor central dianteiro, o motor foi montado detrás ou debaixo do asento dianteiro e a parte dianteira cun morro plano, vertical. Como exemplos inclúense os modelos Ford Econoline (1961-1967), Chevrolet Van (1964-1970), Suzuki Carry e Toyota Hiace.
Cando Volkswagen presentou unha porta lateral corredoira na súa furgoneta en 1968, entón tiña todas as características que virían máis adiante a definir un «monovolume»: longura, tres filas de asentos orientados cara a adiante, deseño da porta traseira con gonzos semellante a un familiar, porta lateral corredoira, e a base dos automóbiles de turismo.
Categorías de monovolumes
[editar | editar a fonte]Nos últimos anos xurdiron monovolumes en segmentos semellantes aos dos automóbiles de turismo. Actualmente existen catro categorías:
- Micromonovolumes, de menos de 3,60 metros de longo, correspondentes ao segmento A. Exemplos: Hyundai Atos, Peugeot 1007, Opel Agila.
- Monovolumes pequenos ou minimonovolumes, con longura entre 3,80 e 4,05 metros, relacionados con modelos do segmento B. Exemplos: Citroën C3 Picasso, Fiat Idea, Renault Modus, Opel Meriva, Nissan Note.
- Monovolumes compactos, de entre 4,15 e 4,50 metros de longo, semellantes en tamaño aos turismos do segmento C. Xeralmente teñen cinco prazas, aínda que algúns que miden máis de 4,35 metros poden ter dúas prazas pequenas extra. Exemplos: Citroën C4 Picasso, Ford C-Max, Opel Zafira, Peugeot 5008, Renault Scénic, Toyota Verso, SEAT Altea e Kia Carens. Hai dous casos de configuracións de dúas filas de tres asentos: o Fiat Multipla e o Honda FR-V.
- Monovolumes grandes, de longura superior aos 4,60 metros, baseados en modelos do segmento D. Sete ou oito prazas son a norma, e moitos modelos teñen versións normais e longas, que poden superar os 5,00 metros. Exemplos: Citroën C8, Chrysler Voyager, Ford S-Max, Peugeot 807, Renault Espace, SEAT Alhambra.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ «Car Design Glossary - Part 2: One-Box (Monospace or Monovolume)». Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine. Car Design News - (en inglés).