Furgoneta
Unha furgoneta é un vehículo automóbil de catro rodas, cuberto e máis pequeno ca un camión,[1] empregado para o transporte de mercancías.[2] Ten na parte posterior unha zona de carga de formas ortogonais e con teito, ao contrario que unha pickup, que a ten ao aire libre. Nalgúns casos, esta zona ten varias ringleiras de asentos e está destinada a transportar só pasaxeiros, e noutras ocasións é mixta para carga e pasaxeiros ou está baleira, para transportar só a carga. Neste último caso, os vidros laterais poden ser substituídos por unha continuación da chapa.
O Regulamento Xeral de Vehículos de España determina que furgón ou furgoneta é o "automóbil con catro rodas ou máis, concibido e construído para o transporte de mercadorías, cuxa cabina está integrada no resto da carrozaría e cun máximo de nove prazas, incluída a do condutor".[3]
O portón traseiro é case sempre de dúas follas de apertura horizontal. Unha furgoneta adoita ser máis alta ca un automóbil de turismo e ca un monovolume. Con respecto a un monovolume, a posición dos asentos é máis ergueita e alta, e o morro máis curto. O motor é case sempre dianteiro e nalgúns casos está situado por baixo dos asentos dianteiros para diminuír a lonxitude total. Unha excepción son as furgonetas pequenas derivadas directamente de turismos do segmento B (e máis raramente do A ou do C).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Gran Dicionario Século XXI da Lingua Galega. Ed. Galaxia. Ed. O Cumio. Vigo, 2005. ISBN 978-84-8289-341-6
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para furgoneta.
- ↑ Real decreto 2822/1998, do 23 de decembro, polo que se aproba o Regulamento Xeral de Vehículos. Anexo II. Apartado A: "Definicións e categorías dos vehículos".