Minyons de Terrassa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
3 de 10 amb folre i manilles cargado polos Minyons. Terrassa, 2010.

Os Minyons de Terrassa son un grupo de castellers fundado en 1979. Teñen a súa sede en Terrasa e a súa camisa é de cor malva.

Os Minyons son a agrupación máis antiga de Terrasa, cidade sen tradición casteleira ata a súa aparición, e son unha das agrupacións máis destacadas do mundo "casteller", sendo os primeiros en teren completadas construcións de 10 pisos de altura.[1][2]

Historia[editar | editar a fonte]

Malia que Terrasa foi escenario de actuacións de castellers nas primeiras décadas do século XX, non foi ata a transición cando se comezaron a ver os primeiros castellers locais. No ano 1979, un grupo de xoves vinculados ao Centro Excursionista de Terrassa fixeron os seus primeiros castelos de xeito informal, e o grupo evolucionou ata completar unha primeira actuación o 14 de xullo de 1979 na praza Vella de Terrasa.[3]

No ano 1980 unha escisión deu lugar á fundación dos Castellers de Terrassa. A pesar diso, a evolución dos Minyons foi notable, completando castelos de sete pisos o ano 1980 e acadando erguer o seu primeiro castelo de oito pisos, o 4 de 8, en 1982.

En 1987, os Minyons acudiron por primeira vez á Diada de San Félix en Vilafranca del Penedès, unha das máis importantes do calendario, onde lograron cargar o seu primeiro 2 de 8 amb folre, unha torre que completarían en Terrasa nese mesmo ano, atinxindo tamén o 5 de 8 e o 3 de 8.

Após completar en 1989 o seu primeiro castelo de nove pisos, en 1993 a agrupación conseguiu, por primeira vez na historia, cargar o 2 de 9 amb folre i manilles, a primeira torre con tres bases. No mesmo 1993, a Generalitat de Cataluña concedeulles a Creu de Sant Jordi, a máxima distinción do goberno catalán.

En 1995 conseguiron en Barcelona o primeiro 5 de 9 amb folre do século XX, e en 1998 repetiron xesta en Xirona co primeiro 4 de 9 sense folre descargado en máis de 100 anos.[4] Meses máis tarde, o 22 de novembro de 1998, os Minyons convertéronse na primeira agrupación en completar un castelo de dez pisos: o 3 de 10 amb folre i manilles, unha construción que os Castellers de Vilafranca cargaran unha semana antes malia que a deixaron sen completar.[4]

En 2008, a agrupación marcou de novo un fito conseguindo cargar o primeiro 3 de 9 amb folre i pilar da historia[5]. E no ano 2015 os Minyons fixeron o primeiro 4 de 10 amb folre i manilles da historia, a torre máis grande da historia, converténdose unha vez máis en pioneiros dos castells[6].

Posición contraria aos concursos de castells[editar | editar a fonte]

Ademais da súa filosofía innovadora tecnicamente, os Minyons destacan pola súa posición contraria a competición. Dende 1980, a agrupación negouse a participar en tódalas edicións do Concurso de Castells de Tarragona, que se celebra nesta localidade de xeito bianual. A agrupación defende que os castells non deben ser unha competición nin se deben puntuar, ademais de opoñerse a outras características do certame como o cobro de entrada, a falta de colaboración do público e entre agrupacións ou o funcionamento da actuación.[7]

Malia que os Minyons non son a única agrupación que se negou a participar (fixérono, tamén, outros grupos como os Bordegassos de Vilanova), a agrupación de Terrasa sempre foi das máis críticas coa puntuación das torres e as competicións, unha postura que foi máis notábel polo feito de ser unha das agrupacións máis destacadas do mundo dos castells.[8]

Primeiro 4 de 10 da historia, completado pola agrupación o 22 de novembro de 2015 en Terrasa.

Incorporación da muller ao mundo dos castells[editar | editar a fonte]

Dende a súa orixe a finais do século XIX, os castelos foron unha actividade puramente masculina, con algunha colaboración esporádica e anecdótica dalgunha persoa feminina próxima á actividade por vínculos basicamente familiares. Non foi ata a aparición dos Minyons de Terrassa en 1979, nun contexto de reivindicación, modernidade e progresismo, que as mulleres se incorporaron aos castells en situación de igualdade. En todo momento, os Minyons tiveron claro que as mulleres non podían quedar excluídas dunha actividade cultural, lúdica, festiva e mesmo fisicamente dura como son os castelos. Ata entón, como moito podía ser a enxaneta, pero non participaba na dinámica da agrupación nin ocupaba outros postos no tronco do castelo, núcleo ou piña.

Dende o primeiro momento, os Minyons de Terrassa formaron as súas construcións con homes e mulleres por igual. Esta innovación foi recibida con escepticismo por parte dos sectores máis tradicionalistas, mais as críticas quedaron silenciadas polos resultados positivos e os avances técnicos que provocou este cambio.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "14 de xullo: Hai 40 anos que se presentaban os Minyons de Terrassa". Catalunya M'agrada (en catalán). Consultado o 2022-01-10. 
  2. 2,0 2,1 Casulleras Nualart, Josep. "Irreverentes e pioneiros, a clave do éxito dos Minyons de Terrassa". VilaWeb (en catalán). Consultado o 2022-01-10. 
  3. Minyons de Terrassa (ed.). "Resumo da nosa historia". Consultado o 2022-01-10. 
  4. 4,0 4,1 Casteller, Baròmetre. "40de9: 1998: os primeiros castelos de 10 e o 4 limpo | RevistaCastells.cat". revistacastells.cat (en catalán). Consultado o 2022-01-10. 
  5. AVUI.cat. "Os Minyons cargan o inédito 3 de 9 con 'folre' e agulla no seu gran día- 16 nov 2008". El Punt Avui (en catalán). Consultado o 2022-01-10. 
  6. Vallespín, Ivanna (2015-11-22). "Os 'Minyons' fan historia co 4 de 10 con ‘folre e manilles’". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2022-01-10. 
  7. Albalate, Joaquim. "Por que os 'Minyons' de Terrassa non queren ir Concurso de 'Castells'?". www.naciodigital.cat (en catalán). Consultado o 2022-01-10. 
  8. "Todo aquilo que é preciso saber sobre o Concurso de 'Castells' de Tarragona". VilaWeb (en catalán). Consultado o 2022-01-10. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

= Ligazóns externas[editar | editar a fonte]