Saltar ao contido

Maccaa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os maccaa constitúen un subgrupo oromo que habita en Etiopía entre o río Didessa e o Omo e mais no sur na rexión de Gibe  

Historia[editar | editar a fonte]

Como o resto dos oromo, os maccaa desprazáronse ao sur do Nilo Azul no contexto da coñecida como expansión oromo, a migración cara ao sur e o asentamento nunha zona que vira destruída na primeira metade do século XVI as súas estruturas políticas e sociais como consecuencia da guerra entre os cristiáns do imperio etíope e os musulmáns do sultanato de Adal baixo Ahmad ibn Ibrahim al-Ghazii[1].

Os maccaa establecéronse na rexión en pequenos grupos e someteron á poboación local, probablemente omótica e de fala nilo-sahariana que, por efecto do conflito bélico, quedara dramaticamente reducida, e gradualmente foise asimilando ata acabar por se incorporar ás estruturas do clan maccaa tornando oromos. En orixe, os maccaa compartían o mesmo sistema gadaa cos tulama e a súa xefatura localizábase ao sur da actual Adís Abeba. Non obstante, contra finais do XVI os maccaa estableceron a súa propia gadaa coa xefatura en Tute Bisil, no curso alto do Gibe, con Makkoo Bilii como o primeiro xefe. Tanto os tulama como os maacaa culpáronse mutuamente por esta violación das normas.

En 1963 estableceuse a Asociación de Axuda Mutua Maccaa e Tulama, unión de tres asociacións de axuda mutua formadas a primeiros da década en Adís Abeba, xermolo dunha organización política nacionalista oromo[2], xa que o réxime etíope non permitía a formación de organizacións políticas. A organización reivindicaba liberdades políticas e culturais para o pobo oromo e fomentaba unha conciencia de unidade entre os oromos [3]e o goberno etíope acabou prohibíndolle as súas actividades en 1967. En 1994 organizouse unha asociación sucesora á que de novo o goberno volveu prohibirlle a actividade en 2004.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Hassen, Mohammed (1994). The Oromo of Ethiopia: A History (1570–1860. Red Sea Press. 
  2. Hassen, M (1998). "The Macha-Tulama Association 1963–1967 and the development of Oromo nationalism". En Jalata, A. Oromo Nationalism and the Ethiopian Discourse. Red Sea Pres. pp. 183–221. 
  3. Jalata, A. (1995). "The emergence of oromo nationalism and ethiopian reaction". Social Justice 22 (3): 165.