Leis de Mańczak

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

As leis de Mańczak son unha serie de enunciados que resumen xeralizacións estatísticas sobre tendencias observadas no cambio lingüístico das linguas que relacionan a frecuencia dos morfemas, a lonxitude dos mesmos e outros aspectos coa maior ou menor facilidade para o cambio. Estas leis foron enunciadas polo romanista Witold Mańczak en varias publicacións (1958, 1963, 1978, 1989).

Primeira lei[editar | editar a fonte]

A primeira lei de Mańczak refírese ao feito de que as linguas buscan a miúdo suprimir a variedade alomórfica en beneficio da uniformidade e a simplicidade morfolóxica. A este proceso de eliminación de alternativas equivalentes ás veces chámanlle nivelación analóxica. A formulación do propio Mańczak desta xeralización é:

1ª LEI Os morfemas de idéntico significado desaparecen máis frecuentemente do que aparecen.

Segunda e terceira lei[editar | editar a fonte]

Estas dúas leis recollen o feito de que os elementos "máis lixeiros" fonicamente, son os que son retidos en maior grao e son máis resistentes ao cambio. Isto parece relacionado dalgunha maneira co principio de economía e mínimo esforzo. A segunda lei fala da probabilidade de substitución dun tipo de elementos por outros, o enunciado desta segunda lei é:

2ª LEI No que atinxe a:
a) os morfemas máis breves - os morfemas máis longos,
b) as palabras máis breves - as palabras máis longas,
c) as palabras - os grupos de palabras,
os primeiros son substituídos máis frecuentemente polos segundos que viceversa.

A terceira fala da retención, non da substitución e afirma que:

3ª LEI No que atinxe a:
a) os morfemas máis breves - os morfemas máis longos,
b) as palabras máis breves - as palabras máis longas,
c) as palabras - os grupos de palabras,
os primeiros consérvanse máis frecuentemente que os segundos, os primeiros manteñen o seu carácter arcaico máis frecuentemente que os segundos, os primeiros provocan a modificación dos últimos máis frecuentemente que viceversa.

Cuarta lei[editar | editar a fonte]

A cuarta lei recolle o feito constatado de que certos cambios de asimilación analóxica se producen preferentemente en certa dirección, feito que foi sinalado previamente por Kuryłowicz.

4ª LEI No que atinxe ás formas máis frecuentes e ás formas menos frecuentes, por exemplo as:
a) de singular - dos doutros números (dual, plural)
b) do indicativo - dos outros modos,
c) do presente - dos outros tempos,
d) da 3ª persoa - das outras persoas,
e) os numerais inferiores - os numerais superiores,
f) os numerais cardinais - os numerais ordinais,
as primeiras formas mantéñense máis frecuentemente que as segundas, as primeiras conservan un carácter arcaico máis frecuente que as segundas, as primeiras provocan a modificación das segundas máis que viceversa, as primeiras substitúen ás outras máis frecuentemente que viceversa.

Quinta lei[editar | editar a fonte]

Esta é unha lei de alcance máis restrinxido, referida basicamente á onomástica, que afirma:

5ª LEI No que atinxe a:
a) os casos locais dos nomes xeográficos - os mesmos casos dos nomes comúns
b) os casos non locais dos nomes comúns - os mesmos casos dos nomes xeográficos,
c) os nomes comúns - os nomes propios de persoa,
os primeiros conservan un carácter arcaico máis frecuentemente que os outros.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]