Saltar ao contido

Irmandiños: a revolta

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Exército de Pimentel diante de dous soldados de Pedro Madruga na edición de 2008

Irmandiños: a revolta foi un xogo de rol en vivo desenvolvido pola empresa 13NEGATIVO,[1] e a Consellería de Mocidade da Xunta de Galicia entre os anos 2006 e 2008, co obxectivo de divulgar a historia medieval de Galicia e pór en valor o seu patrimonio para favorecer o seu aproveitamento turístico. O evento recreaba o asedio do Castelo de Monterrei dentro da segunda Revolta Irmandiña, incluíndo un gran número de participantes en cada bando, motivo polo que a súa edición do 2007 foi recollida no Libro Guinness.[2] Desenvolveuse durante unha fin de semana completa, desde a tarde do venres até o domingo ao mediodía. Coa súa celebración a Xunta de Galicia publicou un libro, a modo de manual, no que ademais do regulamento, incluía unha completa crónica histórica da época, elaborada co asesoramento do historiador Anselmo López Carreira.

"Irmandiños: a revolta" situábase dentro do contexto histórico da segunda revolta irmandiña. Durante dita revolta as irmandades, milicias formadas por diversos grupos sociais, opuxéronse militarmente á alta nobreza, contando co apoio de Henrique IV de Castela, que se atopaba inmerso nunha loita polo trono coa nobreza que apoiaba ao seu irmán Afonso.

A revolta foi un éxito e derivou na formación dun exército irmandiño, que se estima que chegou a contar con 80.000 efectivos. Devandito exército asediou e derrubou multitude de castelos en Galicia, facendo fuxir á alta nobreza. A Santa Irmandade gobernou de facto Galicia entre os anos 1466 e 1468. Neste ano Henrique IV de Castela asina o tratado dos Touros de Guisando, que dá por concluída a guerra sucesoria en Castela.

Regras do xogo

[editar | editar a fonte]

"Irmandiños: a revolta" baseaba o seu sistema de xogo no soft-combat. Desta maneira os participantes enfrontábanse con réplicas acolchadas de espadas e outras armas, permitindo un xogo fluído e seguro. Cada participante contaba cuns puntos de vida, que se podían ver modificados pola armadura que portase e outros factores. Cada golpe recibido restaba un ou máis destes puntos, en función da arma. Se un xogador chegaba a cero puntos de vida, morría.

Os xogadores mortos podían, tras unha espera de aproximadamente media hora, volver ao xogo cun novo personaxe, aínda que con menos puntos de vida iniciais. Se un xogador perdía 3 personaxes, quedaba fóra do xogo. Para maior seguridade, non estaban permitidos os golpes na cabeza e pescozo, que estaban mesmo penalizados, nin tampouco no antebrazo nin nos pés. Tamén estaba prohibido escalar as murallas do castelo ou acceder a outras zonas escarpadas e perigosas.

Estas regras foron modificándose ao longo das tres edicións do xogo, pero mantiveron a base.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]