Ilyushin Il-1

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ilyushin Il-1
Tipocaza
FabricanteIlyushin
Primeiro voo19 de maio de 1944
Unidades construídas1

O Ilyushin Il-1 (cirílico: Илью́шин Ил-1) foi un caza soviético desenvolvido durante a segunda guerra mundial pola oficina de deseño Ilyushin.Deseñouse en 1943 como un caza blindado para ser usado a altitudes baixas e medias contra os últimos cazas alemáns, pero cando realizou o seu primeiro voo en maio de 1944 os soviéticos xa obtiveran a superioridade aérea e polo tanto xa non era necesario. Só chegou a fabricarse un exemplar, pero a versión paralela de ataque de dous asentos levou ao exitoso Ilyushin Il-10.

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

En 1943 Sergey Ilyushin comezou a traballar nun novo avión, o caza blindado Il-1, en versións mono e biplaza. O Il-1 era semellante ao deseño do Ilyushin Il-2, pero era máis moderno e compacto, e estaba impulsado por un novo motor Mikulin, o AM-42. O Il-1 usaba o mesmo principio de carcasa blindada para protexer o motor e ao piloto como facía o Il-2, pero a protección incrementouse movendo o refrixerador do aceite e o radiador dentro da carcasa, arrefriada por condutos próximos á unión entre as ás e a fuselaxe. O tren de aterraxe retraíase cara a popa e as rodas xiraban para quedar planas dentro das ás. Os dous canóns VYa-23 aproveitáronse do Il-2, pero eran o seu único armamento nesa forma. Podía levar externamente 200 kg de bombas en condicións de sobrecarga. Na parte traseira levaba un dispensador de 10 granadas para usar contra os cazas perseguidores.[1]

O Il-1 realizou o seu voo de estrea o 19 de maio de 1944 e demostrou unha velocidade máxima de 580 km/h durante as probas do fabricante, pero esta era significativamente menor que a de cazas soviéticos xa en servizo polo que Ilyushin decidiu non presentalo para os ensaios de aceptación do Estado.[2]

Dende o principio, Ilyushin decidira converter a versión de dous asentos do Il-1 nun avión de ataque terrestre, coa designación cambiada a Ilyushin Il-10 en abril de 1944, xa que os números impares estaban reservados para os cazas. O Il-10 voou por primeira vez o 19 de abril de 1944, e foi sometido ás probas estatais con éxito o mes seguinte.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Gordon, p. 46
  2. Gordon, pp. 46-47
  3. Gordon, p. 47

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Gordon, Yefim; Komissarov, Dmitriy and Sergey (2004). OKB Ilyushin: A History of the Design Bureau and its Aircraft. London: Ian Allan. ISBN 1-85780-187-3.