O ISBD (inglés:International Standard Bibliographic Description; "Descrición bibliográfica normalizada internacional") é un conxunto de regras elaborado pola Federación Internacional de Asociacións e Institucións Bibliotecarias (IFLA) para crear descricións bibliográficas de xeito estandarizado e lexible para as persoas, especialmente usadas para bibliografías ou catálogos. Unha versión preliminar do estándar foi publicada en 2007, e a edición consolidada en 2011 (actualizada en 2021).
Un dos seus propósitos orixinais era ofrecer unha forma estandarizada de descricións bibliográficas para o intercambio internacional de rexistros, co obxectivo de contribuír ao programa de Control Bibliográfico Universal da IFLA.[1]
O ISBD define nove áreas de descrición. Cada unha delas, agás a área 7, está composta por múltiples elementos con clasificacións estruturadas. Os elementos ou áreas que non se aplican a un recurso en particular omítense da descrición. A puntuación estandarizada (vírgula, punto e coma, barra, guión, punto...) úsase para identificar e separar os elementos e mais as áreas. A orde dos elementos e a puntuación estandarizada axudan a interpretar os rexistros bibliográficos cando non se entende a linguaxe na que está elaborada a descrición.