Historia de Dallas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Historia urbana de Dallas")

A historia urbana de Dallas comeza a partir do ano 1841, nun val do río Trinity, antigo cruzamento de camiños dos indios Caddo, en territorio pertencente dende 1836 á independizada República de Texas, John Neely Bryan fundou un asentamento con colonos de comunidades veciñas (Bird's Fort, 35 km ao NO; Peter's Colony). A súa primeira idea (1839) fora a dun posto comercial, pero a lei que decretou o desaloxo dos indios da rexión deixábao sen a metade da clientela.

En 1844, John N.Bryan e J.P.Dumas deslindan unha extensión de 130 hectáreas que deseñan en cuadrícula de mazás e rúas cunha praza pública central, dando ao establecemento o nome de Dallas. Ao ano seguinte, 32 cidadáns votaron alí, por 29 a 3, a anexión de Texas aos Estados Unidos [1][2]. Entre 1855 e 1860, a cinco quilómetros ao oeste, na outra beira do Trinity, houbo unha colonia de utopistas (fourieristas) europeos, La Réunion, que fracasou e foi anexionada a emerxente poboación (hoxe é un distrito da urbe).

Nó ferroviario[editar | editar a fonte]

Vista de paxaro de Dallas, 1872

Pero o acontecemento crucial no desenrolo de Dallas foi a chegada do ferrocarril (1871-3). Froito do esforzo dos seus próceres que conseguiron que as dúas liñas principais de Texas (N-S e E-O) pasaran pola vila (xusto de diante da ribeira do Trinity), asegurando así o seu futuro coma centro comercial e nó de comunicacións [3][4].

O crecemento poboacional que seguiu levou a anexión de comunidades veciñas (1890, East Dallas; e sobor de todo a de Oak Cliffs e a outra beira do río en 1903 [5]). Pero non foi ata a terceira década do século XX que tomouse conciencia do organismo urbano coma un conxunto e non coma un mero agregado de partes (no que a poboación negra era sistematicamente segregada). Así, entre 1927 e 1930 aprobáronse plans de mellora de servizos públicos xerais (parques, escolas, rúas, augas).

O permanente problema do río Trinity[editar | editar a fonte]

Tamén foi esta a época do reencauzamento (800m ao oeste) e canalización do Trinity e a construción de pontes (unha de formigón en 1912, a máis longa do mundo na data) que resistiran as periódicas inundacións (especialmente calamitosa a de 1908). Pero o gran plan (Kessler Plan de 1911 e levado adiante coma Dallas Floodway, 1928-31 [6][7]) cambiou a faciana do centro histórico deixándoo enfrontado a un gran baleiro pobremente articulado cunha amálgama de infraestruturas e edificacións variadas[8][9].

A Gran Depresión dificultou a posta en funcionamento completa do plan, inda que non tivo os efectos que noutras zonas do país e mesmo foi un período de bonanza polo descubrimento de petróleo na rexión. O cal, unido a que Dallas fora elixida unha das sedes da Reserva Federal (1911), converteuna tamén en centro financeiro (coa erección nas últimas décadas de rañaceos das sedes corporativas de bancos e petroleiras no downtown).

Trala IIGM refíxose a canalización do Trinity paliando a súa desoladora extensión [10] con parques de ribeira. Inda hoxe está en marcha un ambicioso proxecto de extensión do Dallas Floodway (con ponte de S. Calatrava) [11][12].

Xa dende finais dos cincuenta, Dallas comezou a despuntar coma centro tecnolóxico, o que non fixo senón acelerarse no último decenio. Tamén tenta facerse un oco de prestixio no mundo da cultura cun ambicioso complexo de museos, ópera, auditorio e teatro no Arts District (nordeste da cuadrícula fundacional), con edificios dos máis afamados arquitectos deste tempo [13][14].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Traza inicial de Dallas nun esquema de 1855
  2. Plano de Dallas, 1878
  3. Plano de Dallas, 1894
  4. Vista de paxaro da cidade en 1892
  5. Mapa de Dallas, 1920
  6. Vista aérea do Dallas Floodway, 1933
  7. Idem máis sobor do centro histórico; pódese apreciar o antigo curso do Trinity esvaecéndose [1]
  8. Vista aérea da cuadrícula de Dallas fronte ao baleiro do Trinity en 1935 [2]
  9. Vista aérea moderna do antigo leito do Trinity a carón da cuadrícula fundacional [3]
  10. Laboura de rehabilitación do reencauzamento do Trinity en 1955
  11. Plan da extensión do Dallas Floodway
  12. Magnífica vista aérea (2,5Mb) do mesmo
  13. Plan xeral do Arts District
  14. Vista xeral do futuro conxunto