Historia da Cidade de México

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Historia urbana da Cidade de México»)

A cidade de México fundouse no ano 1356 baixo o nome de Tenochtitlán polos aztecas e dende esa data foi a capital, primeiro do Imperio Mexica, despois do Vicerreinado da Nova España, posteriormente do Imperio Mexicano e finalmente dos Estados Unidos Mexicanos.

Tenochtitlan[editar | editar a fonte]

Os mexicas ou aztecas, pobo do altiplano mexicano, arribaron na súa pelegrinaxe ata o val onde se atopaba o lago de Texcoco, aos pés do gran volcán Popocatépetl, en torno ao que xa había asentamentos doutros pobos.[1] Coma no medio do lago existían algunhas illas decidiron asentarse na maior. Corría o ano 1325. Mediante a achega de barro e raíces de plantas (chinampas) foron unindo as illas ata crear unha soa onde foi configurándose a súa capital, á que chamaron Tenochtitlán, na honra do seu sacerdote Tenoch quen lles profetizara o sitio pola visión dunha aguia sobor dun nopal. En 1377, un grupo de descontentos fundan Tlatelolco, centro secundario ao noroeste [2].

Tenochtitlán vai crecer pola actividade comercial primeiro e despois coa expansión do imperio azteca polo territorio circundante (1434). Construíronse diques (albarradas) para previr inundacións e acuedutos (1445-66). A cidade organízase en torno ao centro cerimonial (1487) coa gran pirámide templo maior do deus Huitzilopocht, outros templos e os palacios do emperador [3]. Dende alí partían catro calzadas segundo os puntos cardinais das que tres levaban a terra firme e dividían a capital en catro barrios atravesados por canais [4].

Cando Hernán Cortés chega en 1519 a Tenochtitlán, esta era a máis esplendorosa cidade de América e podía rivalizar coas contemporáneas europeas : templos , palacios, prazas, escolas, zoolóxicos, rúas pavimentadas con beirarúas e pontes levadizos sobor dos innumerables canais...[5].

En 1521, durante o asedio e conquista, a gran capital é destruída.

Época colonial : capital de Nova España[editar | editar a fonte]

En 1523, en contra dos consellos, Cortés decide fundar a capital da Nova España no mesmo lugar, polo prestixio e poder que representaba. Faise a traza renacentista en damero típica das fundacións coloniais hispanas pero sobor dos eixos maiores de Tenochtitlán : o centro, palacio de Cortés e futura catedral no que foran palacios de Montezuma e templo do sol respectivamente, no sur do anterior gran recinto cerimonial ; e as catro vías máis importantes segundo as antigas aztecas. Utilízanse os cascallos da cidade destruída para as novas construcións e tamén para cegar moitos dos canais que existían. En todo caso a traza da nova capital, a Cidade de México, ocupa só o centro da anterior, deixándose os barrios para os indios ([6] 1555).

Nos séculos XVII e XVIII, a cidade vaise configurando : o palacio virreinal e a catedral arredor da Praza Maior, o futuro Zócolo, centro da actual metrópole; edificios das ordes relixiosas, universidade, hospital, tribunal da inquisición..., sempre a beira das rúas principais. Na de saída de poñente cara a terra firme vaise desecando a lagoa para dar lugar ao que será a Alameda, ademais de reconstruirse o acueduto de Chapultepec. A capital, ao través das fachadas dos seus edificios, adquire o seu aspecto barroco colonial característico [7],[8].

En todo caso, a cidade sofre de frecuentes inundacións froito da ruptura do delicado equilibrio hidrolóxico do lago trala conquista. Novos diques e obras de desaugadoiro do val no rematan de solucionar o problema.

Independencia : distrito federal[editar | editar a fonte]

Trala independencia en 1821, se constitúe o distrito federal coma sede do goberno republicano. Despois, a metade de século, coa desamortización das propiedades eclesiásticas e o imperio, a cidade busca a súa expansión mediante a apertura de novas rúas e o trazado de amplas avenidas seguindo o exemplo dos bulevares parisienses.[9] A máis representativa ata hoxe é o Paseo da Reforma, deseñada para conectar o centro co Castelo de Chapultepec[10] e ampliada ata Tlatelolco [11] ; é o verdadeiro corazón en diagonal da metrópole actual [12],[13],[14].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. [1]
  2. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 22 de outubro de 2006. Consultado o 21 de outubro de 2005. 
  3. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 11 de abril de 2006. Consultado o 22 de outubro de 2005. 
  4. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 12 de abril de 2006. Consultado o 24 de outubro de 2005. 
  5. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 22 de outubro de 2006. Consultado o 22 de outubro de 2005. 
  6. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 24 de outubro de 2005. Consultado o 24 de outubro de 2005. 
  7. [2] Arquivado 08 de febreiro de 2006 en Wayback Machine.[3] Arquivado 27 de setembro de 2007 en Wayback Machine.
  8. [4]
  9. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2007. Consultado o 25 de outubro de 2005. 
  10. [5]
  11. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2007. Consultado o 25 de outubro de 2005. 
  12. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2007. Consultado o 25 de outubro de 2005. 
  13. [6]
  14. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 17 de febreiro de 2006. Consultado o 17 de febreiro de 2006.