Hipótese do hidróxeno
A hipótese do hidróxeno é un modelo proposto por William Martin e Miklós Müller en 1998 que describe unha posible maneira pola cal se orixinou unha mitocondria dentro da primeira célula eucariota no marco da teoría endosimbiótica.[1][2][3][4]
Segundo a hipótese do hidróxeno, a primeira célula eucariota non apareceu como consecuencia de que unha primitiva célula hóspede inxerise unha bacteria primitiva e que esta, ao non ser dixerida, se convertese finalmente nunha mitocondria tal como a teoría endosimbiótica actual sostén. En lugar disto, suxire que o hóspede, unha arquea metanóxena que utilizaba hidróxeno e dióxido de carbono, producindo metano, e unha bacteria anaerobia facultativa (a futura mitocondria que produce hidróxeno e dióxido de carbono como subprodutos da respiración anaerobia), comezaron unha relación simbiótica baseada na dependencia do hidróxeno producido polo hóspede (simbiose anaerobia).
A idea orixinouse cando Martin asistiu a unha charla de Müller sobre os hidroxenosomas. Os hidroxenosomas son orgánulos que funcionan como se fosen mitocondrias anaerobias que producen ATP e grandes cantidades de hidróxeno e dióxido de carbono. Unha das diapositivas que presentou Müller mostraba un grupo de metanóxenos arredor dun hidroxenosoma dentro dunha célula eucariota á cal invadiran.
Esta hipótese, se é correcta, implica que os eucariotas son quimeras con ascendencia arqueana e bacteriana. Ademais, implica que os eucariontes apareceron despois de que se desenvolveran os procariontes. Isto contrasta coas teorías actuais que asumen que Archaea e Eukarya se separaron antes de que aparecesen os grupos modernos de arqueas. A hipótese do hidróxeno mantén ademais que non existiron nunca eucariontes primitivos que carecesen de mitocondrias, en contraste con outras teorías actuais, que consideran a existencia de tales células.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Martin W. and Müller M. (1998). "The hydrogen hypothesis for the first eukaryote". Nature 392 (6671): 37–41.
- ↑ López-García, P., and Moreira D. (1998). Symbiosis Between Methanogenic Archaea and delta-Proteobacteria as the Origin of Eukaryotes: The Syntrophic Hypothesis. Journal of Molecular Evolution 47: 517-530.
- ↑ López-García P, Moreira D. (1999). "Metabolic symbiosis at the origin of eukaryotes.". Trends Biochem Sci. 24 (3): 88–93.
- ↑ Poole AM. and Penny D. (2007). "Evaluating hypotheses for the origin of eukaryotes" (PDF). Bioessays 29 (1): 74–84. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 13 de xaneiro de 2012. Consultado o 29 de agosto de 2018.