Himno nacional da Arxentina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Himno Nacional Arxentino é o himno oficial da Arxentina. Foi escrito por Vicente López y Planes en 1812 e composto por Blas Parera un ano máis tarde. Orixinalmente foi denominado Marcha patriótica, logo Canción patriótica nacional e posteriormente Canción patriótica. Unha publicación en 1847 chamouno "Himno Nacional Arxentino", nome que conservou e co cal é coñecido.

Historia[editar | editar a fonte]

Vicente López y Planes, autor da letra do Himno Nacional Arxentino.

O 24 de maio de 1812 presentouse na "Casa de Comedia" de Buenos Aires a obra teatral "O 25 de Maio", referida á Revolución de Maio de 1810, de Luis Morante. A mesma remataba cun himno escrito polo propio Morante, ó que o español Blas Parera puxera música, coreado polos actores. Un dos espectadores, o porteño Vicente López y Planes, sentiuse inspirado e esa mesma noite escribiu a primeira estrofa dun himno para substituír o anterior.

Blas Parera y Moret, autor da música do Himno Nacional Arxentino.

O Triunvirato entendeu que debía darlle ó pobo un canto nacional de maior importancia que o que até entón se entoaba. Nun oficio do 22 de xullo de 1812 dirixido ao Cabido de Buenos Aires, suxería a este que mandase a compor "a marcha da patria", para ser executada ó principio das funcións teatrais, debendo o público escoitala de pé e descuberto, así como nas escolas ó rematar diariamente as clases.

A Asemblea Xeral Constituínte do Ano XIII ordenou compor a letra do himno con data 6 de marzo de 1813 e aprobouno como "Marcha Patriótica" o 11 de maio dese ano. O día seguinte encargoulle compor unha nova música a Blas Parera. Nunha soa noite terminou a partitura.

Segundo a tradición, o 14 de maio de 1813, na casa de Mariquita Sánchez de Thompson cantouse por primeira vez, sendo aquela dama quen interpretou as súas estrofas.[1] Estímase que a obra foi presentada o mesmo día 25 de maio de 1813, xa que o día 28 dese mesmo mes cantouse no teatro durante unha función patriótica efectuada durante a noite. Logo coñeceríase como Canción Patriótica Nacional, e máis tarde simplemente como Canción Patriótica. Pero nunha copia de 1847 aparece titulada como Himno Nacional Arxentino, nome que recibe na actualidade.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ministerio de Educación da Nación. Efemérides Culturais Arxentinas http://www.me.gov.ar/efeme/diahimno/parera.html