Forza Aérea Imperial Rusa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Forza Aérea Imperial Rusa estableceuse en 1910 ao mercar o exército ruso unha serie de aeroplanos franceses e adestrar os primeiros pilotos militares na escola de pilotos establecida en Sebastopol por Alexandre Mikhailovich de Rusia quen foi o seu primeiro responsable.

Igor Sikorski contribuiu á mellora da aviación militar rusa coa construción en 1913 do Ilia Muromets, o primeiro bombardeiro estratéxico de catro motores. Ao comezo da Primeira Guerra Mundial, Rusia tiña a segunda forza aérea militar por tras de Francia pero nunha gran parte estaba composta por vellos avións franceses e durante os primeiros meses do conflito as autoridades militares rusas só usaron os avións para misións de recoñecemento e coordinación da artillería. En decembro de 1914 formouse o primeiro escuadrón de combate, formado por Ilia Muromets e que loitou contra os exércitos de Alemaña e Austria-Hungría. Entre os pilotos salientaron Piotr Nesterov, o primeiro piloto en destruír un avión inimigo en voo na historia da aviación militar e Aleksandr Kazakov que destruiu 32 avións inimigos.

En 1915 a Forza Aérea Imperial Rusa que ata entón formaba parte do Corpo de Enxeñeiros estableceuse como un brazo separado do exército baixo o mando dun Stavka (comandante en xefe). Despois da Revolución Rusa converteuse na Forza Aérea Soviética.