Saltar ao contido

Fortriu

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Localización aproximada de Fortriu.

Fortriu ou Reino de Fortriu é o nome co que os historiadores se refiren ó antigo reino dos pictos, e a miúdo emprégase para designar ós pictos en xeral. Atopábase con toda probabilidade arredor de Moray e ó leste do Condado de Ross, no norte de Escocia, aínda que tradicionalmente situouse arredor de Strathearn, no Central Belt.

A palabra mesma de "Fortriu" é unha reconstrución moderna. É o hipotético caso nominativo en irlandés antigo do caso xenitivo ou dativo Fortrenn e Fortrinn. A forma picta reconstruída debía ser Uerturio, e de feito dúas das principais tribos pictas eran denominadas polos romanos Uerturiones. O cambio na inicial debeu producirse debido a que os falantes de linguas goidélicas transforman as Ou/V, W ou Gw das linguas britónicas en F (como no caso do gaélico escocés Fionn, do mesma orixe que o galés Gwyn, "branco").

Tradicionalmente, críase que o reino de Fortriu debía estar no centro de Escocia, con capital quizais en Strathearn, até o punto de que a comunidade académica considerábao algo comunmente aceptado. Porén, novas investigacións levadas a cabo polo historiador Alex Woolf parecen eliminar devandito consenso, e mesmo a idea mesma da localización de Fortriu. Como apunta Woolf, a única base para a antiga localización de Fortriu era unha batalla preto de Strathearn na que os "homes de Fortriu" tomaran parte. Este argumento era feble por dous motivos: en primeiro lugar, existen dous Strathearn, un no norte e outro no sur de Escocia; ademais, nada impide que os "homes de Fortriu" estivesen guerreando lonxe do seu propio territorio. Máis aínda, unha enumeración de pobos incluída na Crónica anglosaxoa deixa ben claro que Fortriu situábase ó norte do Mounth (é dicir, dos Montes Grampianos), na área visitada por San Columba. A Profecía de Berchán tamén sinala de que o rei Dub de Escocia morreu na "Chaira de Fortriu". Outra fonte, a Crónica dos reis de Alba, dinos que devandito rei morreu en Forres, unha poboación de Moray. Ademais, certas adicións á Crónica de Melrose confirman que Dubh morreu a mans dos homes de Moray, en Forres.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Anderson, Alan Orr, Early Sources of Scottish History: AD 500-1286, 2 Vols, (Edimburgo, 1922)
  • Hudson, Benjamin T., Kings of Celtic Scotland, (Westport, 1994)
  • Watson, W. J., History of the Celtic Place-Names of Scotland, (Edimburgo, 1926).
  • Woolf, Alex, "Dun Nechtain, Fortriu and the Geography of the Picts", Scottish Historical Review 85(2006),182-201.