Saltar ao contido

Fita americana

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Rolo de fita americana gris.
Fita distribuída por Skilcraft.

A fita americana ou cinta americana, coñecida tamén como fita de tea ou fita prateada (en inglés orixinariamente duck tape[1]e despois duct tape[2]) é un tipo de fita adhesiva que se caracteriza por ter unha rede ou fiado de fibras naturais ou sintéticas parecida a unha venda como reforzo con recubrimento de polietileno. O resultado é unha fita doada de cortar coas mans, máis forte e resistente á tracción e presión que outras fitas e que ten múltiples usos. Adoita presentarse en rolos moito máis anchos que outras fitas adhesivas. O lado non adhesivo normalmente é de cor gris metálica, pero hainas negras e doutras cores. Desenvolvéronse varios tipos.

Non se debe confundir coa fita gaffer, que é parecida pero de distinta composición, sen capa plástica, e ten un adhesivo máis resistente á calor e máis fácil de despegar.[3] É máis cara. Utilízase moito nas producións de teatro, cine e televisión.

Emprégase frecuentemente en obradoiros, barcos, construción, industria automotriz, etc.

Pode utilizarse para unir ou reparar tubos flexibles, tapar rachóns en roupas, tendas de campaña e velas náuticas, fixar tubaxes provisoriamente, etc.

Aínda que non se usa como fita illante, os electricistas profesionais ás veces utilízana para fixar cables temporalmente.

Existen versións especiais para uso aeroespacial e militar.

Invención

[editar | editar a fonte]

Inventouse nos Estados Unidos (de aí o seu nome) no século XX. O primeiro material que en EUA se chamou "duck tape" eran longas bandas non adhesivas de simple tea dun algodón chamado cotton duck usadas na primeira década do século XX para reforzar zapatos, decoración de roupa, envolver cables de aceiro ou condutores eléctricos para protexelos da corrosión ou desgaste.[4] En 1910 xa había variantes que tiñan adhesivo incorporado. En 1925 Revolite unha división de Johnson & Johnson fixera cintas adhesivas deste tipo de uso médico e despois desenvolveron un novo adhesivo,[5] creando unha fita deseñada para romperse coa man, sen tesoiras. Despois a compañía Vesta Stoudt desenvolveu en 1943 unha fita que podía usarse para selar as caixas de municións na segunda guerra mundial.[6] Como esta fita era fácil de colocar e de retirar, foi moi utilizada polos soldados e axiña foi adaptada para reparar rapidamente equipos militares, incluíndo vehículos e armas.[7] Despois da guerra, esta fita empezou a venderse en ferretarías para reparacións domésticas. Pouco a pouco o seu uso foise xeneralizando en EUA e todo o mundo.

  1. "duck tape". Oxford English Dictionary. Consultado o 24 de agosto de 2023. 
  2. "duct tape". Oxford English Dictionary. Consultado o 24 de agosto de 2023. 
  3. Lehman, J. (2005). "Sticking With What Works". EventDV 18 (12): 23. ISSN 1554-2009. 
  4. Freeman, Jan (14 de marzo de 2010). "Tale of the tape". Boston Globe. Arquivado dende o orixinal o 18 de outubro de 2012. Consultado o 27 de setembro de 2012. 
  5. Petroski, Henry (2004). Small Things Considered: Why There Is No Perfect Design. Random House Digital. pp. 131–132. ISBN 1400032938. Arquivado dende o orixinal o 2013-12-10. 
  6. Gurowitz, Margaret (21 de xuño de 2012). "The Woman Who Invented Duct Tape". KilmerHouse.com. Johnson & Johnson. Arquivado dende o orixinal o 11 de xaneiro de 2014. Consultado o 10 de xaneiro de 2014. 
  7. Berg, Jim; Nyberg, Tim (2000). The Jumbo Duct Tape Book. Workman Publishing. p. 10. ISBN 0761121102.