Fiestra tectónica
Unha fiestra tectónica, ventá tectónica ou Fenster, (en alemán 'fiestra') é unha estrutura xeolóxica situada nunha zona de manto de corremento na que o terreo autóctono subxacente está rodeado de terreo alóctono do manto, que se orixinou pola desaparición do alóctono nesa zona (por erosión ou falla). Esta estrutura fórmase pola erosión diferencial ou por un mecanismo de falla normal nun sistema de acabalgamento.[1] En tal sistema, a masa rochosa (bloques superiores ou acabalgantes) que foi transportada polo movemento ao longo do acabalgamento chámase manto de corremento (nappe). Cando a erosión ou un sistema de fallas normais producen un burato no manto de corremento ou acabalgamento polo que afloran rochas do material subxacente autóctono (é dicir, non transportado) fórmase unha fiestra ou ventá tectónica.[2]
As fiestras tectónicas poden ser de case calquera tamaño, desde un par de metros a centos de quilómetros.
Exemplos en Galicia de fiestras tectónicas son as fiestras do Xistral e Monte Carballosa no manto de Mondoñedo.
O concepto contrario a fiestra tectónica é o de illa tectónica ou klippe, no cal o alóctono está rodeado de autóctono.
Semifiestras e lobos
[editar | editar a fonte]Cando a rocha autóctona está só parcialmente rodeada por rocha alóctona transportada polo acabalgamento forma unha semifiestra tectónica ou semiventá tectónica.
Un lobo é unha estrutura redondeada formada por materiais alóctonos que sobresaen do bordo dianteiro ou fronte de acabalgamento.[2]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Ciencias Geológicas-5: Tectónica Arquivado 28 de febreiro de 2010 en Wayback Machine.. Dicionarios digitales.
- ↑ 2,0 2,1 Francisco Bongiorno Ponzo (2018-03-28). "Relación entre Fallas y Pliegues".
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Illa tectónica ou klippe