Entroido do Hío

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura


Os gaiteiros de Nerga (entre os que se atopa o afamado gaiteiro Raúl Galego) tocando na estrada da aldea de Vilariño no ano 2018.

O Entroido do Hío é unha tradición moi antiga que ten lugar na parroquia canguesa de O Hío o domingo, luns e martes de Entroido.

Esta parroquia, ademais de ser coñecida polas súas fermosas praias, tamén é coñecida na provincia de Pontevedra polo seu Entroido, no que no ano 2019 participaron máis de 6.000 persoas[1].

Un dos principais obxectivos que busca esta tradición é xuntar as sete aldeas da parroquia: Vilariño, O Igrexario, Pinténs, Vilanova, Liméns, Nerga e Donón.

O Entroido do Hío divídese en tres xornadas. Na primeira xornada, que ten lugar o domingo de Entroido, cada unha das sete aldeas da parroquia recibe o seu grupo de gaiteiros, os protagonistas da celebración. Durante a tarde do domingo os gaiteiros e os veciños de cada aldea percorren os seus bares tocando e bailando ao son da gaita. Á noite, segue a festa cando volven a xuntarse no baile da aldea para seguir bailando ata as dúas da madrugada.

A segundo xornada comeza o luns ás 9 da mañá, cando todas as aldeas comezan no Igrexario o percorrido deste día, duns doce quilómetros, que pasa polos palcos de Vilariño, Igrexario, Pinténs e Vilanova. En cada unha destas aldeas, cada grupo de gaiteiros toca dúas pezas para que os seus veciños bailen. Sobre as 7 da tarde cada comparsa volve facer o percorrido á inversa para retornar á súa respectiva aldea. Á noite os veciños e os gaiteiros volven a reunirse no baile da aldea para continuar coa troula ata as tres da mañá.

E terceira e última xornada do Entroido para moitas das aldeas comeza de novo ás 9 da mañá do martes na contorna da Igrexa de O Hío, onde se volven reunir todas elas. Ese día, as comparsas de cada aldea pasan polos palcos das outras tres que non se visitaron o luns: Liméns, Nerga e Donón. Dez quilómetros que se fan dende as 9 da mañá ata as 7 da tarde, cunha única parada en Nerga para comer e repoñer enerxías. Cando xa está a caer o sol, as comparsas volven á súa aldea para descansar para a longa noite que lles espera no baile, xa que algunhas aldeas como a de Nerga danzan ao son das gaitas e os tambores ata que sae o sol do día seguinte.

Detrás destes tres días de festa agóchanse moitos meses de traballo. Aproximadamente tres meses antes do Entroido escóllese en cada aldea unha ou varias persoas como presidentes. Estas persoas son as encargadas de organizar todo o relativo á festa: contratar un grupo de gaiteiros, mercar viño tinto, atopar un local para facer o “baile” polas noites… Para custearse o Entroido, no que cada comparsa gastará arredor de 3.000 euros, cada aldea vende rifas e cobra unha cota aos socios e a cada unha das casa.

Ademais, no caso da aldea de Nerga, o venres antes do Entroido ou venres de varas, as mulleres saen de madrugada a buscar mimosa; e os homes encárganse de buscar eucaliptos e piñeiros para a mañá do sábado montar a estrada ou palco, lugar onde tocarán os gaiteiros; e o arco, por debaixo do cal teñen que pasar todas as comparsas ao entrar en cada aldea.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Faro de Vigo. "De cuando el carnaval se llamaba O Hío". www.farodevigo.es (en castelán). Consultado o 2019-04-08.