Saltar ao contido

Elena Ódena

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Helena Ódena, nada en Donostia en 1930 e finada en Madrid o 10 de novembro de 1985, foi o nome de combate da activista e teórica comunista vasca Benigna Benita Ganuza Muñoz. Fundadora e secretaria xeral do Partido Comunista de España (marxista-leninista), foi tamén impulsora e militante da Fronte Revolucionaria Antifascista e Patriota até o seu pasamento. Dedicou a súa vida á loita contra a ditadura franquista e á defensa e propagación do marxismo-leninismo fronte as teses revisionistas.[1]

Vida e militancia

[editar | editar a fonte]

Benigna Benita Ganuza Muñoz, de pai vasco e nai palentina, naceu en Donostia nunha familia da burguesía media acomodada, en vésperas da proclamación da Segunda República Española.[2] Con 15 anos, recentemente instaurada a ditadura franquista, marchou estudar a Reino Unido. Dende alí organizou e dirixiu a Mocidade Comunista de España, e ingresou pouco despois no Partido Comunista de España.[1][3]

Militancia no Partido Comunista de España (PCE)

[editar | editar a fonte]

A finais dos anos corenta, xa como membro do Partido Comunista de España, desempeñou postos de responsabilidade no ámbito da emigración e o exilio. Na década do sesenta, o partido posicionouse en defensa da reconciliación nacional acordado no VI Congreso deste. Ante isto, Elena Ódena, xunto a Raúl Marco e un grupo de camaradas, iniciou a loita no seo do PCE contra o que denominaban revisionismo carrillista. Para iso, comezaron a redactar un xornal chamado La Chispa, organizado por Ódena, [1][3] discrepante coa liña do PCE.

Constitución do Partido Comunista de España (marxista-leninista)

[editar | editar a fonte]

En decembro de 1964, constituíuse formalmente o Partido Comunista de España (marxista-leninista). A fundación do PCE(m-l), consecuencia das discrepancias ideolóxicas irreconciliábeis no seo do PCE, agrupou os grupos marxistas-leninistas existentes no momento: Mundo Obrero Revolucionario (MOR), Proletario (responsábeis das publicacións homónimas) e Oposición Revolucionaria Comunista (que publicaba o xornal La Chispa en Xenebra. Desde a súa creación, Elena Ódena formou parte da dirección do partido. En 1966, tras a detención do secretario xeral García Moya, foi elixida secretaria xeral do partido, cargo para o que sería reelixida de maneira reiterada até o seu pasamento.[1][3]

Dirixiu os comités de redacción do órgano central do partido, Vanguardia Obrera, e mais da revista teórica Revolución Española. Así mesmo, participou de forma activa e directa na fundación, a principios de 1971, da organización Frente Revolucionario Antifascista y Patriota (FRAP), xunto con Julio Álvarez del Vayo.[1][3]

Helena faleceu o 10 de novembro de 1985, vítima dunha grave enfermidade.[1][3]

Escritos políticos

[editar | editar a fonte]

Elena Ódena escribiu varios textos de carácter político. Neles aborda temas como o liberalismo no Partido Comunista de España, o estudo do marxismo-leninismo ou a loita contra o revisionismo. Foron recompilados e publicados de maneira póstuma baixo o título de Escritos políticos en dous volumes por Ediciones Vanguardia Obreira en 1986. Cunha introdución do historiador francés Pierre Vilar, foron presentados polo seu compañeiro Raúl Marco.[4]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 "Elena Odena, fundadora y dirigente del PCE Marxista-Leninista". El País. 12 de noviembre de 1985. Consultado o 10 de diciembre de 2017. 
  2. R. Marco, Presentación a Elena Ódena, Escritos políticos, Madrid, Ediciones Vanguardia Obrera, 1986, vol I, pág. 11.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 "A la memoria de Elena Ódena, comunista consecuente." (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 19 de outubro de 2021. Consultado o 11 de diciembre de 2017. 
  4. Ódena, Elena (1986). (1986). Ed. Vanguardia Obrera. ISBN 9788486293321. OCLC 256525745.