Saltar ao contido

Dictioteno

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Dictiato»)

O dictioteno ou dictiato[1] é unha prolongada fase de repouso que experimentan os ovocitos durante a ovoxénese. Afecta aos ovocitos primarios que iniciaron a meiose, que quedan detidos na profase I meiótica[2] na fase da ovoxénese chamada ovatidoxénese. O dictioteno empeza durante a vida fetal tardía[2] e prolóngase nos humanos ata a puberdade, momento en que un aumento da hormona LH xusto antes da ovulación fai que se reactive a meiose.[3] Deste modo, aínda que a maioría dos ovocitos se producen nos fetos femininos antes do nacemento, estes pre-ovos permanecen no dictioteno polo menos ata a puberdade, e moitos permanecen así décadas, xa que cada mes a muller vai ovulando e reactivando ovocitos, ata que chegue ao final da súa vida fértil. Por tanto, o dictioteno pode ser un período de repouso moi prolongado. Cando remata o dictioteno o ovocito primario acaba a súa primeira división meiótica e convértese en ovocito secundario.

Detención da tradución

[editar | editar a fonte]

Durante o dictioteno hai moito ARNm na célula, que foi transcrito, pero non se produce a súa tradución.[4] Pouco antes da ovulación, o ovocito activa a tradución destes ARNm.

Mecanismo bioquímico

[editar | editar a fonte]

A imposibilidade de tradución dos ARNm no dictioteno explícase en parte pola unión de moléculas a determinados sitios dos ARNm, o que ten como resultado que os factores de iniciación da tradución non poden unirse a ese sitio. Dúas destas moléculas, que impiden a unión de factores de iniciación son a CPEB e a maskin, que se unen ao elemento de poliadenilación citoplasmático (CPE). Cando estas dúas moléculas se xuntan, despois a maskin pode unirse ao factor de iniciación eIF-4E, [5]e así o eIF4E xa non pode interaccionar cos outros factores de iniciación[6] e non é posible a tradución. Por outra parte, a disgregación do complexo CPEB/maskin permite a unión do eIF-4E ao factor de iniciación eIF-4G,[5] e así a tradución pode comezar de novo, o cal contribúen á finalización do dictioteno e á subseguinte maduración do ovocito primario.

  1. Medical Physiology, Boron & Boulpaep, ISBN 1-4160-2328-3, Elsevier Saunders 2005. Updated edition. 1300 pages.
  2. 2,0 2,1 Thomas, Richard D, ed. (1986). Drinking Water and Health 6. Washington, D.C.: National Academies Press. p. 35. ISBN 0-309-03687-9. 
  3. 'Hormones and Mammalian Egg Maturation', Michael Barresi, Arquivado 08 de maio de 2008 en Wayback Machine., Accessed 15 Apr 08 1613
  4. Maskin Is a CPEB-Associated Factor that Transiently Interacts with eIF-4E Barbara Stebbins-Boaz,1 Quiping Cao,1 Cornelia H de Moor,1 Raul Mendez,1 and Joel D Richter1
  5. 5,0 5,1 Stebbins-Boaz, Barbara; Cao, Quiping; de Moor, Cornelia H; Mendez, Raul; Richter, Joel D (1999-12). "Maskin Is a CPEB-Associated Factor that Transiently Interacts with eIF-4E". Molecular Cell (en inglés) 4 (6): 1017–1027. doi:10.1016/S1097-2765(00)80230-0. 
  6. Lodish 2008, p.351

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]