Cosecha Roja
Cosecha Roja | |
---|---|
Orixe | Ourense, Galicia |
Período | 1988 - 2000 |
Xénero(s) | pop rock |
Selo(s) discográfico(s) | Gal&Cia, 98.6, Maybe Tomorrow, Sonic Recordings, Hanky Panky |
Membros | Carlos Rego (voz e guitarra) Javier Dofo (guitarra) Antonio Amadís (baixo) Aser Álvarez (batería) |
Antigos membros | José Luis Labrador |
Na rede | |
Cosecha Roja foi un grupo musical ourensán de pop rock. Estivo activo entre 1988 e 2000. O grupo toma o seu nome da novela Colleita vermella de Dashiell Hammett.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]O grupo naceu en decembro de 1988, formado por xente que xa tocara noutros grupos da vila ourensá. O baixista Antonio Rodríguez "Amadís" e o guitarrista Javier Doforno "Dofo" tocaran xa en Última Fila, formado en 1983. En 1986 ambos os dous entraron en Viernes y los Robinsones, que se formara na primavera de 1985, con Carlos Rego á voz, Toño Arias ao baixo, José Luis Labrador á guitarra e Arturo Mosquera "Chapi" á batería. En decembro de 1988 Aser Álvarez (que tocara antes en Las Hierbas), substituíu a Chapi na batería, e o grupo tomou o nome de Cosecha Roja.
En xullo de 1989 gravaron unha maqueta, con produción de Moncho Lusquiños. En agosto dese ano Labrador deixou o grupo. En 1990 autoeditaron o flexi-single Orense Underground '83 '90, coas cancións "No puedo volver" e "Qué esperas de mí". En 1992 editaron un segundo sinxelo, Se acabó, cos temas "Se acabó" e "No puede ser verdad".
En 1993 publicaron o seu primeiro disco, Nuevos caminos, de nove cancións. Ao ano seguinte sacaron Vacaciones permanentes, de seis cancións e publicado só en casete, mais ante a pouca repercusión decidiron tomar unha pausa. Nesa época Carlos Rego e Amadís montaron o grupo Los Cachorros xunto con Magín Blanco.
A formación regresou como trío, logo de que Santi Campos lles propuxese editar un EP no seu selo, Maybe Tomorrow. En 1996 publicaron Aquellos maravillosos anos, de catro cancións, e retomaron os concertos. Dofo regresou ao grupo e gravaron un novo disco, Conducir despacio (1997), con dez pezas. En 2001 autoeditaron o disco A plena sombra, con doce cancións. Despois decidiron deixar o proxecto, se ben seguiron adiante co grupo Burgas Beat. No ano 2009 o selo Hanly Panky publicou o CD compilatorio Un par de cosas 1991-2000). Inclúe 22 cancións, editado en formato digi-pack cun libreto de dezaseis páxinas.
Discografía
[editar | editar a fonte]- Orense Underground '83 '90 (flexi-single, 1990; autoeditado)
- Se acabó (single, 1992; Gal&Cia)
- Nuevos caminos (LP, 1993; Gal&Cia)
- Vacaciones permanentes (casete, 1994; 98.6)
- Aquellos maravillosos años (EP, 1996; Maybe Tomorrow)
- Conducir despacio (LP, 1997; Sonic Recordings)
- A plena sombra (LP, 2001; autoeditado)
- Un par de cosas 1991-2000) (CD compilatorio, 2009; Hanky Panky)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Fernández Rego, F. (2010). 50 anos de pop, rock e malditismo na música galega. Ed. Toxosoutos. p. 147-153. ISBN 9788492792382.