Conversa Wikipedia:Proxectos pedagóxicos/Física Santiago 2022

Os contidos da páxina non están dispoñibles noutras linguas.
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

visitas detalladas


Preguntas frecuentes[editar a fonte]

Logo de crear a conta apareceme unha páxina principal onde se me suxiren edicións. Teño que facer algunha?

Se logo de crear a conta che aparece unha nova páxina preguntando polos teus intereses e suxeríndochee edicións por nivel de dificultade, debes saber que é unha característica que se acaba de activar recentemente. Por esta razón esta interface atoparala escrita en portugués e/ou inglés xa que aínda non foi traducida para o galego. No marco do proxecto pedagóxico da materia non se require seguir ou facer estas suxestións: limitarémonos a crear unha biografía da lista que será proporcionada a partir da sesión presencial. Se non atopas dificultades coa lingua e queres probar a facer algunha edición das suxeridas para nivel inicial ou baixo, es libre de facelo, claro. Apareceranche as tarefas a realizar e unha ventana contextual que irá guiándoche por pasos. Como é unha característica recente e en probas nesta comunidade, non se terá en conta para a materia. Na sesión presencial explicarase o necesario para comezar a editar en Wikipedia, polo que podes esperar a ela.

A biografía que seleccionei é moi longa, teño que traducir todo o texto?

Traballar con biografías moi longas no tradutor pode resultar ás veces incómodo. Lembra que vas poder modificar e pulir o texto e as referencias logo de publicalo na túa subpáxina de traballo. Se a biografía é moi longa, podes seleccionar as partes máis relevantes que resulten na creación dunha entrada na Galipedia onde queden claro os seguintes apartados: Introdución (inicio do artigo onde se indica por que é relevante esta persoa, datas de nacemento, nacionalidade, eventos ou obras destacadas); Traxectoria (resumo da súa progresión profesional) ; Obras (publicacións destacadas se as hai, pero unha escolma, non unha lista que resulte desproporcionada en relación ao tamaño final do artigo) ; Notas (Referencias usadas no texto) ; e algunha ligazón externa en "Ligazóns externas". Pode ser que ao non editar moitas partes na ferramenta de tradución salten avisos cando vaias publicar o texto na subpáxina. Revísaos, mais lembra que poderás seguir editando na subpáxina unha vez publicado, de xeito que poderás arranxar aquelas partes que sexan necesarias.

A biografía que seleccionei é moi curtiña, debo facer algo máis?

Se a biografía é moi curta podes visitar outras versións da wikipedia distintas da que traduciches para ampliar contidos (Se existe unha biografía desta persoa noutras linguas). Se non é o caso, ou descoñeces estas linguas, podes facer unha busca en internet para ampliar contidos, partindo das referencias que xa figuran no apartado de notas da túa biografía. Lembra que debes escoller fontes de calidade e fiables.

A biografía debe ter ligazóns internas?

Si, sen dúbida. As ligazóns azuis permiten que as persoas que len a Wikipedia poidan ampliar contidos sobre aspectos ou áreas que lles son descoñecidos. Á hora da avaliación é un aspecto que se vai ter en conta; a túa biografía non pode ser unicamente texto sen ligazóns internas. É importante que revises que, logo da tradución, as ligazóns azuis remitan a páxinas propias da Wikipedia en galego. Por defecto, se non as modificas, remitirán á wikipedia da lingua de orixe da túa biografía fonte, e isto vai en contra do libro de estilo da Galipedia. Tes aquí unha pequena axuda para saber máis sobre como crear ligazóns internas.

As ligazóns internas da biografía fonte non semellan existir en galego, que fago?

Podes optar por marcalas como ligazóns vermellas. Recomendamos que fagas unha busca en Galipedia e nos dicionarios de referencia para descartar que non se trate dun problema terminolóxico.

Debo incluír as referencias que aparecían na biografía fonte?

Si, sen dúbida. Coida de non traducir coa ferramenta automática os títulos e outras informacións que aparezan nas notas ou bibliografía da biografía fonte. O máis acaído é que as edites manualmente para asegurarte de que van ben. Isto podes ilo facendo na ferramenta de tradución ou posteriormente, cando publiques a tradución na túa subpáxina.

As categorías non me aparecen, aparecen así [[Categoría:nomecategoría]] ou aparecen en vermello

As categorías son ligazóns que aparecen no cadro por baixo do artigo e que permiten navegar entre clases temáticas de artigos. As ligazóns vermellas ou aquelas que non se poden premer non levan a nengures e polo tanto non cumpren a súa función. É necesario buscar que categorías na Wikipedia en galego lle son acaídas, xa que cada Wikipedia establece libremente os seus sistemas de categorías na lingua correspondente. O sistema máis cómodo de editar categorías é a través da ferramenta Hot-Cat. Esta debe ser activada nas preferencias da conta (menu superior dereito), escollendo o menú Trebellos, sección edición e marcando a casiña Hot-cat (e gardar). Logo disto usaremos o símbolo - para retirar categorías erróneas e o + para engadir novas categorías. Para localizalas, podemos consultar artigos semellantes e faremos uso da caixiña de busca integrada na ferramenta, se a categoría existe aparecerá no despregable; seleccionarémola e premeremos en aceptar.

Espazo para outras consultas[editar a fonte]

Podes escribir aquí abaixo outras dúbidas que teñas á hora de traballar a biografía seleccionada. Por favor, indica só o nome da Biografía se é que é necesario.