Conversa:Lista de episodios de Sakura, cazadora de cartas

Os contidos da páxina non están dispoñibles noutras linguas.
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A TVG fai descricións oficiais dos episodios[editar a fonte]

Vexo que alguén engadiu descricións de todos os episodios, aínda que non son as oficiais que fixo a TVG. Se as quere alguén están aquí:

01 - Sakura e o misterioso libro máxico

Sakura Kinomoto é unha nena moi alegre que un día atopa un libro dourado cunhas cartas no seu interior. Movida pola curiosidade, colle a chamada "carta vendaval", pero ao pronunciar en voz alta o seu nome, levántase un refoleo moi forte que espalla as cartas polo mundo. Coa axuda de Keroberos, o gardián do libro, partirá á busca das cartas co obxectivo de salvagardar a paz no planeta.

02 - A amiga marabillosa de Sakura

Sakura atopa unha chea de mesas e cadeiras amontoadas no patio e nas aulas da escola. Cando volve pola noite con Kero e Tomoyo para investigar que está pasando alí, encóntrase cunha nova Carta de Clow que debe capturar.

03 - A emocionante primeira cita de Sakura

Sakura está moi contenta, xa que por fin vai pasar unha tarde con Yukito no acuario, malia que un estraño accidente podería botar a perder todo. Sakura terá que enfrontarse cunha Carta de Clow acuática.

04 - O domingo ocupado de Sakura

Sakura encontra dúas Cartas de Clow e déixaas no soto mentres fai as tarefas do fogar que lle tocaban. Tempo despois, tras volver de facer un recado para seu pai, ve que na casa está a medrar unha árbore xigante desde a parte baixa.

05 - Sakura, o panda e a tenda marabillosa

Sakura e mailas amigas están encantadas porque vai abrir unha tenda nova de xoguetes que hai de camiño ao colexio. O que pasa é que a dona do establecemento di que todo o que vende lle volve á tenda de forma misteriosa.

06 - Sakura e os recordos de súa nai

Sakura sospeita que unha Carta de Clow está agochada no bosque que está detrás do colexio.

07 - A batalla de Sakura cun ladrón misterioso

Sakura, Tomoyo e Kero buscan unha Carta de Clow no museo de arte.

08 - O rival de Sakura

Sakura ten un rival novo. Trátase dun estudante de intercambio que vén desde Hong Kong e que se chama Shaoran Li. Acaba de chegar á súa clase e xa lle quere quita-las Cartas de Clow a Sakura. Todo isto no medio dunha tormenta de lóstregos moi fortes.

09 - Sakura e o broche misterioso

Tomoyo e Rika queren animar a Sakura e lévana a unha tenda a comprar uns broches. Isto faille sentir mellor a Sakura e xa non está tan enfadada polo que sucedeu con Shaoran, pero no momento que Rika pon un destes broches ocorre algo terrible.

10 - A competición e as flores

Hoxe é o día dos deportes no colexio Tomoeda. A nai de Tomoyo parece que coñece ao pai de Sakura. Porén, poida que entre eles non se leven moi ben e teñan algunha diferenza entre ambos.

11 - Sakura, Tomoyo e a gran mansión

Tomoyo convida a Sakura á súa casa para lle pedir que abra unha caixa moi especial para ela, con cousas moi importantes. Kero, espelido como é, detecta a presenza dunha Carta de Clow no interior desta caixa.

12 - O día interminable de Sakura

Sakura ten hoxe exame de música e comete un erro tocando a melodía coa frauta. Ao día seguinte, todo volve repetirse exactamente da mesma maneira. Li e Sakura decátanse de que unha Carta de Clow anda detrás deste feito.

13 - Sakura e a proba de forza do elefante

Durante unha mañá, o tobogán xigante do parque de Tomoeda aparece do revés. Este incidente tan raro coincide coa excursión da escola de Sakura ao zoolóxico, onde outra vez volven ocorrer cousas moi estrañas.

14 - Sakura, Toya e Cincenta

Sakura e Tomoyo visitan o instituto de Toya e Yukito durante o festival cultural. Mentres os rapaces participan nunha obra de teatro que ofrece o centro, ocorre un incidente moi perigoso que ten que ver cunha das Cartas de Clow.

15 - A pelexa de Sakura e Kero

Despois de rifar con Sakura, Kero decide marchar da casa e aparece ao coidado dunha nena pequena. Sakura espera con ansia a volta do seu amigo e, como ve que non regresa, decide saír na súa busca.

16 - Sakura e o arco da vella dos recordos

Sakura e maila familia marchan de vacacións a unha casa no campo. Alí, Sakura vai coñecer un home da zona que lle conta a historia da súa neta e os recordos que ten dela cando era pequena.

17 - A terrible proba de valor de Sakura

Sakura marcha de excursión á praia coa escola e pásao moi ben coas amigas durante tódolos xogos e actividades que fan. Trala segunda noite fóra, varias compañeiras e compañeiros empezan a desaparecer un detrás doutro de forma moi sospeitosa.

18 - Sakura, Yukito e o festival de verán

Sakura, Yukito, Toya e Tomoyo deciden ir dar unha volta a un festival de verán que se celebra na cidade. Durante o paseo, Sakura queda abraiada por unhas luces detrás do santuario onde se celebra a feira mentres anda a carón de Yukito.

19 - Sakura e os deberes do verán

Sakura vai á biblioteca con Tomoyo para rematar os deberes que ten que facer durante as vacacións do verán. Para terminar o que lle mandaron da escola necesita un libro que se lle escapa das mans unha e outra vez.

20 - A nova compañeira de Sakura

Mei Lin, unha moza de Hong Kong, chega á escola de Sakura de intercambio e afirma estar prometida con Li. Ademais, na cidade están a pasar cousas moi raras polas noites e alguén anda repartindo malleiras a loitadores profesionais.

21 - A carreira de minimaratón de Sakura

Sakura, Li e Mei Lin participan nun minimaratón moi competido que organiza a escola Tomoeda. Durante a carreira, Tomoyo nota algo estraño no percorrido que deben facer os participantes da proba.

22 - O pai amable de Sakura

Como Fujitaka está moi ocupado preparando unha conferencia, Sakura lévalle comida e café á universidade para intentar botarlle unha man. Alí todo o mundo cae durmido dunha forma moi estraña.

23 - Sakura, Tomoyo e unha canción fermosa

Sakura e mailos seus amigos intentan investigar e descubrir se o rumor que corre pola escola sobre alguén que canta polas noites na aula de música é certo. Será unha Carta de Clow ou un fantasma?

24 - A pequena aventura de Sakura

Sakura intenta atrapar unha cousa tan diminuta na súa casa que cando intenta collela tropeza e cae desmaiada. Cando esperta, ve que de súpeto todo se volveu xigante. Ou será ela que encolleu?

25 - As dúas Sakuras

Alguén que se imita moito a Sakura está causando unha morea de problemas na cidade. As amigas cóntanlle unha historia que di que se ves ao teu dobre poderías morrer e Sakura intentará que iso non ocorra.

26 - Sakura e a profesora fermosa

Sakura vai correndo cos patíns pola rúa e tropeza, pero unha muller moi atractiva axúdalle a manterse en pé. Esta muller resulta ser unha mestra nova da escola e Shaoran aconséllalle a Sakura que teña moito coidado con ela. Danielpc2010 (conversa) 20 de febreiro de 2024 ás 15:18 (UTC)[responder]