Concilio de Tours
O Concilio de Tours é un dos cinco concilios rexionais convocados por Carlomagno no mes de maio do ano 813 na cidade francesa de Tours, xunto cos de Maguncia acerca das escolas, o de Châlons, Reims e Arlés. O concilio de Tours é importante non só desde o punto de vista relixioso, senón tamén desde o lingüístico.[1]
Marca unha etapa importante, un momento fundamental na cristianización de Occidente. No canon 17, os bispos reunidos por Carlomagno deciden que, nos territorios que corresponden ás actuais Francia e Alemaña, as homilías se pronunciasen, en lugar de en latín, en rusticam Romanam linguam aut Theodiscam, quo facilius cuncti possint intellegere quae dicuntur, é dicir, na "lingua rústica romana", o protorromance xa fortemente distinto do latín, ou na "lingua tudesca", xermánica, propia de Alemaña, "para que todos poidan entender con maior facilidade o que se di".[1][2]
É unha das testemuñas máis antigas de que o latín naquela época xa non era comprendido polas xentes en Francia. A partir do século IX, a lingua francesa, así como outras linguas romances comezaron a emanciparse do latín na escrita.[3][4]
O concilio de Tours proclama así o recoñecemento de dous grandes elementos xeoculturais que integraban o imperio de Carlomagno: o mundo que fora romano, de tradición latina, ata o río Rin, e o mundo xermánico máis aló do Rin. Había no concilio bispos de ambas orixes. No lado romano, a predicación sería a partir de entón realizada en lingua romana, mais "rústica"; no lado xermánico, faríano na lingua propia.
Porén hai que esperar ao ano 842 e aos Xuramentos de Estrasburgo, para que sexa atestado o primeiro texto completo escrito nunha lingua procedente do latín pero claramente distinta desta; e uns anos máis tarde para a primeira testemuña literaria, a secuencia de Santa Eulalia.
Por outra parte o concilio de Tours proclamou que os doce días de Nadal ata a Epifanía fosen un período festivo e sagrado.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 03 de decembro de 2013. Consultado o 26 de novembro de 2013.
- ↑ http://diarium.usal.es/joluin/files/2013/03/hl1tema5origenes1.pdf
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 02 de agosto de 2017. Consultado o 26 de novembro de 2013.
- ↑ http://www.axl.cefan.ulaval.ca/francophonie/HIST_FR_s2_Periode-romane.htm