Concilio Vaticano Primeiro
O Concilio Vaticano Primeiro foi o primeiro Concilio ecuménico que se celebrou na cidade do Vaticano, chamado tamén Concilio Ecuménico Vaticano I. O Papa Pío IX convocouno en 1869 para enfrontar o racionalismo e o galicanismo. Neste Concilio aprobouse como dogma de fe a doutrina da infalibilidade papal.
Sesións
[editar | editar a fonte]Tivo catro sesións:
- Primeira Sesión: celebrada o 8 de decembro de 1869 co Decreto de apertura do Concilio.
- Segunda Sesión: celebrada o 6 de xaneiro de 1870 coa Profesión de Fe.
- Terceira Sesión: celebrada o 24 de abril de 1870 e que concluíu coa aprobación da Constitución Dogmática Dei Filius sobre a fe católica.
- Cuarta Sesión: celebrada o 18 de xullo de 1870 concluíndo coa aprobación da Constitución Dogmática Pastor Aeternus sobre a Igrexa de Cristo que declara o dogma da infalibilidade papal.
O concilio tivo que ser suspendido por Pío IX o 20 de outubro de 1870, despois de consumarse, por plebiscito, a unión a Italia dos Estados Pontificios.
Nun principio non parecía necesario un novo concilio para afrontar asuntos non tratados no anterior Concilio de Trento, polo que ó convocar Pío IX o Concilio Vaticano I obtivo unha reacción maioritaria de sorpresa. A situación do Concilio era distinta á de concilios anteriores, pois neste non predominou o espírito reformista do último concilio.
Desde o inicio sabíase que o tema da infalibilidade do papa sería o argumento principal deste concilio ecuménico, de modo que a nova doutrina reforzaría a autoridade papal. Ó comezo o programa de temas a tratar era moi extenso. Preponderou a necesidade de falar máis da Igrexa. Tamén era necesario falar da relación entre fe e razón, por ser un tema relevante en tempos do iluminismo e o desafío que isto supuña para a Igrexa, ó igual que outros descubrimentos científicos como o evolucionismo, que parecían cuestionar as teorías cristiás máis tradicionais. Outro tema a tratar eran as grandes misións católicas da época. Todo isto e moitas outras cosas foron preparadas, pero desde o inicio o concilio foi ameazado por dúas guerras inminentes: a guerra franco-prusiana e o feito de que Roma estaba rodeada polo exército italiano para a unificación. Estas dúas situacións obrigaron a regresar ós bispos ás súas sés.
Finalmente só se puideron promulgar dúas constitucións:
- Constitutio dogmatica de fide catholica.
- Constitutio dogmatica prima de ecclesia Christi. O cuarto capítulo trata o concepto da infalibilidade papal.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Concilio Vaticano Primeiro |