Columna térmica
Unha colúmna térmica ou, simplemente, térmica, ou deriva vertical é unha masa de aire ascendente ou corrente convectiva ascendente na atmosfera, que transfire verticalmente enerxía térmica.[1] As térmicas son creadas pola radiación solar desigual que recibe a superficie da Terra e son un exemplo de convección, concretamente de convección atmosférica.
Térmicas na Terra
[editar | editar a fonte]O Sol quenta o chan, que á súa vez quenta o aire que está directamente encima.[2] O aire cálido preto da superficie expándese, facéndose menos denso que o aire que o rodea. O aire máis lixeiro ascende e arrefría debido á súa expansión nas condicións de baixa presión de altitudes máis altas. Deixa de ascender cando arrefriou á mesma temperatura, e densidade, que o aire que o rodea.
Asociado cunha térmica está un fluxo descendente que rodea a columna térmica. Esta parte exterior que descende é causada porque o aire máis frío está sendo desprazado na parte superior da térmica e desde alí baixa.
O tamaño e potencia das térmicas está influenciada pola propiedades da capa inferior da atmosfera (a troposfera). Cando o aire é frío, fórmanse burbullas de aire quente poque o chan quenta o aire que está sobre el e así este pode ascender como o faría un globo de aire quente. O aire denomínase entón inestable, xa que é apropiado para que se formen térmicas. Se hai unha capa quente de aire a maior altura, o que é unha situación de inversión térmica, isto pode impedir que as térmicas ascendan moi alto e o aire dise que é estable, a medida que non se poden formar térmica maduras.
As térmicas a miúdo indican a súa presenza pola formación dunha nube de tipo cúmulo illada visible na parte superior da térmica. Os cúmulos fórmanse polo aire ascendente dunha térmica, que a medida que ascende arrefría, ata que o vapor de auga que contén o aire empeza a condensarse en pingas que en conxunto forman a nube visible. Cando hai un vento constante, as térmicas e os seus respectivos cúmulos poden aliñarse en filas orientadas na dirección do vento, ás veces denominadas "rúas de nubes" polos pilotos de planadores.
A auga condensada libera enerxía de calor latente permitindo que o aire ascenda máis alto. O aire moi inestable pode acadar o nivel de convección libre, ascendendo a gran altura, condensando grandes cantidades de auga e formando nubes convectivas causando chuvascos ou mesmo tormentas eléctricas. Estas últimas son perigosas para os avións que voan a través ou preto delas.
As térmicas son unha das moitas fontes de forza ascensional usada por aves que voan pairando e polos pilotos de avións planadores.
Térmicas fóra da Terra
[editar | editar a fonte]As térmicas tamén se forman noutras partes do sistema solar. En Marte, por exemplo, as térmicas a miúdo forman remuíños de po, que levan po en vez de vapor de auga. Tamén hai térmicas no Sol, formando prismas hexagonais (células de Bénard).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Glider Flying Handbook, FAA-H-8083-13A" (PDF). FAA government handbooks. U.S. Dept. of Transportation, FAA. 2003. pp. 9–6,9–7. Consultado o 21 de xaneiro de 2021.
- ↑ Bradbury, Tom (2000). Meteorology and Flight: Pilot's Guide to Weather (Flying & Gliding). A & C Black. ISBN 0-7136-4226-2.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- What do thermals look like? - Thermal Structure and Behavior de Wayne M. Angevine
- Time-lapse video of clouds caused by thermals forming and decaying