Coanocito

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
As células ciliadoflaxeladas da esquerda corresponden cos coanocitos dunha esponxa Ascon

Os coanocitos son un tipo de células do filo porifera, que forman o coanodermo: a capa interna celular das esponxas. Son células provistas dun longo flaxelo central rodeado na súa base por unha coroa simple ou dobre de microvilosidades.

Comunmente dispoñen de vesículas alimenticias. Dirixen o flaxelo á cámara, que contacta co medio externo: os coanocitos provocan correntes de auga grazas a movementos que, aínda que non son coordinados no tempo, si que o son na dirección.

Os coanocitos interveñen tamén na captura do alimento. Ao provocar correntes, van obrigar ás partículas en supensión a achegarse. A auga atravesa as micropilosidades, onde queda encerrado o alimento que será despois fagocitado e, por transcitose, levado á mesoglea, onde os arqueocitos o captarán e transportarán o resto do organismo. Na mesoglea formaranse tamén unha especie de boliñas fecais, que se eliminarán por transcitose dos coanocitos.

Dependendo dos tipos de esponxas, os coanocitos vanse presentar en diferentes rexións:

  • As esponxas asconoides, coa su típica forma de saco, teñen os coanocitos localizados nunha ampla cavidade ou esponxocele, onde xeran a corrente de auga, que neste caso é moi débil.
  • As siconoides dispoñen de canles flaxelares onde localizan os coanocitos. Así, cun menor volume de auga para a mesma superficie de coanocitos, estes son máis eficientes, chegando a bombardear máis cantidade de auga.
  • As esponxas Leuconoides teñen o maior éxito en fabricar correntes de auga, xa que localizan os seus coanocitos en pequenas cámaras flaxelares (cestiñas vibrátiles), e dispoñen duunha cavidade moi pequena e moi dividida, constituíndo a maior parte da esponxa canles e cámaras.

Os coanocitos teñen unha alta similitude cos organismos unicelulares chamados coanoflaxelados, dato que se emprega para defender a teoría colonial da aparición dos animais.