Catalán nas Illas Baleares

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca

Nas Illas Baleares a lingua propia é o catalán nas súas variedades mallorquina, menorquina e eivisenca. O catalán introduciuse ao longo do século XIII ao seren conquistadas as illas por Xaime I o Conquistador e seren repoboadas por xente procedente maioritariamente do Rosellón e do Empordà ata se converter practicamente na única lingua falada nas illas durante xeracións.

Séculos Escuros[editar | editar a fonte]

As primeiras prohibicións contra o catalán e a favor do castelán comezaron no século XVIII, porén só tiveron influencia nos actos oficiais e nalgúns sectores das clases altas, mentres a maioría do pobo seguíu a manter o seu monolingüísmo, no século XIX comezou a se espallar o coñecemento do castelán entre as clases medias pero en xeral sen perder o uso do catalán, mentres a gran maioría da poboación continúa a ser monolingüe en catalán. No século XX e en especial a partir de 1950 a situación comezou a modificarse pola extensión da escolarización, en castelán, a toda a poboación, pola expansión da industria turística que comportou tamén un forte movemento migratorio procedente de territorios de lingua castelá e máis tarde de lingua alemá e inglesa[1], a utilización en exclusiva do castelán nos medios de comunicación e na vida oficial; todo o cal incidiu cada vez máis masivamente no seo da sociedade balear comezando un proceso de substitución lingüística do catalán polo castelán favorecida tamán pola diglosia e a ignorancia das formas cultas do catalán e da súa literatura.

Reivindicación lingüística[editar | editar a fonte]

A partir de 1960 comezaron a aparecer os primeiros movementos de reivindicación da lingua, en 1962 eses pequenos grupos formaron a Obra Cultural Balear, a revista a ela vencellada Lluc fundada en 1968 foi o principal vehículo de reivindicación lingüísta e cultural. A Nova Cançó nos anos 70 foi outro elemento importante de reivindicación da lingua catalá ademais de política

Situación actual[editar | editar a fonte]

Política de normalización lingüística[editar | editar a fonte]

En 1983 aprobouse o Estatuto de autonomía das Illas Baleares que declaraba ao catalán lingua propia e oficial xunto ao castelán e se establecía á Universidade das Illas Baleares como a institución oficial consultiva no que se referira á lingua catalá, en 1986 aprobouse a Lei de Normalización Lingüística pero non se estableceu unha Dirección Xeral de Política Lingüística ata 1995, aínda que xa antes (1984), fundamentalmente pola presión da Obra Cultural Balear, se conseguira do goberno balear en colaboración cos consells insulares, concellos e a Universidade a organización da Campanya de Normalització Lingüística para coordinar accións institucionais sobre normalización lingüística, asesorar e facer propostas, porén os enfrontamentos entre as institucións participantes van facer que desapareza no ano 1994. Con todo nos primeiros anos de autonomía vai ser o Consell Insular de Mallorca a institución que máis decididamente aposte pola realización dunha política de normalización lingüística. En 1991 o goberno balear creou a Junta Avaluadora del Català que tiña como misión unificar titulacións, homologar programas oficiais, expedir certificados de coñecemento do catalán.

Ensino[editar | editar a fonte]

En 1972 permítiuse o ensino do catalán como materia nos estudos de maxisterio e a partir do curso 1975 tamén se ensinou de xeito voluntario nalgúns colexios e institutos das illas. En 1979 o catalán convertiuse en materia obrigatoria en todo o ensino primario e secundario.

En xaneiro de 1998 o goberno balear asumiu as competencias de educación, e desde o curso 97-98 os centros teñen a obriga impartir a metade das materias en lingua catalá.

Medios de comunicación[editar | editar a fonte]

Á parte dalgunhas revistas culturais e algún artigo na prensa o catalán estivo escasamente presente nos medios de comunicación durante o franquismo, tan só ao finais do réxime a situación comezou a modificarse, nas Baleares podíase sintonizar o programa en catalán que realizaba TVE para Cataluña. En 1979 comezaron as desconexións de TVE para as illas, emitíndose un informativo en catalán, durante a transición o catalán estaba presente na radio fundamentalmente a través de programas culturais nas emisoras locais, a finais dos anos 80 e 90 aumentou a presenza do catalán grazas aos repetidores que instalou a OCB para a recepción de canles de radio e televisión cataláns e valencianos. Ademais na illa de Mallorca existían dúas canles locais de televisión con programación propia en catalán. De 1988 a 1991 existiu a emisora Radio 4 de RTVE que emitía integramente en catalán para as illas. En 1996 apareceu o primeiro diario en catalán, Diari de Balears. Non foi ata o 2005 en que se crearon medios públicos de comunicación, o Ens Públic de Radiotelevisió de les Illes Balears formado por IB3 e IB3 Ràdio que tiveron ao primeiro unha programación bilingüe pero que a fins de 2007 comezaron a emitir exclusivamente en catalán.

Uso[editar | editar a fonte]

Segundo o censo de 1991 o 90% da poboación das Illas Baleares entendía o catalán, cun máximo do 95% na illa de Menorca, non obstante tan só o 67.7% era capaz de expresarse na lingua propia das illas, cun máximo do 81.7% en Menorca. O 55.8% podía ler o catalán, porcentaxe que chegaba ao 71,4% dos menorquíns. Por último o 26.3% podía escribir na lingua, o máximo de novo en Menorca cun 35%.

No censo de 2001 o 93.1% da poboación das Baleares afirmou entender o catalán, cun máximo do 97.1% en Menorca, subindo tamén a porcentaxe dos que din poder expresarse en catalán ata o 74.6%, cun máximo dun 82.5% na illa de Mallorca fóra da capital. O 79.6% podía ler o catalán (87% en Menorca) e o 46.9% podía lelo (52.6%) en Menorca.

Gonellisme[editar | editar a fonte]

Existe un pequeno sector da sociedade das Baleares que considera que o mallorquín, menorquín e ibicenco non forman parte da lingua catalá, o movemento coñecido como gonellisme ten o seu máximo expoñente no Centro Cultural Mallorquín fundado en 1979.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. En 1950 o 9% da poboación nas illas nacera fóra e en 1975 era o 25%

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]