Capilaroscopia
A capilaroscopia é unha proba diagnóstica empregada para estudar a morfoloxía dos capilares sanguíneos que se atopan baixo o leito ungueal. Habitualmente está indicada para o estudo do fenómeno de Raynaud. O fenómeno de Raynaud é un proceso no que os dedos mudan de cor en resposta a un estímulo térmico (frío) ou estresante. O fenómeno de Raynaud pode ser primario ou asociado a outra doenza. A capilaroscopia permite establecer a etioloxía do fenómeno de Raynaud.[1]
A capilaroscopia permite dilucidar se un fenómeno de Raynaud é secundario a unha doenza do tecido conectivo. A enfermidade que máis se asocia a este fenómeno é a esclerodermia ou esclerose sistémica. Nesta doenza, a capilaroscopia amosa claramente o denominado "patrón esclerodermico", que se caracteriza pola diminución ou ausencia de capilares en parches, dilatacións capilares, megacapilares e hemorraxias cuticulares.[2]
Outras doenzas que cursan cun patrón alterado na capilaroscopia son a dermatomiosite, o lupus eritematoso sistémico, a doenza mixta do tecido conectivo e a síndrome antifosfolípida.[3]
Historia
[editar | editar a fonte]A capilaroscopia emerxeu por vez primeira após as observacións do físico italiano Giovanni Rasori (1766–1837), quen a través dunha lente describiu alteracións nos capilares das unllas en relación a doentes de enfermidades do tecido conectivo.
Posteriormente, Brown e O'Leary empregaron a mesma técnica para estudar especificamente o fenómeno de Raynaud no contexto da esclerose sistémica.[4]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Semin Fund Esp Reumatol. 2010;11(Supl.1):3-4
- ↑ Institut Ferran de Reumatoloxía (ed.). "Capilaroscopia". Arquivado dende o orixinal o 27 de febreiro de 2015. Consultado o 23 de xaneiro de 2015.
- ↑ Cutolo, M; Pizzorni C (2008). "Capillaroscopy.". Best Pract Res Clin Rheumatol. 1093 6 (108). PMID 19041079. doi:10.1016/j.berh.2008.09.001. Consultado o 23 de xaneiro de 2015.
- ↑ Brown, GE; O'Leary PA (1925). "Skin capillaries in scleroderma.". Arch Intern Med 36: 73–88.