Célula de Hensen

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

As células de Hensen son células que forman parte do órgano de Corti do oído interno con función de sostén. Están situadas entre as células falánxicas externas (células de Deiters) e as células de Claudius. Son células altas que chegan ao bordo exterior do órgano de Corti, situadas formando varias ringleiras de altura decrecente cara ás células de Claudius. As que dan ás células falánxicas externas, na súa parte superior dan ao túnel externo do órgano de Corti, cheo de líquido.[1]

Reciben o seu nome polo científico alemán Christian Andreas Victor Hensen (1835-1924).[2] As da base da cóclea son máis cuboidais cun polo apical alongado, e as da zona apical da cóclea son globulares con prolongación apical e presentan gotas lipídicas citoplasmáticas. Posúen receptores da eritropoetina, ciclooxixenase 2 e heregulina. Ademais do sostén, poderían ter unha función citoprotectora e de regulación dos ións dos líquidos cocleares, e de proliferación celular.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. D. W. Fawcewtt. Bloom-Fawcett. Tratado de Histología. 11ª edición. Interamericana-Mc Graw Hill. Páxinas 985. ISBN 84-7605-361-4 .
  2. 2,0 2,1 M. Raica. A short story of Victor Hensen and a cell of the internal ear. Rom J Morphol Embryol 2012, 53(3 Suppl):855–857 [1]