Bell 30

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bell 30
FabricanteBell Aircraft
Deseñado porArthur M. Young
Primeiro voo26 de xuño de 1943
Unidades construídas3

O Bell 30 foi o prototipo do primeiro helicóptero comercial, e o primeiro helicóptero producido pola Bell Aircraft Company.[1] Deseñado por Arthur M. Young, o tipo serviu como un banco de probas para o exitoso Bell 47.[1]

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

Arthur M. Young experimentara só con deseños de helicópteros usando modelos a escala, e no ano 1941 achegouse á Bell Aircraft Corporation en Buffalo, Nova York. A compañía accedeu a fabricar varios prototipos a tamaño real e Young mudouse a Buffalo. Coas principais fábricas de Bell inmersas na produción de guerra, e para asegurar un programa de investigación e desenvolvemento o suficientemente privado e sen distraccións, Young e o seu equipo movéronse ao suburbio de Gardenville (West Seneca) en Buffalo. O primeiro accidente grave do prototipo Ship 1 ocorreu a finais de 1942 nunha proba en catividade, cando un piloto de Bell solicitou probar o aparello sen usar o cinto de seguridade e colgando dos controis en vez de estar na cabina aberta. Este intento de voo en catividade deu como resultado que o sistema do rotor "entrase en resoancia" como advertira o deseñador Arthur Young, provocando unha inestabilidade fixo que as palas se desprendesen.[2] O primeiro voo libre do Ship 1 realizouse o 26 de xuño de 1943, sendo o terceiro helicóptero estadounidense en voar.[3]

O prototipo Ship 1 con rexistro NX41860 tiña unha cabina aberta, unha fuselaxe pechafa para o motor de pistón Franklin, e un tren de aterraxe fixo de tres rodas.[1] O motor impulsaba un rotor principal de dúas palas e un rotor de cola doutras dúas. O prototipo esnafrouse en setembro de 1943 e foi substancialmente modificado con varias melloras, incluída unha cabina pechada para piloto e pasaxeiro, que se sentaban en paralelo.[3] Co aprendido o terceiro prototipo converteuse na base do modelo de produción, o Bell Model 47.[1] O Model 30 Ship 1A, Genevieve, no presente está exposto no Steven F. Udvar-Hazy Center do Museo Nacional do Aire e o Espazo dos Estados Unidos.[4]

Variantes[editar | editar a fonte]

Ship No.1
(c/n 1) O Bell 30 orixinal, construído con marco de aceiro tubular cunha cabina aberta e catro patas do tren de aterraxe con patíns ao final, feitas de tubo de aliaxe de aluminio de 76 mm. Voou por primeira vez o 29 de decembro de 1942 e os voos de proba continuaron ata un serio accidente en setembro de 1943.
Ship No.1A
(c/n 1A) Ship No.1 reconstruído despois do accidente cun tren de aterraxe en triciclo, e cabina semi-pechada, reiniciou o programa de probas en marzo de 1944.
Ship No.2
(c/n 2) O segundo aparello foi construído cun novo tren de aterraxe de tres rodas, fuselaxe semi-monocasco, novo rotor de cola e unha cabina totalmente pechada para piloto e pasaxeiro.
Ship No.3
(c/n 3) O terceiro helicóptero foi construído cunha pluma de cola de tubo de aceiro soldado de sección triangular, tren de aterraxe de catro rodas, un conxunto completo de instrumentos e unha cabina completamente aberta. O rendemento e manexo desta aeronave resultaron ser moito mellores que os seus predecesores, pero a cabina aberta foi vista como unha desvantaxe importante. Young describiu voar a aeronave como "sentarse nunha cadeira e viaxar polo espazo". Porén, persoal de Bell que voou nel atoparon a experiencia completamente aterradora.[5] A solución á cabina aberta foi a burbulla de plexiglás que se converteu en icónica na aeronave de produción Bell 47/H-13.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 The Illustrated Encyclopedia of Aircraft (Part Work 1982-1985). Orbis Publishing.
  2. "Helicopter Pioneers- first Bell Flight Testing". YouTube. Consultado o 3 de novembro de 2018. 
  3. 3,0 3,1 "American airplanes:Bell". Aerofiles. Archived from the original on 02 de xaneiro de 2010. Consultado o 3 de novembro de 2018. 
  4. "Bell Model 30 Ship 1A Genevieve". Smithsonian National Air and Space Museum. Arquivado dende o orixinal o 23 de xaneiro de 2010. Consultado o 3 de novembro de 2018. 
  5. "The Bell Model 47". www.airvectors.net. Consultado o 2018-11-16.