Beethoven (cráter)
Beethoven | |
---|---|
Pódese observa-lo cráter Beethoven preto do bordo inferior da imaxe. | |
Tipo de accidente xeolóxico | Cráter |
Accidente xeolóxico de | Mercurio |
Diámetro | 630,38 km km[1] 625 km[2] |
Profundidade | 2,5 ± 0,7 km[3] |
Coordenadas | 20,92° S 123,66° O[1] |
Procedencia do nome | Ludwig van Beethoven, compositor alemán.[1] |
Beethoven é un cráter situado na superficie do planeta Mercurio, concretamente nas coordenadas 20,92° S e 123,66° O. Ten un diámetro de 630,38 km e recibiu o seu nome en honra ó compositor alemán Ludwig van Beethoven.[1][nota 1] É o undécimo cráter de impacto máis grande do Sistema Solar e o terceiro maior de Mercurio.
Ó contrario doutros moitos cráteres de tamaño semellante que existen na Lúa, Beethoven non ten un sistema múltiple de aneis.[4] Os restos dos depósitos de material expulsado polo cráter durante a formación do mesmo, aparecen apagados e en moitos lugares están moi pouco definidos. A beira do cráter de Beethoven está parcialmente borrado por eses mesmos restos de material e ademais por materiais procedentes das planicies que rodean o cráter, o que fai que Beethoven sexa pouco visible.[2] O chan do cráter está tamén cuberto con materiais procedentes das planicies que rodean o cráter, polo cal o chan ten unha refractividade e unha cor semellantes ás chairas que rodean o cráter. Ó contrario do que sucede na cunca de Caloris, non aparecen fisuras, fendas nin grabens no interior de Beethoven.[3]
Spudis e Prosser[5] suxeriron que posiblemente Beethoven se formase ó final do período de formación dos cráteres tipo c3 ou a principios do período de formación dos cráteres do tipo c2, o cal significa que é máis vello cá Caloris Basin. A profundidade de Beethoven foi estimada en 2,5 ± 0,7 km, a partir de modelos de elevación dixitalizados baseados na imaxes de Mercurio tomadas pola sonda Mariner 10. Esta profundidade é significativamente menor cá dos cráteres e cuncas lunares de tamaño semellante, o cal indicaría que probablemente a forma da cunca Beethoven se relaxara despois da súa formación.[3] Tamén existe unha ampla elevación topográfica na marxe noroeste de Beethoven.[2]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 USGS Astrogeology (ed.). "Planetary Names: Crater, craters: Beethoven on Mercury". Gazetteer of Planetary Nomenclature. Consultado o 23-03-2012.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 André, S.L.; Watters, T.R.; Robinson, M.S. e o seu equipo. (2005). "A topographic analysis of Beethoven Basin, Mercury". Lunar and Planetary Science 36: 1.871. Bibcode:2005LPI....36.1871A.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Mohit, P. Surdas; Johnson, Catherine L.; Barnouin-Jha, Olivier e o seu equipo; Maria T.; Solomon, Sean C. (2009). "Shallow basins on Mercury: Evidence of relaxation?". Earth and Planetary Science Letters 285 (3-4): 355–363. Bibcode:2009E&PSL.285..355M. doi:10.1016/j.epsl.2009.04.023.
- ↑ Conferencia de Trask, N.J. (1976). "History of basin development on Mercury". Publicado no libro "Lunar Science Institute Contribution, Conference on Comparisons of Mercury and The Moon." Novembro 15-17, 1976. vol. 262, p. 36.
- ↑ Spudis, P.D.; Prosser, J.G.; (1984). "Geologic map of the Michelangelo quadrangle of Mercury" (Mapa). U.S. Geological Survey Miscellaneous Investigations Series. 1:5,000,000. Sección I-1659.