Saltar ao contido

Bartolomeu de Olagüe (frei)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaBartolomeu de Olagüe
Biografía
Nacemento24 de agosto de 1652 Editar o valor en Wikidata
Santiago de Compostela, España Editar o valor en Wikidata
Morte17 de outubro de 1722 Editar o valor en Wikidata (70 anos)
Madrid, España Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónorganista, compositor Editar o valor en Wikidata
Familia
PaiBartolomé de Olagüe Editar o valor en Wikidata

Bartolomé de Olagüe, nado en Santiago de Compostela o 24 de agosto de 1652 e finado en Madrid o 17 de outubro de 1722, foi un compositor e organista galego, pertencente á Orde do Císter.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Era fillo de Bartolomé de Olagüe, cóengo e mestre de capela na catedral de Santiago, e de María Rodríguez. Até hai ben pouco ambos os músicos, pai e fillo, confundíanse cun só, pero recentes investigacións teñen clarificado as biografías das dúas figuras, e establecido a súa relación de parentesco.[1]

Entrará como novizo no mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes, para o oficio de organista, o 27 de agosto de 1666, profesando ao ano seguinte, o 9 de outubro de 1667. Fíxoo con menos de 16 anos, que era a idade mínima para requirida para profesar como monxe de acordo coas prescricións do Concilio de Trento (Sesión XXV, Capítulo XVI). Isto foi posible debido á falsificación da partida de nacemento presentada á súa entrada en Sobrado, expedida polo arcipreste da cidade de Santiago, na que aparece como nado en maio de 1651. Grazas a esta partida falsa, e ás declaracións de diversos músicos e dignidades eclesiásticas da catedral de Santiago no seu expediente de limpeza de sangue, entre elas a do organista Benito de Alaraz, faise patente que frei Bartolomé gozou dunha especial protección por parte dos músicos e membros do cabido catedralicio. Quizais, ao ser orfo de pai dende os 6 anos, foi coidado e educado nese círculo. É tamén moi probable que o propio Benito de Alaraz, que fora compañeiro do seu pai xa dende os tempos deste como mestre de capela da Catedral de Burgos, fose o encargado da súa instrución como músico de tecla.

Frei Bartolomé de Olagüe exercerá como organista en Santa María de Sobrado por 40 anos. Durante ese período será testemuña da reconstrución da igrexa monasterial e, tamén, da construción dun novo órgano, rematado entre 1700 e 1701. Nada queda deste instrumento, pero é de supor que Olagüe seguiu de cerca a súa fabricación e tamén faría indicacións e recomendacións sobre as súas características técnicas.

Nalgún intre do verán de 1707, cando tiña 55 anos de idade e era un músico en plena madurez, abandona a súa casa nai para trasladarse ao mosteiro de Santa Ana en Madrid, situado na rúa de San Bernardo, e xa desaparecido. Este mosteiro non adoitaba admitir novizos, nutríase con monxes provenientes doutras casas cistercienses. A elección de Olagüe para desempeñar o posto de organista no mosteiro da capital, pode ser unha indicación da súa habilidade como instrumentista e compositor, e do seu prestixio dentro da orde. Non se teñen noticias de que abandone Madrid até o momento da súa morte, que sucede o 17 de outubro de 1722, como consta no espolio dos seus bens que os monxes de Santa Ana remiten ao mosteiro de Sobrado.

Frei Bartolomé de Olagüe é un dos poucos organistas peninsulares do século XVII, de entre centos deles, dos que se conserva unha cantidade respectable de obra. Preservouse no Libro de Cyfra onde se contem varios Jogos e Versos e Obras, e outras curiosidades de varios autores, que se conserva na Biblioteca Municipal de Porto.[2]Trátase dun importante manuscrito de cifra para órgano, escrito por un músico portugués, pero que contén só obras de autores hispanos (un total de 16, incluído o propio Olagüe) ademais dalgunhas anónimas. Dáse a relevante circunstancia de que a obra de Olagüe ocupa algo máis da terceira parte deste manuscrito, ademais de estar situada case toda ao comezo do mesmo. Ademais, está copiada case sen ningún erro. Este feito xa chamara a atención a algúns autores, en particular a Andrés Cea, quen na súa tese sobre a cifra hispana, indica que o Livro de Cyfra podería ter sido realizado na contorna de Olagüe, si non por el mesmo, por algún colega ou discípulo.[3] Coa localización de Olagüe en Galicia, nun mosteiro onde, ademais, profesaron como organistas pouco despois do propio Olagüe algúns monxes portugueses, esta hipótese parece reforzarse considerablemente. Chegouse a sinalar incluso un hipotético autor, frei Diego Valverde, natural de Valença do Miño, que profesa como organista en Santa María de Sobrado en 1719.[1]Esta data é plenamente compatible tanto coa data en que Andrés Cea data o Livo de cyfra, ao redor de 1720, como coa orixe monástica que lle atribúe.

A listaxe de obras de Olagüe conservado neste manuscrito é o seguinte:

  1. Obra de 1º Tom de Ambas as as mãos
  2. [Primeiro] Jogo de Versos de Todos vos Tõns
  3. Obra de 8º Tom de Cheo
  4. [Segundo] Jogo de Versos de Todos vos Tõns
  5. Registo Alto de Dois Tiples
  6. [Terceiro] Jogo de Versos
  7. [Primeiro] Registo Alto de 1º Tom
  8. Registo Baixo de 6º Tom
  9. [Segundo] Registo Alto de 1º Tom
  10. Registo Baixo de 1º Tom
  11. Registo Alto de 4º Tom
  12. Registo Alto de 6º Tom
  13. [Primeiro] Registo Alto de 8º Tom, Airoso
  14. Registo Alto de 3º Tom
  15. [Segundo] Registo Alto de 8º Tom
  16. Toada de 8º Tom de Dois Tiples
  17. Entradas de 8º Tom
  18. Entradas de 1º Tom
  19. Variedades dá Xácara de 1º Tom
  20. Canção de 1º Tom
  21. Entradas de 5º Tom
  22. Entradas de 6º Tom
  23. Pange Lingua de 5º Tom
  24. Sacris Solemnis de 5º Tom.

Non existe unha edición moderna, comercial, do Livro de cyfra nin da obra de frei Bartolomé de Olagüe, e na actualidade a única maneira de achegarse ao mesmo é por medio da tese que lle adicou o musicólogo norteamericano Barton Hudson.[4]

  1. 1,0 1,1 Díaz Pazos, Andrés (2022). «Sobre la identidad del organista fray Bartolomé de Olagüe». En Marín López, Javier; Mazuela Anguita, Ascensión; Pastor Comín, Juan José, eds. Musicología en transición (Madrid: Sociedad Española de Musicología): 1311-1327.
  2. «Libro de Cyfra adonde se contem varios Jogos e Versos e Obras, e outras curiosidades de varios autores». Archivo Digital de la Biblioteca Municipal de Oporto (en portugués). [reproducción digital de la obra]. Consultado el 9 de enero de 2022.
  3. Cea Galán, Andrés (2014). La cifra hispana: música, tañedores e instrumentos (Siglos XVI-XVIII). Tesis doctoral, Universidad Complutense de Madrid. Consultado el 15 de marzo de 2024.
  4. Hudson, Barton (1961). A Portuguese Source of Seventeenth-Century Organ Music. Manuscript no. 1577, Loc. B, 5. Municipal Library, Oporto, Portugal. Tesis doctoral, Indiana University, 1961.