Os artigos de Wikipedia requiren fontes fiables e publicadas que apoien directamente a información exposta nun artigo. Agora xa sabe como engadir referencias a un artigo, pero que fontes debe usar?.
A palabra "fonte" en Wikipedia ten tres significados: a obra en si mesma (por exemplo, un documento, un artigo, unha páxina web ou un libro), quen crea a obra (por exemplo, unha institución ou unha persoa) e quen edita a obra (por exemplo, Cambridge University Press). Os tres poden afectar á confiabilidade.
Como regra xeral, as fontes máis fiables contan con máis persoas involucradas na verificación dos feitos, analizando cuestións legais e revisando a redacción do texto. As publicacións académicas e revisadas por pares son xeralmente as fontes máis fiables, por exemplo artigos e manuais. Outras fontes de confianza inclúen libros de texto universitarios, páxinas web oficiais, revistas e xornais convencionais.
Os traballos auto-publicados, nos que a redacción e a publicación están en mans da mesma persoa, incluíndo boletíns, páxinas web persoais, libros, patentes, wikis, blogs e redes sociais, non son aceptados como fontes. Hai excepcións, como cando a autoría provén de alguén que conta cun rexistro previo de publicacións de terceiros sobre o tema; nese caso, o seu traballo auto-publicado "pode" ser considerado fiable para ese tema, pero non para outros temas. Mesmo entón, as publicacións de terceiros son aínda preferibles.
O feito de que unha fonte sexa utilizable tamén depende do contexto. As fontes que son fiables para algúns contidos non son fiables para outros. Debe sempre tratar de atopar a mellor fonte posible para a información que quere achegar. En relación á información sobre persoas vivas, só deberían ser usadas as fontes máis fiables.
Estas son as pautas xerais, pero o tema das fontes fiables é complicado, e é imposible tratalo por completo aquí. Pode atopar máis información en Wikipedia:Verificabilidade e en Wikipedia:Fontes fiables.