At Fillmore East é o primeiro álbum ao vivo da banda estadounidense de rockThe Allman Brothers Band, publicado o 6 de xullo de 1971 a través do selo Capricorn Records nos Estados Unidos. O disco foi producido por Tom Dowd e como indica o seu nome gravouse no local de Nova York Fillmore East, que estaba dirixido polo promotor de concertos Bill Graham. Gravouse ao longo de tres noites en marzo de 1971 (só se usaron dúas noites no álbum) e presenta á banda interpretando versións estendidas de cancións como "Whipping Post", "You Don't Love Me" e "In Memory of Elizabeth Reed". Cando foi lanzado comercialmente por primeira vez, apareceu como un LP dobre con só sete cancións en catro lados de vinilo.
At Fillmore East foi o primeiro gran éxito artístico e comercial da banda, aumentando rapidamente a exposición de The Allman Brothers Band e gañándolles unha nova lexión de fieis fans. Desde entón, At Fillmore East foi considerado como un dos mellores álbums en directo de todos os tempos.