Afrodisias (festivais de Afrodita)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

As Afrodisias era un festival anual celebrado na antiga Grecia dedicado á deusa Afrodita Pandemos (epíteto este último que alude á súa faceta relacionada co amor físico en contraposición a Afrodita Urania, identificada co amor espiritual).

Estas festas aparecían en varias cidades gregas pero eran especialmente relevantes na illa de Chipre, lugar de orixe da deusa segundo a mitoloxía, e segundo o noso calendario terían lugar entre a terceira semana de xuño e a terceira semana de xullo, o mes de Hekatombaion.

Era moi popular en especial entre as prostitutas, que a consideraban a súa patroa. Non se sabe moito sobre o modo de celebración destas festas xa que non hai textos que os relaten; con todo, a iconografía dános algunhas pistas.

A festa comezaría co sacrificio dunha pomba, ave relacionada con Afrodita, con cuxa sangue se purificaría o templo da deusa. Despois a imaxe da divindade levaríase en procesión até ser lavada nunha corrente de auga e os iniciados nos Misterios de Afrodita farían unha ofrenda de sal, como elemento de conexión co mar do que xurdiu Afrodita  e tamén un pan con forma fálica. Outras ofrendas poderían consistir en incenso, flores (quizais rosa ou mirto, plantas relacionadas con ela) ou lume, xa que durante este festival non se permitía o derramamento de sangue excepto o da pomba antes mencionada. Por este motivo, ofrendábanlle machos cabríos vivos; este animal estaba identificado con Afrodita especialmente no seu aspecto carnal, que era o que se celebraba nas Afrodisias.

A pesar do significado popular do epíteto Pandemos e do papel principal das prostitutas nas Afrodisias, non hai que caer na idea de considerar que Afrodita Pandemos tan só se refería ao amor físico, ao sexo tal cal; senón máis ben ao amor da xente común, ás relacións das clases sociais humildes como contrapunto ao amor elevado e espiritual, platónico e intelectual que representaría Afrodita Urania. De feito pan (todo) e demos (pobo), faría de Afrodita Pandemos: “Afrodita de todo o pobo”. Con todo, é unha interpretación tardía feita por Platón por mor dos mitos antigos da deusa.