Adiantado

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Adelantado»)

Un adiantado (adelantado en castelán) era un funcionario do Reino de Castela que tiña a máxima autoridade xudicial e gobernativa sobre un distrito. O primeiro adiantado nomeouse en 1253 en La Frontera (Andalucía), a partir de 1258 o cargo estendeuse a Galicia, Castela, León e Murcia. En Galicia e outros territorios do norte da península os meiriños maiores que tiñan poderes executivos pero non xudiciais foron substituídos polos adiantados pero seguiuse utilizando tamén o nome de meiriño como sinónimo. No sur da península só se lles denominou adiantados e foron adquirindo máis competencias militares. Nos comezos da Idade Moderna o título convertérase en hereditario e puramente honorífico.

Durante a conquista de América por España o rei concedeu o título de adiantado ós conquistadores que emprendían expedicións con medios privados e que se convertían en representantes da Coroa no territorio que conquistasen.