Accidente do transbordador espacial Challenger

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Columna de fume do transbordador espacial Challenger despois da ruptura en pleno voo que matou os sete tripulantes da misión STS-51-L.
Tripulación do STS-51-L: (fila de diante) Michael J. Smith, Dick Scobee, Ronald McNair; (fila de atrás) Ellison Onizuka, Christa McAuliffe, Gregory Jarvis, Judith Resnik.

O accidente do transbordador espacial Challenger produciuse o 28 de xaneiro de 1986, cando o transbordador espacial Challenger, na misión STS-51-L, rompe 73 segundos despois do lanzamento, provocando a morte dos sete membros da tripulación. A nave desintegrouse sobre o océano Atlántico, diante da costa do centro de Florida (Estados Unidos de América) ás 11:39 (EST) (16:39 UTC).

A desintegración do vehículo enteiro comezou despois que unha xunta tórica do seu foguete acelerador sólido (SRB) dereito fallase durante o lanzamento. O erro da xunta tórica causou a abertura dunha fenda, permitindo que o gas quente presurizado do interior do motor de foguete sólido saíse ó exterior e contactase coa estrutura adxacente de conexión co SRB e o tanque externo de combustible. Isto provocou a separación da conexión posterior do SRB dereito e o colapso estrutural do depósito externo. As forzas aerodinámicas destruíron axiña o orbitador.

O compartimento da tripulación e outros anacos do vehículo foron finalmente recuperados do fondo do océano despois dunha longa operación de busca e recuperación. Malia que non se sabe o intre exacto no que morreron os membros da tripulación, sábese que algúns membros sobreviviron á ruptura inicial da nave. Porén, o transbordador carecía de dispositivo de saída de emerxencia e os astronautas non sobreviviron ó impacto do transbordador contra a superficie do océano.

O accidente supuxo un paro de 32 meses do programa do transbordador espacial e a formación da Comisión Rogers, unha comisión especial creada polo presidente Ronald Reagan para investigar o accidente. A Comisión Rogers descubriu que a cultura organizativa da NASA e os procesos de toma de decisións contribuíran de xeito decisivo no accidente. Os directores da NASA coñecían dende 1977 que o deseño dos foguetes aceleradores sólidos do contratista Morton Thiokol tiñan un defecto potencialmente catastrófico nas xuntas tóricas, pero nunca se resolvera adecuadamente. Tamén ignoraron as advertencias de enxeñeiros sobre os perigos no lanzamento provocados polas frías temperaturas daquela mañá e non informaran axeitadamente ós seus superiores destas preocupacións. A Comisión Rogers fixo recomendacións á NASA que terían que ser postas en marcha antes de continuar cos voos de transbordadores.

Moita xente viu o lanzamento en directo porque entre a tripulación estaba Christa McAuliffe, a primeira membro do Proxecto Teacher in Space, que tería sido o primeiro mestre no espazo. A cobertura dos medios de comunicación sobre o accidente foi extensa: un estudo revelou que o 85 por cento dos estadounidense interrogados sentiran a nova durante a hora posterior ó accidente. O accidente do Challenger foi empregado como caso de estudo en moitas discusións sobre seguridade en enxeñaría e ética no lugar de traballo, e en 1990 inspirou un filme para televisión titulado Challenger.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]