311 (pronunciado "three-eleven") é unha banda de rockestadounidense procedente de Omaha, Nebraska. O grupo foi formado no ano 1988 polo vocalista e guitarrista Nick Hexum, o guitarrista Jim Watson (que foi substituído en 1990 por Tim Mahoney), o baixista Aaron "P-Nut" Wills, e o batería Chad Sexton. En 1992, Doug "SA" Martinez uniuse á banda como DJ.
311 publicou 13 álbums de estudio, dous álbums ao vivo, catro recompilatorios, catro EPs e catro DVDs. Tras unha serie de lanzamentos independentes, 311 fichou por Capricorn Records en 1992 e publicou os álbums Music (1993) e Grassroots (1994) cun éxito moderado. En 1995 conseguiron un grande éxito con 311, que chegou a ser triplo platino[1] e acadou o número 12 da lista Billboard 200 grazas aos sinxelos "Down" e "All Mixed Up", este último chegando ao primeiro posto da lista Billboard Hot Modern Rock Tracks en 1996.[2] Os seus seguintes tres traballos tamén foron exitosos, sendo o primeiro (Transistor) platino e os outros dous (Soundsystem e From Chaos) ouro.[1] O seu recompilatorio de 2004, Greatest Hits '93-'03 tamén foi certificado platino.