Saltar ao contido

Ángel Rodríguez Castedo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaÁngel Rodríguez Castedo
Biografía
Nacemento10 de agosto de 1949 Editar o valor en Wikidata (75 anos)
Sarria, España Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítico Editar o valor en Wikidata


Ángel Rodríguez Castedo, nado en Sarria o 10 de agosto de 1949, é un político e alto funcionario galego.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Fillo de Rafael Rodríguez e de Cándida Castedo, mestra de Barbadelo e Fontao. Cursou estudos eclesiásticos no Seminario de Lugo e licenciouse en Filosofía e Letras pola Universidade Complutense de Madrid. Despois diplomouse en Psicoloxía Pedagóxica e Psicoloxía Industrial pola mesma universidade, así como en Xerontoloxía pola Sociedade Española de Xeriatría e Xerontoloxía (Madrid).

Co goberno socialista de Felipe González foi nomeado xerente do Fondo Nacional de Asistencia Social (1983) e logo director xeral do Instituto Nacional de Servizos Sociais Inserso (1985). Durante ese tempo foi ademais responsable do Plan Xerontolóxico Nacional (1988-93), membro do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (1988-93) e membro da Conferencia Sectorial de Asuntos Sociais (1988-93). En 1993 foi nomeado secretario xeral do Consello Económico e Social, cargo que ocupa ata 2001, cando pasou á empresa privada relacionada coa atención aos maiores. En abril de 2004, co regreso do PSOE ao goberno, foi designado de novo director xeral do Inserso, agora chamado Imserso (Instituto de Maiores e Servizos Sociais).

Desenvolveu labor docente en diversos mestrados universitarios sobre xerontoloxía, xerencia pública ou desenvolvemento social. O seu papel na dotación dun centro de atención a persoas con discapacidade psíquica na vila de Sarria fixo que o Concello de Sarria o nomease fillo predilecto e lle puxese o seu nome á rúa de acceso a ese centro de atención.