Usuario:Atobar/50.000 artigos na prensa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

50.000 artigos da Galipedia. Entrevistas e artigos[editar | editar a fonte]

Como moitos xa sabedes, este pasado sábado foi publicada unha nova en Xornal de Galicia destacando os 50.000 artigos acadados.

Na miña opinión, a nova non está todo o ben redactada que podería estar, máxime cando había a pretensión, polo que se me dixo, de facer unha reportaxe dun certo nivel. Explícovos a cronoloxía do caso: eu púxenme en contacto coa redacción do periódico o mércores día 5 e o responsábel de Cultura amosou axiña o seu interese polo tema da Galipedia que lle expuxen nun artigo que lles adxuntei -co evidente propósito de o publicar- na caixa de correo. De aí, dese primeiro contacto, saíu deles a idea da entrevista aos usuarios Xabier Cid, Alberte Álvarez e eu mesmo, e unha vez feitas estas, todo o material xunto -o meu artigo e mais as entrevistas- serviulles de guiero para publicar a nova, que se pode ler aquí.

O problema -seica un malentendido- vén de que o meu artigo non pretendía convertese en guieiro nin en plantilla de traballo para ninguén, senón nun artigo publicabel, como eu sigo mantendo que é obvio. Así crin que o fixera saber, pero evidentemente non, porque o sábado non o atopei por ningures, nin na versión dixital de Xornal nin tampouco na que se imprime en papel. Vista a situación, comprenderedes, o meu enfado veu por dúas bandas: unha, que ao meu ver fixeron unha reportaxe que é ben pouquiña cousa, miudallos, faragullas do que a Galipedia pode dar de si, porque crédeme que na entrevista telefónica falei de case todo (mesmo fixera un esquema ao efecto para non esquecer nada); e dúas, que me sentín, por vez primeira, creo, plaxiado, pois até o título 'Os 50.000 artigos da Galipedia', nada do outro mundo, me correspodía.

Porén, isto que así de primeiras pode parecer un conto complicado e de difícil resolución, grazas ao bo facer posterior dos redactores de Xornal e en especial de Iago Martínez, o responsábel de Cultura, todo un diplomático, foi levado a bo porto, dialogado con claridade e cordialidade e ao cabo, malia que o consenso non é absoluto, si é certo que achegamos posicións e que se me ofreceron explicacións e propostas alternativas. Resumindo: asumiron responsabilidades sen o menor atisbo de chularía, cunha cordialidade que cómpre facer pública, déronseme facilidades e cadaquén moveu unha miguiña as súas posicións, de aí que hoxe, xa xoves, día 13, saia na prensa outro segundo artigo que escribín esta mesma mañá de mércores para tentar cubrir parte do que non se dixo na nova. Pódese ler, na versión dixital, aquí.

Con todo, quero deixarvos o primeiro artigo en cuestión que foi botado por terra (visto agora, con parte de razón, pois son moitos caracteres de máis os que puxen, e mais notas ao pé da páxina, hipervínculos e un estilo non demasiado xornalístico, detalles todos estes que novamente me fixo ver Iago Martínez nos seus correos posteriores ao meu enfado). Coido que o mellor é non buscarlle saída ao texto máis ca a nivel interno. Niso quedei con Xornal é coido que se trata dunha solución intermedia, porque o que si me enfastiaría en verdade sería deixalo no cartafol do Windows durmindo a sesta, porque o seu tempiño me levou redactalo, compañeiros.

Pégoo deseguido, e a vós de o xulgar.

---

Os 50.000 artigos da Galipedia

Velaí, lector, unha restra de datos redondos, transparentes e apolíticos: o pasado 23 de xullo de 2009 a Galipedia[1], un dos máis modernos referentes da cultura e lingua galegas, acadou o que se pode cualificar de fito: 50.000 artigos únicos. 50.000, nada menos, con case doce edicións por páxina[2], o que fai un total ben por riba do millón de edicións, cifra esta que xa fora deixada atrás aló polo mes de novembro do ano pasado. Máis datos e conclusións: en pouquiño máis de nove meses medrou o número de artigos en nada menos que 10.000. Que números tan aqueladiños os da nosa enciclopedia libre, non si?, pois velaquí outro feito: en dous anos e un mes, o número de artigos tense duplicado. Agora, máis ca un dato, unha consideración: cada vez se traballa sobre unhas liñas mestras máis axeitadas, en base a un guieiro máis de consenso, estrito, apañadiño, cada vez se pulen máis os artigos e se gaña en fiabilidade, cada vez o galego, na rede, toca, a man aberta, un maior número de campos. A cultura libre de Galiza fala, con certeza, galego.

Un recordatorio: a Galipedia é a wikipedia de noso, a que se fai en galego, con enfoque galego, visión cosmopolita e carácter universal. Isto do enfoque ou mira galega cómpre non esquecelo, porque as diferenzas entre unha e outra versión[3] deste planetario proxecto enciclopédico están latentes, mesmo son tanxíbeis, e sempre de agradecer. Así, por exemplo, a versión inglesa, por razóns evidentes, ten un peso descomunal[4], en ocasións fastoso, cun poder de absorción que está fóra de toda dúbida, namentres que as wikipedias escandinavas semellan pouco menos ca unha familia cordial e cortés que coopera na saúde e na enfermidade, ou, por outra banda, o caso singular da wikipedia en español, que a día de hoxe segue pendente de pór remedio a un estraño ensarillado de difícil interpretación, como é que, contra toda recomendación, oficialidade e lóxica, os seus administradores se rexan por unha política que dá en traducir os nosos topónimos por uns estraños Jove, Puerto del Son, Mugía ou La Coruña. E logo está o feito do bloqueo de información alternativa desta mesma wikipedia en lingua castelá, algo cando menos discutíbel e que por sorte non acontece na Galipedia. En fin, é o que hai; supoño que algún día deixaran de facer o ridículo. En calquera caso, centrando o tema, unha das diferenzas principais entre proxectos vén dada pola realidade do número de usuarios, de tal modo que namentres que na Galipedia hai arestora un pouquichiño máis de 260 usuarios activos, é dicir, usuarios con cando menos unha edición feita no correr dos últimos trinta días, na portuguesa, francesa ou alemá este número se multiplica por 24, por 56 e por case 90, respectivamente. Isto, na práctica, fai que por comparación a nosa capacidade de traballo sexa menor e así mesmo fai indispensábel que planifiquemos debidamente as nosas prioridades. Exemplificado, o da capacidade de traballo significa que namentres nós temos uns artiguiños máis ben breves a propósito de Pep Guardiola, Cruyff ou Stoichkov, os usuarios destas linguas de poder, por así dicilo, teñen xa metida toda a aliñación daquel Dream Team, o palmarés, as pretemporadas e se cadra mesmo os minutos dos goles dos encontros amigábeis. Así as cousas, non fai falla ser moi aleuto nin darlle moitas voltas á cabeza para deducir que se trata dunha mera cuestión de número de falantes á par que de medios tecnolóxicos. Cabe comentar de pasada que o caso da wikipedia en alemán é probabelmente o que mellor reflicte estas afirmacións. Mais, e agora se cadra estou pecando de subxectivo, estas wikipedias, por mor do volume de edición, teñen enormes dificultades á hora de controlar ou corroborar os datos fornecidos, namentres que na nosa é marcadamente máis doado esixir esa fidelidade informativa e dende logo non é tan sinxelo que alguén dea entremetido unha inexactitude, un fallo ou un vandalismo[5], o cal non quere dicir que non os haxa, porque habelos hainos. En calquera caso, isto das diferenzas entre linguas dentro dun mesmo proxecto conduce a unha reflexión: equivócase, ou polo menos non atina ao cento por cento, quen fale ou analice a credibilidade, o plaxio, a axuda aos escolares, as posibilidades de distribución cultural e, en definitiva, o papel ou papeis da enciclopedia como tal deixando á marxe as singularidades de cada lingua, o seu contexto, a súa circunstancia, a súa consideración e prestixio a nivel social, perde enteiros quen non escudriñe polo miúdo cada proxecto, erra gravemente quen meta na mesma saca a wikipedia galega, a española, a catalá, a italiana, a vasca e a occitana, porque nin as prioridades, nin a problemática, nin a interpretación das normativas nin os intereses son en absoluto os mesmos. Agora, novamente, unha consideración que tiro dos meus adentros máis compracentes: os galegos, francamente, podemos estar orgullosos do nivel da Galipedia, pois raia alto, moi alto, con eivas que devagariño van quedando cercadas, un nivel máis que digno obtido en parte grazas á compenetración entre os usuarios ―que son do máis diverso: dende profesores a estudantes e dende filólogos ou xornalistas a médicos ou enxeñeiros― e con grandes posibilidades de mellora grazas ao espírito galeguista, plural e respectuoso que seica tinguiu o proxecto desde os comezos e que xa quixeran moitos para si, pois lonxe de se valer da política válese da historia contrastada e contrastábel, co cal as polémicas son máis levadías e a razón non a ten quen máis berra senón quen máis e mellores referencias achega.

Así de sinxelo, xa logo, lector, anímate[6] e colabora, que traballo e coñecemento en galego hai arreo. E xa postos, un consello: configura a túa computadora de xeito que os motores de busca dean prioridade á lingua de noso, fai uso do software libre que empresas do país veñen desenvolvendo nos últimos anos, galeguiza, sexa cal for, o teu sistema operativo, o teu procesador de textos, as túas redes sociais. E alédate, porque 50.000 artigos son moitos artigos e cada achega é un triunfo sobre o analfabetismo que promulga a galegofobia. En conclusión, en breve: a Galipedia é moita Galipedia, abofé que si.

  1. A Wikipedia, un proxecto de enciclopedia multilingüe, de contido libre e participación aberta, leva na rede máis de oito anos. A Galipedia, algo así como a sucursal galega da Wikipedia, existe dende marzo de 2003.
  2. 50.000 multiplicado por 12 non dá o millón, pero cómpre engadirlle as edicións miúdos de bots, categorizacións, caixas de modelo, etcétera.
  3. Amais de en lingua galega, o proxecto wikipedia desenvólvese noutras 266 linguas ou variedades dialectais, como o estremeño ou o aragonés, por nomear dous exemplos ibéricos. A nosa lingua, non sen esforzo, ocupa o 41º lugar en base ao número de artigos, un posto, insisto, certamente meritorio, quedando por baixo do novo noruegués ―ao que confiamos en adiantar de aquí a unhas semanas, meses sendo prudentes― e un posto por riba do tailandés, que xa leva un tempiño por tras do noso ronsel.
  4. Do total de visitas que recibe o proxecto global, o 54% diríxense cara á versión inglesa.
  5. Un textiño tirado da Galipedia no que se define este tipo de vandalismo: «O vandalismo, na wikipedia, é unha forma de edición que levan a cabo persoas que teñen como diversión estragar o traballo doutros colaboradores ou crear artigos lixo, sen ningún tipo de contido enciclopédico nin de interese». Así, engado eu, insultos ou brincadeiras entre escolares son os vandalismos máis comúns, e por algunha estraña razón boa parte deles veñen redactados en castelán. As conexións?, que cadaquén faga as súas cábalas.
  6. Prezado lector: atúote porque, ao cabo, é este o trato máis común entre colegas.



Saúdos

Alejandro