Tampereen Ilves

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tampereen Ilves
Tipomultisports club
Deportefútbol, fútbol sala, hóckey sobre xeo, Floorball e ringette
SedeTampere
PaísFinlandia
Na rede
http://ilves.fi/
editar datos en Wikidata ]
Seccións activas do
Ilves
Floorball Fútbol
(masculino)
Fútbol
(feminino)
Fútbol sala
(masculino)
Fútbol sala
(feminino)
Hóckey sobre xeo
(feminino)
Ringette Hóckey sobre xeo (masculino) Special hockey
Parahockey

O Tampereen Ilves é un club polideportivo da cidade de Tampere, Finlandia. Foi fundado o 10 de abril de 1931 por iniciativa de Niilo Tammisalo, que daquela era profesor no Tampereen Lyseo. No ano 2024 o club tiña equipos nas disciplinas de floorball, fútbol, fútbol sala, hóckey sobre xeo e ringette, aínda que no pasado contou con equipos de bandy, baloncesto, balonmán, birlos, fútbol americano e patinaxe artística sobre xeo. O club tamén desenvolve actividades para persoas discapacitadas na modalidade de hóckey sobre xeo, contando con equipos de hóckey sobre xeo adaptado e special hockey.

Con 7 397 deportistas en 2024 é o club deportivo máis grande de Finlandia.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

O Tampereen lyseo, onde naceu o Ilves en 1931.

Para falar das orixes do club hai que remontarse ao ano 1929, cando Niilo Tammisalo, un deportista polifacético que practicaba varios deportes de pelota, trasladouse a Tampere procedente de Helsinqui para exercer como profesor no Tampereen Lyseo. Tammisalo quería demostrar que os deportes de pelota podían ter éxito tamén en Tampere, unha cidade que no momento era especialmente coñecida polo atletismo e o patinaxe de velocidade.[2]

O Ilves foi fundado no instituto Tampereen Lyseo o 10 de abril 1931 por Niilo Tammisalo, que era profesor no centro, para que o alumnado puidera practicar deportes de pelota.[1] Tammisalo acabaría converténdose no primeiro presidente do club.[1][2]

Os primeiros deportes que se incluíron entre as actividades do club foron o fútbol, o hóckey sobre xeo e o bandy, e os primeiros partidos nas modalidades foron contra outro equipo da cidade, os Tampereen Palloilijat (TaPa). O equipo de fútbol debutou o 7 de maio do mesmo ano da súa fundación, mentres que os equipos das modalidades de xeo houbo que agardar ata os primeiros meses de 1932, debutando en hóckey sobre xeo o 24 de xaneiro e en bandy o 19 de febreiro.[2] Salientar que o TaPa se proclamara campión finlandés en 1931 e derrotou ao Ilves por 1 gol a 2.[3][4]

No primeiro ano o club non competiu en ningunha competición oficial, sendo un club de afeccionados en todas as súas modalidades. Foi en 1932 cando o Ilves comezou a xogar competicións oficiais, xogando partidos de cualificación para a Serie B en fútbol,[5] así como a SM-Cup en hóckey sobre xeo.[6] Se ben os equipos de bandy e fútbol non apareceron nas máximas categorías, os éxitos non tardaron n chegar para o equipo de hóckey sobre xeo, que en 1934 colgábase a primeira medalla de bronce no campionato finlandés,[7] e ao ano seguinte conseguía a prata por detrás do Helsingin Jalkapalloklubi.[8]

O equipo do Ilves campión de Finlandia de hóckey sobre xeo en 1937.

A partir deste momento o equipo de hóckey sobre xeo converteuse nun referente na modalidade en Finlandia, conseguindo 15 medallas de xeito consecutivo dende 1936 ata 1952,[a] entre elas nove campionatos.[11]

Os mellores momentos do equipo de hóckey sobre xeo contrastan coa breve traxectoria do equipo de fútbol, que en 1938 cesou a súa actividade. Con todo, o equipo regresou pouco despois, en 1942, competindo en categorías rexionais,[12] se ben en 1945 o equipo superou a primeira rolda da SM-kilpailu fronte o TaPa.[13] Con todo, esta segunda etapa foi novamente curta, xa que en 1947 abandonouse de novo a modalidade mentres ano tras ano se fortalecía a posición do hóckey sobre xeo no club.[14]

En 2021 o Ilves celebrou o seu 90º aniversario. Con motivo da efeméride realizáronse numerosos sorteos e o club organizou varios eventos nas súas diferentes seccións, como partidos conmemorativos dos equipos femininos e masculinos de fútbol (o 25 e o 14 de setembro de 2021), o equipo feminino de hóckey sobre xeo (2 de outubro), torneos de fútbol, foorball, e ringette.[15][16][17] Ademais o Suomen Jääkiekkomuseo (en galego Museo do Hóckey sobre Xeo Finlandés), situado no Centro Museístico Vapriikki, realizou unha exposición monográfica sobre o equipo e a súa traxectoria no hóckey sobre xeo.[18] A directiva de Ilves ry homenaxeou aos antigos presidentes do club o 10 de abril, día oficial do aniversario, visitando as súas tumbas e levando flores amarelas en mostra de agradecemento polo seu traballo.[19] O 9 de outubro o club celebrou unha gala no Hotel Torni de Tampere.[20] Con todo, a situación provocada pola pandemia de COVID-19 obrigou a suspender algúns dos eventos como o Ilves päivä (enn galego Día do Ilves) que se ía celebrar, como habitualmente ocorría, no parque de atraccións de Särkänniemi o 18 de agosto.[21]

En 2023 o club recibiu o premio ao "Club Deportivo do Ano" (en finés Vuoden urheiluseura) na "Gala do Deporte" (en finés Urheilugaala) celebrada o 12 de xaniro de 2023.[22]

Identidade do club[editar | editar a fonte]

Nome[editar | editar a fonte]

O nome do Ilves vén do lince, traducíndose o nome "Tampereen Ilves" por "Lince de Tampere".

Cando se creou o club propuxéronse catro posibles nomes para a entidade: Niilon pojat, Pallopojat, Näsin pojat, Haukat e Ilves, gañando esta última na reunión fundacional.[2]

Se ben o fundador do club, Niilo Tammisalo, sinalou que o nome proviña do equipo homónimo de Hämeenlinna, segundo o membro da primeira xunta directiva Jorma Ruissalo a orixe do nome viría da rexión de Tavastia (en finés Häme).[2] "Ilves" significa en galego lince. O lince é o mamífero representativo da provincia de Tavastia e da actual rexión de Tavastia Propia (en finés Kanta-Häme), á cal pertenceu a actual rexión de Pirkanmaa e a cidade de Tampere entre 1831 e 1997. Durante esa época foi fundado o club que foi nomeado en honor do animal, presente no escudo e na bandeira rexionais.[23][24]

Cores[editar | editar a fonte]

Antigo escudo de Tampere cuxas cores foron adoptadas polo Ilves na súa fundación.

As cores do equipo son o amarelo, o verde e o negro.[25] Estas cores fan referencia á identidade da cidade, xa que o amarelo e o verde eran, no momento da fundación do club, as cores da cidade, presentes no antigo escudo de Tampere que estivo en uso dende 1839 e 1960, cando se aprobou o escudo actual da cidade.[26]

Logotipo[editar | editar a fonte]

O primeiro logotipo de Ilves, en funcionamento dende 1931 ata 1945 consistía na figura dun lince amarelo, que con posterioridade mudou a unha forma redonda cunha base negra e verde rodeada por unha franxa amarela, no centro encontrábase a figura do lince e ao redor podía verse oo texto "Ilves Tampere". Este logotipo redondo foi modificado varias veces entre 1945 e 1962 e mesmo empregáronse simultaneamente diferentes logotipos do club.[25]

O logotipo actual do equipo foi deseñado por Rauno Broms e consiste nunha cabeza de lince de cor amarela amosando os dentes. Este logotipo foi introducido en 1962, cando o daquela xerente do equipo Seppo Helle quixo renovar a marca do equipo para facela máis atractiva para a xente nova. Logo de rexeitar numerosas propostas Helle escolleu o deseño de Rauno Broms, que se mantivo entre os anos 1962 e 1993.[27][25]

Se ben durante uns anos o equipo profesional masculino empregou outro logotipo diferente ao do resto de seccións durante a década de 1990, o 8 de novembro de 1999 o equipo volveu empregar a versión de 1962-1993 coa cabeza do lince por iniciativa de Risto Jalo, que fora escollido conselleiro delegado do equipo de hóckey sobre xeo. En outono dese ano Jalo quixo reparar as pontes entre o equipo de hóchey sobre xeo e o club matriz, e como símbolo desta reparación recuperou o deseño de 1962, que na tempada 2021-22 se mantiña como imaxe do club.[25][27]

Seccións[editar | editar a fonte]

Hóckey sobre xeo[editar | editar a fonte]

Artigos principais: Ilves e Ilves Naiset.

O hóckey sobre xeo está presente nas actividades do Ilves dende o mesmo ano da súa fundación.[2] O club xogou o seu primeiro partido na modalidade sobre o xeo do Näsijärvi o 24 de xaneiro de 1932, caendo por 2 goles a 1 fronte ao Tampereen Palloilijat (TaPa).[2][28] Posteriormente o equipo converteuse no gran dominador do hóckey sobre xeo finlandés, conseguindo un total de 31 medallas (15 ouros, 7 pratas e 9 bronces) na SM-sarja, a máxima categoría do hóckey sobre xeo finlandés ata a creación da SM-liiga (actualmente coñecida como "Liiga").[29][30][31] En 1971 comezaron as actividades en categoría feminina, onde o club axiña se converteu no gran dominador do campionato finlandés, conseguindo 13 medallas consecutivas (8 ouros, 4 pratas e 1 bronce) dende a creación do campionato en 1983.[32]

En total o equipo masculino gañou 16 campionatos e o feminino 10, ademais de proclamárense campioas de Europa en 2011.[33] O Ilves é o segundo equipo máis laureado de Finlandia en ambas modalidades, tan só superado polo Tappara e o K-Espoo respectivamente, se ben é o equipo feminino con máis medallas.[34][35]

Ademais máis de 50 personalidades do club foron introducidas no salón da fama do hóckey sobre xeo finlandés, coñecido como Suomen Jääkiekkoleijonat.[36]

Floorball[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Tampereen Ilves (floorball).

O floorball foi incluído entre as actividades do club en 1995.[2] O equipo masculino chegou xogar na máxima categoría durante a tempada 2012-13, mais finalizou da derradeira posición e descendeu ao finalizar a tempada.[37]

Fútbol[editar | editar a fonte]

Artigos principais: Ilves (fútbol) e FC Ilves (feminino).
O Ilves masculino durante un partido fronte o FC KTP na tempada 2014.
O Ilves femenino durante un partido fronte o PK-35.

O Ilves ten equipos de fútbol tanto en categoría feminina como masculina, competindo ambos nas máximas categorías. O maior logro do equipo masculino foi o campionato de liga conquistado en 1983,[38][39] ademais dos campionatos de copa dos anos 1979, 1990, 2019 e 2023.[40]

O equipo feminino é o segundo equipo que máis tempadas xogou na máxima categoría do fútbol feminino finlandés por detrás do HJK de Helsinqui. Se ben nunca gañou o campionato, ao longo da súa historia conseguiu un total de cinco medallas, dúas delas de prata (1992 e 2015) e tres de bronce (1991, 1993 e 1996),[41][42] e foi outras cinco veces subcampión da Copa de Finlandia (1991, 1997, 2010, 2011, 2014).[43][44]

Fútbol sala[editar | editar a fonte]

Artigos principais: Ilves FS e Ilves FS Naiset.

A sección de fútbol sala foi a derradeira sección en integrarse nas actividades do Ilves. O Ilves FS é o club máis exitoso do fútbol sala finlandés, tendo gañado o campionato finlandés en oito ocasións en categoría masculina e catro en categoría feminina, así como catro Copa de Finlandia en categoría masculina e unha Copa en categoría feminina. O equipo masculino chegou a competir na UEFA Futsal Champions League en 2013.[45]

Ringette[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Ilves (ringette).

O ringette é un deporte de xeo feminino similar ao hóckey sobre xeo, aínda que con menos contacto. En 1992 o Ilves decidiu incluír esta modalidade, que xa se practicaba na cidade da man do Tampereen Ringette. En 1997 o equipo representativo conseguiu o seu primeiro ascenso á máxima categoría, a SM-sarja.[46]

Deportes para persoas discapacitadas[editar | editar a fonte]

En 2023 o Ilves comezou as súas actividades con persoas discapacitadas a través da creación de dous equipos, un de special hockey e outro de hóckey sobre xeo adaptado.

A principios de 2023 o Ilves iniciou as súas actividades no special hockey, unha modalidade destinada a persoas que poden patinar erguidas pero que contan con algún tipo de discapacidade intelectual leve ou moderada, TDAH, síndrome de Asperger, perda auditiva, problemas psicosociais ou motores, entre outros.[47][48]

O día 8 de abril de 2023 presentouse a modalidade de hóckey sobre xeo adaptado no pavillón de xeo Sentteri, en Kaukajärvi. A diferenza do special hockey, esta modalidade está destinada a persoas que non poden patinar erguidas e que se desprazan nunha zorra.[48]

Seccións desaparecidas[editar | editar a fonte]

Ademais das seccións activas na actualidade, o Ilves contou ao longo da súa historia con outras que foron desaparecendo.

O club tivo unha sección de baloncesto activa entre os anos 1944 e 1979.[49] Dende o ano da súa fundación o club tivo actividade no bandy, mais a sección acabou desaparecendo. En 1962 comezaron as actividades nos birlos e na patinaxe artística sobre xeo, máis ambas seccións acabaron desaparecendo. O balonmán formou parte tamén do programa de actividades do Ilves en tres períodos: entre 1945 e 1947, entre 1950 e 1957 e entre 1961 e 1964.[2] Dende 1990 o club competiu tamén no fútbol americano, mais en decembro de 1991 anunciouse que debido á falta de pagamentos á Federación Finlandesa de Fútbol Americano o equipo non puido competir máis na liga, poñendo deste xeito punto e final á breve historia da sección logo d ter finalizado na cuarta posición na súa única tempada na máxima categoría en 1991.[2][50][51]

Presidentes[editar | editar a fonte]

Niilo Tammisalo foi o primeiro presidente do club. Na imaxe durante a súa carreira futbolística coa camisola de HJK.

Ao longo da súa historia o Ilves tivo 21 presidentes, o primeiro foi Niilo Tammisalo, quen exerceu o cargo dende a fundación do club en 1931 ata 1935. Risto Lindroos foi a persoa que máis tempo estivo á fronte do club de Tampere cun total de 12 anos entre 1944 e 1956. A seguinte táboa mostra todos os presidentes que tivo a entidade dende a súa fundación:[2]

Presidentes do Ilves
Nome Período
Kari Pansio 2014-
Petri Ojala 2010-13
Markku Lehtola 2004-09
Kari Kaitasuo 1995-04
Hannu Telenius 1992-94
Harri Pyhältö 1985-92
Jorma Huura 1983-85
Risto Hannula 1981-83
Raimo Eskelinen 1977-81
Pekka Terho 1974-77
Paul Kirjavainen 1969-74
Tero Jaakkola 1965-70
Pekka Terho 1961-64
Allan Tokoi 1959-61
Aarne Honkavaara 1956-59
Risto Lindroos 1944-56
Väinö Teivaala 1940-44
Jussi Tiitola 1938-40
Kauko Mankonen 1936-38
Mikko Tiitola 1935-36
Niilo Tammisalo 1931-35

Palmarés[editar | editar a fonte]

O Ilves tense proclamado campión finlandés en varias das modalidades deportivas que inclúen o seu programa. A continuación enuméranse as medallas que cada sección gañou dende a súa creación:

Hóckey sobre xeo[editar | editar a fonte]

Feminino
Masculino
  • Campionato finlandés (16): 1936, 1937, 1938, 1945, 1946, 1947, 1950, 1951, 1952, 1957, 1958, 1960, 1962, 1966, 1972 e 1985
    • Medalla de prata (9): 1935, 1948, 1949, 1965, 1968, 1969, 1970, 1990 e 1998
    • Medalla de bronce (14): 1934, 1939, 1941, 1943, 1963, 1964, 1967, 1974, 1975, 1983, 1989, 2001, 2022 e 2023
  • Sumen Cup (2): 1958 e 1971

Fútbol[editar | editar a fonte]

Masculino
  • Veikkausliiga (1): 1983
    • Medalla de prata (1): 1985
    • Medalla de bronce (2): 1984 e 2017
  • Suomen Cup (4): 1979, 1990, 2019 e 2023
    • Medalla de prata (1): 1977

Fútbol sala[editar | editar a fonte]

Masculino
  • Futsal-Liiga (8): 2004, 2005, 2007, 2010, 2011, 2012, 2013, 2014
    • Medalla de prata (4): 2002, 2006, 2009, 2016
    • Medalla de bronce (3): 2001, 2015, 2018
  • Futsal Cup (3): 2006, 2010, 2011
  • Super Cup (5): 2004, 2006, 2007, 2010, 2011
Feminino

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Durante as tempadas 1939–40 e 1941–42 non se disputou o campionato a causa da Guerra de Inverno e a Guerra de Continuación respectivamente.[9][10]
Referencias
  1. 1,0 1,1 1,2 "Seuran esittely" (en finés). Ilves ry. Consultado o 15 de maio de 2024. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 "ILVES RY:N PERUSTAMISKOKOUS 10.4.1931" (en finés). Ilves-Hockey Oy. Consultado o 15 de maio de 2024. 
  3. "Championnat de Finlande 1930/31" (en francés). hockeyarchives.info. Consultado o 18 de maio de 2024. 
  4. "KAUSI 1931-32" (en finés). Ilves-Hockey Oy. Consultado o 18 de maio de 2024. 
  5. Wacklin 2006, p. 16-17.
  6. "KAUSI 1931-32" (en finés). Ilves-Hockey Oy. Consultado o 18 de maio de 2024. 
  7. "KAUSI 1933-34" (en finés). Ilves-Hockey Oy. Consultado o 18 de maio de 2024. 
  8. "KAUSI 1934-35" (en finés). Ilves-Hockey Oy. Consultado o 18 de maio de 2024. 
  9. "KAUSI 1939-40" (en finés). Ilves-Hockey Oy. Consultado o 18 de maio de 2024. 
  10. "KAUSI 1941-42" (en finés). Ilves-Hockey Oy. Consultado o 18 de maio de 2024. 
  11. "ILVES SM-CUPISSA (1931-33) SEKÄ SM-SARJAN (1933-75) JA SM-LIIGAN (1975-) RUNKOSARJASSA KAUTTA AIKOJEN:" (en finés). Ilves-Hockey Oy. Consultado o 18 de maio de 2024. 
  12. Wacklin 2006, p. 32.
  13. Wacklin 2006, p. 166.
  14. Wacklin 2006, p. 35.
  15. "Arpajaiset" (en finés). Ilves ry. Consultado o 18 de maio de 2024. 
  16. "Ilves 90 vuotta" (en finés). Ilves ry. Consultado o 18 de maio de 2024. 
  17. "Tupsukorvaturnaus 2021" (en finés). Ilves ry. Consultado o 18 de maio de 2024. 
  18. Suonsyrjä, Vesa (3 de febreiro de 2021). "Jääkiekkomuseossa nähtävissä Ilves 90 vuotta näyttely!" (en finés). Ilves. Consultado o 26 de xuño de 2022. 
  19. "Ilves ry johtokunta muisti entisiä puheenjohtajia" (en finés). Ilves ry. 10 de abril de 2021. Consultado o 18 de maio de 2024. 
  20. "Ilves 90 vuotta" (en finés). Ilves ry. 9 de outubro de 2021. Consultado o 18 de maio de 2024. 
  21. "Ilves-päivä on vuoden 2021 osalta peruttu!" (en finés). Ilves ry. 9 de outubro de 2021. Consultado o 18 de maio de 2024. 
  22. "Ilves ry valittiin Urheilugaalassa 12.1.2023 Vuoden Urheiluseuraksi!" (en finés). Ilves ry. Consultado o 15 de maio de 2024. 
  23. "Maakuntatunnukset" (en finés). Hämeen Liitto. 27 de xuño de 2022. Arquivado dende o orixinal o 22 de abril de 2023. Consultado o 22 de abril de 2023. 
  24. Keski-Korpela, Nina (17 de febreiro de 2016). "Häme vai Kanta-Häme? Maakuntanimestä vilkas keskustelu – jo 20 vuotta sitten". Yle Uutiset (en finés). Consultado o 22 de abril de 2023. 
  25. 25,0 25,1 25,2 25,3 "Tunnukset ja värit" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 15 de xullo de 2021. 
  26. "Tampereen vaakunat esittelyssä" (en finés). agricolaverkko.fi. 24 de setembro de 2007. Consultado o 23 de abril de 2023. 
  27. 27,0 27,1 Mustonen 2001, p. 380.
  28. "KOTIKENTÄT" (en finés). Ilves Hockey. Consultado o 16 de maio de 2024. 
  29. "SEURAN SAAVUTUKSET" (en finés). Ilves-Hockey Oy. Consultado o 16 de maio de 2024. 
  30. Kauhala, Hannu (12 de outubro de 2016). "Perinnesarja, osa 2: Askeleet Jääkiekon SM-liigan perustamiseksi" (en finés). Liiga.fi. Consultado o 16 de maio de 2024. 
  31. "SM-Liiga changes name". eurohockey.com (en inglés). 
  32. "aisten SM:n mitalijoukkueet kautta aikojen" (en finés). Leijonat.fi. Consultado o 16 de maio de 2024. 
  33. "Ilveksen naiset tekivät suomalaista jääkiekkohistoriaa". Yle Urheilu (en finés). 27 de febreiro de 2011. Consultado o 16 de maio de 2024. 
  34. "Palkinnot" (en finés). Consultado o 16 de maio de 2024. 
  35. "Eniten mitaleita Naisten Liigassa" (en finés). Consultado o 16 de maio de 2024. 
  36. "Jääkiekkoleijonat" (en finés). Ilves-Hockey Oy. Consultado o 16 de maio de 2024. 
  37. "Salibandyliiga 2012-13" (en finés). salibandyliiga.fi. Arquivado dende o orixinal o 27 de xuño de 2012. Consultado o 17 de maio de 2024. 
  38. "Premier Division (Mestaruussarja) 1983, Championship Group" (en inglés). rsssf.org. Consultado o 16 de maio de 2024. 
  39. Nurmi, Teemu (13 de xullo de 2023). "Muistatko vielä vuoden 1983?: Ari Hjelm, Jari Niinimäki, Dean Thomas, Michael Belfield... – "Sillä porukalla olisi voinut saada enemmänkin mestaruuksia"". Tamperelainen (en finés). Consultado o 16 de maio de 2024. 
  40. "Finland - List of Cup Finals" (en inglés). rsssf.org. Consultado o 16 de maio de 2024. 
  41. Pietarinen, Heikki. "Finnish Women Premier Division: All-Time Tables" (en inglés). RSSSF. Consultado o 2 de xullo de 2022. 
  42. Pietarinen, Heikki. "Finnish Women League Premier Division: Clubwise Final Placings" (en inglés). RSSSF. Consultado o 2 de xullo de 2022. 
  43. Pietarinen, Heikki. "Finland – List of Women Cup Finals" (en inglés). RSSSF. Consultado o 2 de xullo de 2022. 
  44. Pietarinen, Heikki. "Finland – List of Women League First Level Tables" (en inglés). RSSSF. Consultado o 2 de xullo de 2022. 
  45. "Historiaa ja saavutukset. / History and trophies." (en finés). IlvesFSNaiset.fi. Consultado o 17 de maio de 2024. 
  46. Kankare, Minna (30 de xaneiro de 2021). "Ilves täyttää tulevana vuonna kunnioitettavat 90 vuotta" (en finés). ringette.fi. Arquivado dende o orixinal o 16 de setembro de 2021. Consultado o 16 de maio de 2024. 
  47. "Special Hockey" (en finés). Ilves ry. Consultado o 19 de maio de 2024. 
  48. 48,0 48,1 Hirvonen, Mikko (15 de marzo de 2023). "Fysioterapeutti Eveliina Markovaara sai idean ja perinteikäs tamperelaisseura innostui – Ilves käynnistää parajääkiekkotoiminnan". Yle Uutiset (en finés). Consultado o 31 de agosto de 2023. 
  49. "Ilveksen arkistot järjestetty Urheilumuseossa – pala suomalaista urheiluhistoriaa" (en finés). Ilves ry. 19 de febreiro de 2020. Consultado o 15 de maio de 2024. 
  50. Hänninen, Hannu (21 de decembro de 1991). "Tampereen Ilves ulos Vaahteraliigasta". Helsingin Sanomat (en finés). Consultado o 16 de maio de 2024. 
  51. "Vaahteraliiga - Sarjataulukko 1991" (en finés). Federación Finlandesa de Fútbol Americano. Consultado o 16 de maio de 2024. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Mustonen, Olli (2001). Veijareita & virtuooseja: tarina legendaarisesta jääkiekkoseurasta 1980-2001 (en finés). Tampere: Poika kotiin Oy. ISBN 952-91-3862-8. 
  • Wacklin, Matti (2006). Sydämenasiana Ilves. Tampere: Ilves. ISBN 952-92-0783-2. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]