Hockey Club Coruña Feminino
Hockey Club Coruña Feminino | |
---|---|
Cidade | A Coruña, Galicia |
Historia | 2023- |
Fundado | 2023 |
Pavillón | Pazo dos Deportes de Riazor 4 400 persoas |
Presidente | Lucía Sanjurjo |
Adestrador | Stanis García |
Competición | OK Liga Feminina Liga de Campioas da WSE |
Cores | Azul e branco |
Na rede | |
O Hockey Club Coruña Feminino é un club galego de hóckey a patíns, con sede na Coruña. Fundado en maio de 2023, durante a tempada 2023/24 compite na OK Liga Feminina. Xoga os seus partidos como local no Pazo dos Deportes de Riazor, un pavillón con capacidade para 4 400 persoas nas súas bancadas.
O club naceu logo de que o Hockey Club Liceo decidira suprimir o seu equipo feminino, que competía na máxima categoría do hóckey a patíns español, a OK Liga Feminina. O adestrador Stanis García e a maioría das xogadoras do Liceo continuaron no novo club.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Inicios[editar | editar a fonte]
O club naceu o 22 de maio de 2023, tralo colapso e desaparición do Hockey Club Liceo da Coruña Feminino.[1] A pesar de vivir os mellores momentos deportivos da súa historia, cun quinto posto na OK Liga Feminina e acadando os cuartos de final da Liga Europea, os problemas económicos do club provocaron que o 17 de maio de 2023 o HC Liceo comunicase a supresión da súa sección feminina. No mesmo comunicado, o club anunciou que a súa praza na máxima categoría se cedería a unha nova entidade que se faría cargo da xestión deportiva e económica do equipo.[2] O 22 de maio deuse a coñecer a creación do Hockey Club Coruña Feminino, entidade desvencellada totalmente do Liceo, aínda que mantendo a parte das xogadoras e do corpo técnico, e que pasou a ocupar a praza deste na máxima categoría.[1] Lucía Sanjurjo asumiu a presidencia do novo club e comezou o traballo a contra reloxo para crear un equipo competitivo nesta nova etapa,[3] que se iniciou cun orzamento de entre 120&nbs;000 e 150&nbs;000&nbs;euros segundo a estimación inicial de Sanjurjo.[4] A nova directiva axiña tivo que ocuparse de diversos aspectos, o primeiro deles, conseguir unha pista na que adestrar e xogar os seus partidos como local, mais tamén adquirir o material deportivo necesario e conseguir acordos con patrocinadores.[5]
A principios de agosto o HC Coruña deu por pechado o cadro de xogadoras para a súa primeira tempada. Finalmente o equipo estivo integrado por sete xogadoras que a tempada precedente xogaran no Liceo, e tres incorporacións máis: Anna Bulló procedente do CP Manlleu, Mar Franci do HC Alpicat, e a internacional chilena Fernanda Muñoz procedente do Independiente de la Florida do seu país pero con experiencia na OK Liga Feminina logo de ter disputado a tempada 2020-21 nas filas do HC Borbolla coruñés.[6] No banco tamén continuou o que fora adestrador do Liceo, Stanis García, e o preparador físico Carlos Alonso.[7] O HC Coruña comezou a súa andaina cun elenco de xogadoras semiprofesional.[8]
O axustado dos prazos fixo que o equipo tan só puidera disputar tres partidos amigables antes do inicio da competición, que se saldaron coa derrota nos penaltis contra o Bembibre (2-2) e as vitorias fronte o Escola Livre de Azeméis en Xixón (4-0) e fronte o Raxoi en Riazor (4-1).[7] Antes do inicio da tempada fixouse como primeiro obxectivo para o equipo finalizar a primeira volta entre os sete mellores equipos para así disputar a Copa da Raíña.[9]
Tempada debut[editar | editar a fonte]
O debut do equipo na OK Liga Feminina tivo lugar o 24 de setembro no Pazo dos Deportes de Riazor fronte o Cerdanyola CH, un partido no que o adestrador coruñés Stanis García puido contar con todas as súas xogadoras.[10] O debut do equipo saldouse cunha cómoda vitoria fronte ás catalás por 6-1 ante 150 persoas nas bancadas de Riazor. Bea Gaete sería a autora do primeiro gol en liga na historia do equipo herculino.[11] Logo de caer na segunda xornada en Manlleu[12] e derrotar ao Igualada en Riazor,[13] o Coruña conseguiu a súa primeira vitoria como visitante na súa visita ao Bembibre (1-2) logo de remontar o 1-0 inicial.[14]
O Hockey Club Coruña Feminino herdou o dereito a disputar a Liga de Campioas da WSE. En outubro de 2023 definíronse os catro grupos da fase de grupos, integrados cada un deles por tres equipos. O HCCF encadrouse no grupo C xunto co US Coutras e o CP Manlleu.[15] O debut do equipo na máxima competición de clubs de Europa tivo lugar o 11 de novembro e saldouse cunha vitoria por 4-2 en Riazor fronte ao Coutras francés e, como ocorrera co debut do equipo na competición doméstica, foi novamente Bea Gaete quen se encargou de abrir o marcador.[16][17] Finalmente o cadro coruñés rematou a fase de grupos cunha nova vitoria fronte o equipo francés, asegurando a primeira posición e evitando o Hoquei Club Palau de Plegamans nos cuartos, onde se enfrontou ao HC Massamá portugués.[18] Logo de vencer na ida (0-2),[19] as coruñesas non deron opción ás portuguesas e impuxéronse novamente (8-0) en Riazor para certificar a súa clasificación para a final a catro.[20] Unha vez acadada a clasificación para a final a catro o cadro coruñés solicitou organizar o evento á World Skate Europe, que aceptou a proposta, polo que seleccionouse como sede o Pazo dos Deportes de Riazor.[21][22] Nas semifinais o equipo herculino enfrontouse ao Club Patín Fraga, ao que derrotara dúas semanas antes no mesmo escenario por 2-1,[23] aínda que acabou perdendo por 0-2 con dous goles da coruñesa María Sanjurjo, que deixara o Liceo antes de que se convertera no HC Coruña, nun partido de ritmo baixo e moi táctico.[24]
O Coruña clasificouse para a Copa da Raíña ao finalizar a primeira volta entre os oito mellores equipos da competición. O equipo asegurou a súa presenza na Copa a falta dunha xornada para finalizar a primeira volta e no sorteo conseguiu evitar a dous dos favoritos ao título, o Telecable Gijón (vixente campión) e o Palau Plegamans (finalista das tres edicións anteriores). O rival das herculinas nos cuartos foi o Club Patí Vila-sana, ao cal se enfrontara na 10ª xornada da liga, caendo por 6-1.[25][26] Finalmente as xogadoras de Stanis García caeron pola mínima (1-0), nun partido igualado que non se decidiu ata dous minutos antes de finalizar a prórroga, cando Flor Felamini anotou o único gol do encontro.[27]
No mes de novembro de 2023, Stanis García recibiu o recoñecemento como mellor adestrador da OK Liga Iberdrola nos meses de setembro e outubro.[28]
Ao final da tempada o equipo finalizou na sexta posición logo de ter realizado unha moi boa primeira volta que permitía ao equipo pensar en clasificarse entre os catro primeiros e disputar os play-offs, mais os resultados non o acompañaron na segunda volta e acabou cedendo a quinta posición. A pesar de todo, o equipo herculino conseguiu unha das prazas para disputar competicións europeas.[29]
Pavillón[editar | editar a fonte]
- Artigo principal: Pazo dos Deportes de Riazor.
O Hockey Club Coruña Feminino xoga os seus partidos como local no Pazo dos Deportes de Riazor, un pavillón con capacidade para 4 400 persoas.[30] O equipo comparte as instalacións co equipo masculino de hóckey a patíns do Hockey Club Liceo e co equipo de baloncesto masculino do Club Básquet Coruña.[31]
A construción do pavillón comezou en novembro de 1968, sobre unha superficie de 5.840 m², baixo a dirección do arquitecto municipal Santiago Rey Pedreira,[32] e foi inaugurado o 1 de agosto de 1970.[33] Dende a súa inauguración o pavillón foi o escenario de numerosos eventos relacionados co hóckey a patíns, acollendo Campionatos do Mundo, de Europa, así como numerosas competicións entre clubs na modalidade.[34]
Xogadoras[editar | editar a fonte]
Equipo 2023-24[editar | editar a fonte]
Fonte: hoqueipatins.pt[35]
Nº | Nome | Idade |
---|---|---|
3 | Mar Franci | 23 |
4 | Alejandra Martín | 22 |
7 | Bea Gaete | 27 |
9 | Alba Garrote | 23 |
10 | Ariadna Escalas (p) | 24 |
16 | Luchy Paz | 24 |
21 | Viki Caretta (p) | 22 |
23 | Fernanda Muñoz | 21 |
25 | Anna Bulló | 22 |
87 | Cristina Diz | 19 |
- Adestrador: Stanis García
Presidencia[editar | editar a fonte]
A primeira presidenta do club é Lucía Sanjurjo, que encabezou unha directiva formada por cinco mulleres, a propia Sanjurjo e Montse Vale, Bea Lema, Mar Barcón e Luchy Paz, esta última tamén xogadora do equipo.[4]
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ 1,0 1,1 "El Hockey Club Coruña Femenino se convierte en realidad". DxT Campeón (en castelán). 22 de maio de 2023. Consultado o 30 de maio de 2023.
- ↑ "O Liceo feminino colapsa e nace "unha nova entidade"". Nós Diario. 17 de maio de 2023. Consultado o 30 de maio de 2023.
- ↑ "El Hockey Club Coruña sigue buscando los 40.000 € que cuesta traer a Riazor la Final Four europea". Onda Cero (en castelán). 9 de abril de 2024. Consultado o 28 de abril de 2024.
- ↑ 4,0 4,1 "Presentado en sociedad el nuevo HC Coruña Femenino" (en castelán). hockeyasturias.com. 24 de maio de 2023. Consultado o 22 de maio de 2024.
- ↑ "El Hockey Club Coruña Femenino se convierte en realidad". El Ideal Gallego (en castelán). 22 de maio de 2023. Consultado o 22 de maio de 2024.
- ↑ Zaballa, Pablo (8 de agosto de 2023). "El HC Coruña cierra su plantilla con la internacional chilena Fernanda Muñoz". DxT (en castelán). Consultado o 27 de abril de 2024.
- ↑ 7,0 7,1 Zaballa, Pablo (21 de setembro de 2023). "HC Coruña femenino: ilusión y ambición sobre ruedas". DxT (en castelán). Consultado o 27 de abril de 2024.
- ↑ Zaballa, Pablo (26 de abril de 2024). "El partido más importante en la breve pero intensa historia del HC Coruña". DxT (en castelán). Consultado o 3 de maio de 2024.
- ↑ Centeno, Alexandre (6 de setembro de 2023). "El Hockey Clube Coruña Feminino llega para quedarse". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 3 de maio de 2024.
- ↑ Zaballa, Pablo (23 de setembro de 2023). "El Palacio de Riazor aguarda el estreno oficial del HC Coruña". DxT (en castelán). Consultado o 27 de abril de 2024.
- ↑ Couce, Iago (24 de setembro de 2023). "Estreno inmejorable del HC Coruña (6-1)". DxT (en castelán). Consultado o 27 de abril de 2024.
- ↑ "El HC Coruña cae en Manlleu con dos goles en los minutos finales (3-1)". DxT (en castelán). 30 de setembro de 2023. Consultado o 27 de abril de 2024.
- ↑ Zaballa, Pablo (7 de outubro de 2023). "El HC Coruña gana con su segundo ‘set’ de la temporada (6-1)". DxT (en castelán). Consultado o 27 de abril de 2024.
- ↑ Zaballa, Pablo (14 de outubro de 2023). "Remontada y primera victoria visitante del HC Coruña en Bembibre (1-2)". DxT (en castelán). Consultado o 27 de abril de 2024.
- ↑ "Grupos da Liga dos Campeões Feminina sorteados". hoqueipet.com (en portugués). 23 de outubro de 2023. Consultado o 27 de abril de 2024.
- ↑ "Cita histórica para el Hockey Club Coruña". DxT (en castelán). 10 de novembro de 2023. Consultado o 27 de abril de 2024.
- ↑ Couce, Iago (11 de novembro de 2023). "Un debut para la historia del HC Coruña (4-2)". DxT (en castelán). Consultado o 27 de abril de 2024.
- ↑ Zaballa, Pablo (9 de marzo de 2024). "El HC Coruña cumple en Coutras, evita al Palau y sueña con la Final Four europea (0-4)". DxT (en castelán). Consultado o 27 de abril de 2024.
- ↑ Novo, Charly (23 de marzo de 2024). "El HC Coruña pone pie y medio en la Final Four". DxT (en castelán). Consultado o 27 de abril de 2024.
- ↑ Couce, Iago (6 de abril de 2024). "El HC Coruña se mete en la Final Four por la vía rápida (8-0)". DxT (en castelán). Consultado o 28 de abril de 2024.
- ↑ "A Coruña, sede de la Final Four de la Liga de Campeonas". DxT (en castelán). 16 de abril de 2024. Consultado o 28 de abril de 2024.
- ↑ "EL PALACIO DE LOS DEPORTES DE RIAZOR ACOGERÁ LA FINAL FOUR DE LA WSE CHAMPIONS LEAGUE WOMEN". Real Federación Española de Patinaxe. 16 de abril de 2024.
- ↑ Couce, Iago (26 de abril de 2024). "Unión, motivación e ilusión: tres palabras que definen al HC Coruña". DxT (en castelán). Consultado o 3 de maio de 2024.
- ↑ Zaballa, Pablo (26 de abril de 2024). "La coruñesa María Sanjurjo acaba con el sueño europeo del HC Coruña (2-0)". DxT (en castelán). Consultado o 3 de maio de 2024.
- ↑ Zaballa, Pablo (16 de xaneiro de 2024). "Stanis García: "Hay que valorar lo que ha hecho el equipo"". DxT (en castelán). Consultado o 28 de abril de 2024.
- ↑ Zaballa, Pablo (13 de marzo de 2024). "El Vila-sana, rival del HC Coruña en cuartos de final de la Copa de la Reina". DxT (en castelán). Consultado o 28 de abril de 2024.
- ↑ Zaballa, Pablo (18 de abril de 2024). "Cruel desenlace para un HC Coruña que rozó la proeza (1-0)". DxT (en castelán). Consultado o 28 de abril de 2024.
- ↑ "Stanis García, entrenador de septiembre y octubre en la OK Liga Iberdrola". DxT (en castelán). 14 de novembro de 2023. Consultado o 28 de abril de 2024.
- ↑ "0-4". La Opinión A Coruña (en castelán). 18 de maio de 2024. Consultado o 22 de maio de 2024. Texto " El HC Coruña termina sexto y se clasifica para Europa " ignorado (Axuda)
- ↑ "El Palacio de los Deportes de Riazor, una pista con sabor a hockey sobre patines" (en castelán). Federación Galega de Patinaxe. 12 de xullo de 2018. Consultado o 27 de abril de 2024.
- ↑ Varela, María (28 de xaneiro de 2023). "El Palacio se queda viejo y Leyma y Liceo estallan: "Entrenamos en la peor instalación, no es propia de equipos profesionales"". La Opinión A Coruña (en castelán). Consultado o 3 de maio de 2024.
- ↑ "Franco inauguró un Palacio de los Deportes en La Coruña", artigo no ABC, 2 de agosto de 1970, páx. 66 (en castelán).
- ↑ "El Mundial de 1972, en La Coruña", artigo no ABC, 2 de xaneiro de 1972, páx. 59 (en castelán).
- ↑ "El Palacio de los Deportes de Riazor, una pista con sabor a hockey sobre patines" (en castelán). Federación Galega de Patinaxe. 12 de xullo de 2018. Consultado o 3 de maio de 2024.
- ↑ "CORUÑA FEM" (en portugués). hoqueipatins.pt. Consultado o 3 de maio de 2024.