Historia de Santiago de Compostela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Historia de Santiago de Compostela

Plano de Santiago de 1595.
Historia de Santiago de Compostela, Galicia Galicia
Categoría Historia de Santiago de Compostela
Relacionados
Historia Historia de Galicia
 · Historia da Coruña
 · Historia de Lugo
 · Historia de Pontevedra
 · Historia de Vigo
 · Historia de Ourense

A historia de Santiago de Compostela abrangue a historia da cidade de Santiago de Compostela. Remóntase a prehistoria, a cultura castrexa, a pegada dos romanos, e como punto de inflexión o achado do enterramento do Apóstolo Santiago. A partir dese momento a cidade conformarase contorno ao centro de poder representado polo Arcebispo de Santiago e a súa representación física, a Catedral. O Camiño de Santiago marcou dende entón o devir da cidade.

Idade Antiga[editar | editar a fonte]

No territorio que actualmente ocupa a Catedral de Santiago existía un poboado romano, que se tende a identificar como a mansión romana de Aseconia que existiu entre a segunda metade do século I e o século V.[1] O poboado desapareceu pero permaneceu unha necrópole vencellada a explotacións mineiras que tivo uso quizais ata alén da época do Reino Suevo, chegando ata o século VII.

Idade Media[editar | editar a fonte]

O nacemento de Santiago como se coñece agora está ligada á descuberta (presumible) dos restos do Apóstolo Santiago entre o 820 e o 835, a elevación do rango relixioso dos restos, a Universidade e na actualidade á capitalidade de Galiza.

Segundo a tradición medieval, como aparece por primeira vez na Concordia de Antealtares (1077), o eremita Paio alertado por luces nocturnas que se producían no bosque de Libredón avisou o bispo de Iria Flavia, Teodomiro, quen descubriu os restos de Santiago o Maior e de dous dos seus discípulos, no lugar que posteriormente se levantaría Compostela, topónimo que podería vir de Campus Stellae, isto é "campo de estrelas", ou máis probabelmente de Composita Tella, "terras ben axeitadas", eufemismo por cemiterio; ou mesmo "[Ja]Com[e A]postol[u]"). O nome tamén se ten relacionado co hipocorístico Compostela, correspondente ao antropónimo Composta. A descuberta propiciou que Afonso II, necesitado de cohesión interna e apoio externo para o seu reino, fixera unha peregrinación que anunciou no interior do seu reino e no exterior, a un novo lugar de peregrinación da cristiandade nun momento no que a importancia de Roma decaera e Xerusalén non era accesible por estar en poder dos musulmáns.

Páxina do Códice Calixtino.
Pórtico da Gloria do mestre Mateu.

Pouco a pouco foise desenvolvendo a cidade, primeiro estableceuse unha comunidade eclesiástica permanente a carón dos restos atopados formada polo bispo de Iria e os monxes de Antealtares, espontaneamente asentouse unha poboación heteroxénea, aínda que fundamentalmente estaba formada por emigrantes procedentes das aldeas próximas, que foi aumentando a medida que progresaba a peregrinación por razóns relixiosas por todo o occidente peninsular, reforzado polo privilexio concedido por Ordoño II no ano 915 polo que se establecía que calquera que permanecera corenta días sen ser reclamado como servo pasaba a ser considerado como un home libre con dereito a residir en Compostela. O primeiro habitante coñecido de Compostela é, de feito, un estranxeiro: Bretenaldo Franco, cuxa mención máis antiga corresponde ó ano 955.

O santuario foi adquirindo relevancia política. Deste xeito nel foron coroados monarcas do Reino de Galicia e do Reino de León como Sancho Ordóñez; Ordoño IV, Sancho I ou Vermudo II. Como consecuencia, a cidade foi destruída por Almanzor o 10 de agosto do ano 997, que tan só respectou o sartego do apóstolo, tras a volta dos habitantes comezou a reconstrución, o bispo Cresconio a mediados do século XI dotou á cidade dun cinto de foxos e unha muralla como medida defensiva. Malia a ameaza de excomuñón no concilio de Reims, reivindicou para ela a condición de Sé Apostólica.

No ano 1075 o bispo Diego Páez deu comezo á construción da catedral románica, o aumento da peregrinación fai de Compostela un lugar de referencia relixiosa en Europa, aumentando a súa importancia, que se ve recompensada tamén politicamente, acadando na época do Arcebispo Diego Xelmírez a categoría de metropolitana para a igrexa compostelá (1120). A autoridade da Igrexa de Santiago estendíase sobre a maior parte das dioceses do nacente reino de Portugal e sobre a maioría das do León. Santiago era, asemade centro dun gran señorío feudal gobernado polos bispos de Compostela que ía dende o río Iso ata o Atlántico. Dende Santiago organizouse a resistencia armada fronte ás invasións normandas que coñecía ao Reino de Galicia como Jakobsland (País de Santiago).

Fito importante, dende o punto de vista político, foi a coroación por Diego Xelmírez de Afonso Raimúndez, o futuro Afonso VII na catedral compostelá como rei de Galicia. Dende o punto de vista relixioso, porén, hai que salientar a concesión do privilexio do Ano Santo xubilar xacobeo, mediante a Bula Regis Aeterni polo papa Alexandre III en 1181. Dende o punto de vista social, debe mencionarse o prematuro levantamento burgués contra Diego Xelmírez e a raíña Urraca en 1117.

Nestes anos redactouse o Códice Calixtino, un conxunto de textos reunidos nos anos finais do arcebispado de Diego Xelmírez e que se presentaba como da autoría do Papa Calisto II, fonte fundamental da Historia do peregrinación a tumba do Apóstolo.

A chegada da Raíña Santa Isabel como peregrina á catedral compostelá en 1325.
A chegada da Raíña Santa Isabel como peregrina á catedral compostelá en 1325.
A raíña deposita a súa coroa aos pés do arcebispo de Santiago de Compostela.
A raíña deposita a súa coroa aos pés do arcebispo de Santiago de Compostela.

No tempo no que acada o arcebispado Berenguel de Landoria Santiago de Compostela estaba levantada en armas, dende o ano 1318, encabezada polo nobre Afonso Suárez de Deza. A solución ó conflito produciuse no denominado día da ira, o 16 de setembro de 1320, cando no castelo da Rocha Forte os líderes da revolta foron asasinados. Tralos acontecementos, o 27 de setembro, asínase a paz.

Entre os séculos XII e XIII foise artellando a rede de rúas dentro do recinto amurallado. A chegada da Peste Negra a cidade supuxo unha forte recesión demográfica, a partir de 1380 recuperou poboación e no século XV tiña entre 4 e 5.000 habitantes.

Idade Moderna[editar | editar a fonte]

Claustro do Colexio de Fonseca.

A fundación da Universidade no ano 1495 por Lope Gómez de Marzoa e o labor do arcebispo Alonso III de Fonseca danlle un novo pulo a atracción de Santiago, en particular en Galiza, atracción que continuará tendo aínda a pesar do descenso relativo da importancia da cidade.

Pola súa parte o cabido compostelán dirixido polo deán Diego de Muros III promoveu outras obras de grande importancia e cun carácter propio do humanismo, o Hospital Real e o Estudo Vello, xermolo da futura Universidade e outras accións que conformaron o Santiago actual.

Foi sede da Real Audiencia do Reino de Galicia dende 1508, pero a presión eclesiástica, fixo que se trasladara á Coruña en 1578.

As reformas do poder monacal da orde bieita marcaron o renacemento de San Martiño Pinario e San Paio de Antealtares o que contribuíu a dar azos a unha intensa actividade construtiva.

Os azoutes da peste obrigaron ao arcebispo Francisco Blanco a fundar o hospital de San Roque, Santo baixo a cuxa protección se puxo o pobo de Santiago.

A principios do século XVII prodúcese un período de decadencia na cidade. O italiano Cesare Baronnio, confesor do Papa Clemente VII, na súa obra Annuales Eclesiásticos puxo en cuestión a peregrinación do Apóstolo a Hispania. Este dato foi recollido no Breviario Romano producindo un grave dano a cidade das peregrinacións. O Cabido Compostelán conseguiu pouco tempo despois que se modificase o Breviario, pero unha nova dificultade tivo que ser salvada; a Orde dos Carmelitas, nos anos 1617 e 1626, promoveron a Santa Tareixa como Copatroa de España, cas perdas económicas que significaba para Santiago. De novo o Cabido logrou, coa axuda de importantes persoeiros da sociedade do momento como Quevedo, devolverlle ao Apóstolo á situación de único Patrón de España.

Torre do reloxo de Domingo de Andrade.

Aínda houbo un novo feito similar, no ano 1643 as Cortes propoñen un novo copatrón de España, a San Miguel Arcanxo, pero esta proposta decaeu moi rápido xa que nese mesmo ano Filipe IV estableceu a Santiago como único patrón de España e estableceu, todos os 25 de xullo, unha ofrenda rexia de 1.000 escudos de ouro ao arcebispado de Santiago, e unha gran pensión por 20 anos para sufragar a realización dun gran retablo na súa honra (que se comezou a construír no ano 1658). Estes feitos produciron unha bonanza económica que fixo posible custear novas construcións e reformas que se multiplicaron por toda a cidade, obras nas que se plasmou un estilo propio e ao mesmo tempo universal, o barroco compostelán.

Esplendor Barroco[editar | editar a fonte]

A prosperidade do cabido catedralicio e dos mosteiros fixo de Santiago un centro artístico punteiro. Nun primeiro momento comezaron a traballar no taller da Catedral unha serie de mestres de obras e arquitectos foráneos, como José Vega y Verdugo (procedente de Madrid), o portugués Francisco de Antas, o salmantino José Peña de Toro, o cántabro Melchor de Velasco ou o Arquitecto Real Pedro de la Torre.

Neste taller e no de San Martiño Pinario formáronse un grupo de arquitectos galegos que cara ao ano 1670 tomaron as rendas das obras que se estaban a desenvolver en toda a cidade. Figuras egrexias como o compostelán Diego de Romay, Domingo de Andrade (torre do reloxo), Frei Tomás Alonso, o leonés Frei Gabriel de Casas, Pedro de Monteagudo, Simón Rodríguez (fachada do Convento de Santa Clara), Castro Canseco (retablo de San Paio de Antealtares, Clemente Fernández Sarela (Casas do Cabido e do Deán) ou Fernando de Casas Novoa (fachada do Obradoiro) fixeron de Santiago un conxunto barroco de alto nivel a escala mundial. As magnificencia e as peculiaridades do estilo arquitectónico destas personalidades fan que se fale de "barroco compostelán". O arcebispo mecenas por excelencia foi Frei Antonio de Monroy.

Santiago neste período convértese en refuxio dos exiliados irlandeses que reclaman acollida e centros de formación como o Colexio dos Irlandeses.

Acuarela da cidade, por Ramón Gil Rey, 1837.[2]

Idade Contemporánea[editar | editar a fonte]

Malia a forza da Igrexa, xurdiron iniciativas ilustradas como a Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago. Pero trala ocupación francesa e o fito do Batallón Literario contra a ocupación, Santiago transfórmase nun baluarte carlista. A Igrexa de Santiago arela restaurar un Reino de Galicia tradicionalista dentro dunha monarquía española consonte aos parámetros do Antigo Réxime.

En Santiago naceu en 1800 o primeiro xornal galego, El Catón Compostelano. Avanzado o século XIX existen fábricas de tipo artesanal de curtidos, chocolate e gasosas. Pero a loita contra o inmobilismo verase freada polo atraso das vías férreas (non hai tren á Coruña ata 1943).

No século XX Santiago será testemuña dun renacer galeguista co Seminario de Estudos Galegos e a Asemblea de municipios que no albor da Segunda República se amosou maioritariamente favorable á redacción do estatuto de autonomía. A sublevación militar de 1936 acabou con esa alborada. O alcalde galeguista Ánxel Casal foi fusilado.

A aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981 nomeaba Santiago de Compostela como capital galega, obtendo como consecuencia un novo pulo na fin do século XX que contrarrestou amplamente o decrecemento relativo da importancia como cidade universitaria ó creárense en 1989 a Universidade de Vigo e a Universidade da Coruña.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]