Cultura castrexa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Historia de Galicia

Este artigo é parte da
Categoría:Historia de Galicia

Prehistoria
O megalitismo
Idade de Bronce
Idade de Ferro
Cultura castrexa
Idade Antiga
Galaicos
Romanización
Cultura galaico-romana
Cristianización
Antigüidade tardía
Monarquía sueva
Chegada dos bretóns
Monarquía visigoda
Idade Media
Período altomedieval
Era Compostelá
Período feudal
Idade Moderna
Antigo Réxime
Ilustración en Galicia
Idade Contempóranea
A Restauración borbónica
Segunda República
Guerra civil española
Ditadura franquista
Período autonómico
Véxase tamén
Historia da lingua galega
Reino de Galicia
Galicia
Cronoloxía do Reino de Galicia
Cronoloxía de Galicia

A cultura castrexa é unha cultura arqueolóxica do noroeste da Península Ibérica que abranguía as rexións de Galicia, Asturias, norte e centro de Portugal e oeste de León que durou dende os séculos XI ou VI a. C. ata a romanización dos galaicos cara o século I. É a cultura asociada cos galaicos e ástures.

A manifestación máis característica desta cultura é o castro (do latín castrum do que toma o nome), as súas oppidum amuralladas e a produción de espadas, machadas, torques e outros bens de bronce xa dende a Idade do Bronce Atlántico.[1] A área cultural estendíase cara ao leste ata o río Cares e cara ao sur ata o baixo val do río Douro, tendo como núcleo os vales do río Ave, do río Limia e do río Miño.

Historia[editar | editar a fonte]

A cultura castrexa xurdiu durante os dous primeiros séculos do primeiro milenio a. C., na rexión que se estende dende o río Douro ata o Miño, pero pronto se expande ao norte pola costa, e ao leste seguindo os vales fluviais, chegando ás cordilleiras montañosas que separan a costa atlántica da Meseta Central. Foi o resultado da evolución autónoma das comunidades da Idade do Bronce Atlántico, tralo colapso local da rede atlántica de intercambio de produtos de prestixio.[1]

Final da Idade do Bronce Atlántico[editar | editar a fonte]

Dende o río Mondego ata o río Miño, ao longo das zonas costeiras do norte de Portugal, durante os dous últimos séculos do segundo milenio a. C. establecéronse unha serie de asentamentos en lugares altos e ben comunicados,[1] irradiados dende unha zona central ao norte do Mondego, e adoitaban especializarse na produción de metalurxia do Bronce Atlántico: caldeiros, coitelos, vasos de bronce, asadores, garfos, espadas, machadas e xoias relativas a unha elite nobre que celebraba banquetes rituais e que participaba nun ampla rede de intercambio de artigos de prestixio, dende o Mediterráneo ata as Illas Británicas. Estas aldeas estaban moi relacionadas cos asentamentos abertos que caracterizaron a primeira Idade de Bronce, frecuentemente establecidos preto dos vales e das terras agrícolas máis ricas.

Dende principios do primeiro milenio, a rede parece colapsarse, posiblemente porque a Idade de Ferro desfasara os produtos atlánticos de estaño e bronce na rexión mediterránea, e a produción a gran escala de artigos metálicos reduciuse á elaboración de machadas e ferramentas, que aínda se atopan enterradas en cantidades moi importantes por toda a costa atlántica europea.

Formación[editar | editar a fonte]

Durante a transición do Bronce á Idade de Ferro, dende o Douro ata as costas do norte de Galicia[2] e as rexións centrais de Asturias, o asentamento en lugares fortificados substituíu o antigo modelo de asentamento aberto.[1] Estes primeiros castros eran pequenos (1 ha como máximo), estando situados en outeiros, penínsulas ou outros lugares de defensa natural, normalmente dotados de visibilidade de longo alcance. As defensas artificiais estaban compostas inicialmente por muros de terra, ameas e gabias, que encerraban un espazo interior habitable. Este espazo estaba maioritariamente baleiro, non urbanizado e utilizado para actividades comunitarias, formado por unhas poucas cabanas circulares, oblongas ou cadradas redondeadas, de 5 a 15 metros na súa maior dimensión,[1] construídas con madeira, materiais vexetais e barro, ás veces reforzadas con muros de pedra. A principal característica interior destas cabanas multifuncionais era a lareira circular ou cuadrangular, e que condicionaba os usos dos demais espazos da estancia.

En esencia, a principal característica deste período formativo é a asunción por parte da comunidade dunha autoridade maior a costa das elites, reflectida na menor importancia da produción de artigos de prestixio, mentres que o colectivo investiu importantes recursos e man de obra nos espazos comunais e nas defensas.[1]

Expansión[editar | editar a fonte]

Dende principios do século VI a. C. a cultura castrexa experimentou unha expansión interior: fundáronse centos de novos castros, mentres que algúns pequenos máis antigos foron abandonados por novos emprazamentos, véxanse os castros de Neixón.[1] Estes novos asentamentos fundáronse preto dos vales, nas proximidades das terras de cultivo máis ricas e estaban xeralmente protexidos por varias liñas de defensa, compostas por murallas, gabias e muros de pedra sólida, probablemente construídas non só como aparello defensivo senón tamén como característica que pode conferir prestixio á comunidade. Ás veces, atopáronse restos humanos en cistas ou baixo os muros, o que implica algún tipo de ritual protector fundacional.[1]

Non só creceu o número de asentamentos durante este período, senón tamén o seu tamaño e densidade. En primeiro lugar, as antigas casetas familiares foron frecuentemente substituídas por grupos de vivendas familiares, compostos xeralmente por unha ou varias vivendas con lareira, máis hórreos redondos e pendellos e talleres alongados ou cadrados. Ao mesmo tempo, estas casas e grupos tendían a ocupar a maior parte da estancia interna dos castros, reducindo os espazos libres comunitarios, que á súa vez serían substituídos por outras instalacións como saunas, salóns comunitarios e forxas compartidas.

Aínda que a maioría das comunidades deste período tiñan na súa maioría economías illadas autosuficientes, un cambio importante foi o retorno do comercio co Mediterráneo por parte da agora independente Cartago, unha próspera potencia do Mediterráneo occidental. Os comerciantes cartaxineses traían importacións de viño, vidro, cerámica e outros bens a través dunha serie de emporium, postos comerciais que ás veces incluían templos e outras instalacións. Ao mesmo tempo, o rexistro arqueolóxico amosa, a través do achado de grandes cantidades de fíbulas, alfinetes, pinzas para a extracción do cabelo, colgantes, pendentes, torques, pulseiras e outros obxectos persoais, a importancia permanente da aparencia estética do individuo. Aínda que o rexistro arqueolóxico da Idade de Ferro castrexa suxire unha sociedade moi igualitaria, estes achados implican o desenvolvemento dunha clase privilexiada con mellor acceso aos artigos de luxo.

Núcleos urbanos[editar | editar a fonte]

Extensión e xeografía da Galiza castrexa, xunto con localización das oppida principais (elaborado a partir de J. Rodríguez Corral, A Galicia Castrexa).

A partir do século II a. C., sobre todo no sur, algúns dos castros convertéronse en cidades fortificadas semiurbanas, oppidum; cidades, con poboacións duns poucos miles de habitantes,[1] como a cividade de Bagunte (50 ha), Briteiros (24 ha), Sanfins (15 ha) e San Cibrao de Las (20 ha) ou Santa Tegra (15 ha); algunhas delas eran aínda máis grandes que as cidades, Bracara Augusta e Lucus Augusti, que Roma estableceu un século despois.

Estas cidades ou cidadelas caracterizáronse polo seu tamaño e polas características urbanas, como rúas pavimentadas equipadas con canles para a drenaxe de augas pluviais, depósitos de auga potable e evidencias de planificación urbana. Moitos deles tamén presentaban un espazo amurallado interior e superior, relativamente amplo e escasamente urbanizado, denominado acrópole polos estudosos locais. Estes oppida estaban en xeral rodeados de gabias concéntricas e muros de pedra, ata cinco en Briteiros, ás veces reforzados con torres. As portas destes oppida facíanse monumentais e con frecuencia tiñan esculturas de guerreiros.

As zonas de vivenda dos oppida eran frecuentemente amuralladas, con cociñas, pendellos, hórreos, talleres e salas de estar ordénase arredor dun patio interior empedrado, ás veces equipado con fontes, desaugadoiros e pozos.

A cividade de Bagunte foi unha das cidades máis grandes con 50 hectáreas de extensión. As cidades estaban rodeadas por varios castros máis pequenos, algúns dos cales puideron ser postos defensivos, como castro de Laundos, que probablemente foi un posto avanzado da cividade de Terroso. En Braga existe un topónimo de cividade, cidadela establecida por Augusto, aínda que non hai achados arqueolóxicos a parte dun antigo nome parroquial e termas prerromanas. Bracara Augusta converteuse máis tarde na capital da provincia romana da Gallaecia, que abarcaba todas as terras que antes formaron parte da cultura castrexa.

Era romana[editar | editar a fonte]

O primeiro encontro de Roma cos habitantes dos castros e cividades foi durante as guerras púnicas, cando os cartaxineses contrataron mercenarios locais para loitar contra Roma no Mediterráneo e en Italia.[Cómpre referencia]

Máis tarde, os galaicos apoiaron aos lusitanos que loitaban contra os romanos e, como resultado, o xeneral romano Décimo Xunio Bruto Galaico dirixiu unha expedición de castigo exitosa ao norte no 137 a. C. a vitoria que celebrou en Roma outorgoulle o título de Callaicus “Galaico”. Durante o século seguinte, Gallaecia aínda foi teatro de operacións de Perperna (73 a. C.), o propio Xulio César (61 a. C.) e os xenerais de Augusto (29-19 a. C.) que despoboaron varios castros ao norte de Portugal.[3] Pero só despois de que os romanos derrotasen aos ástures e cántabros no ano 19 a. C. é evidente, a través de inscricións, numismática e outros achados arqueolóxicos, a submisión dos poderes locais a Roma.

Mentres que o século I a. C. representa unha época de expansión e madurez para a cultura castrexa, baixo a influencia romana e coa economía local aparentemente impulsada máis que obstaculizada polo comercio e as guerras romanas, durante o século seguinte o control dos romanos pasou a ser político e militar, por primeira vez en máis dun milenio establecéronse novos asentamentos non fortificados nas chairas e vales ao tempo que se abandonaban numerosos castros.

As reformas flavias da dinastía Flavia (segunda metade do século I), coa modificación na estrutura social e económica. A partir de aquí comezaría o denominado período galaicorromano. Moitos castros abandónanse en favor das villae, aínda que outros continúan a ser habitados, mais moi influenciados pola cultura romana. Entre os castros que continúan ata fins do Imperio atópanse o de Fazouro e o de Viladonga.

A cultura sufriu unha certa transformación, como consecuencia da conquista romana e da formación da provincia romana de Gallaecia, no corazón da área cultural castrexa; no século II a maioría dos castros e oppida foran abandonados ou reutilizados como santuarios ou lugares de culto, pero algúns outros continuaron sendo ocupados ata o século V,[3] cando os suevos xermánicos se estableceron na Gallaecia.

Economía[editar | editar a fonte]

Mentres que a economía da Idade de Bronce estaba baseada na explotación e exportación de recursos minerais locais, estaño e cobre e na produción en masa e distribución de longo alcance de artigos de prestixio, a economía da Idade de Ferro estaba baseada nunha economía de bens de necesidade,[4] a maioría dos artigos e producións eran obtidos in situ, ou eran intercambiados nun comercio de curto alcance.

Nas zonas costeiras do sur a presenza de comerciantes mediterráneos a partir do século VI a. C., tería ocasionado un aumento da desigualdade social, traendo moitas importacións (cerámica fina, fíbulas, viño, vidro e outros produtos) e innovacións tecnolóxicas, como os muíños de granito, que se fundirían coas tradicións locais atlánticas.

A antiga presenza militar romana no sur e leste da Península Ibérica desde o século II a. C. tería reforzado o papel das elites guerreiras autóctonas, con mellor acceso aos artigos de prestixio e importacións locais.

Alimentación[editar | editar a fonte]

A palinoloxía confirma a Idade de Ferro como un período de intensa deforestación en Galicia e no norte de Portugal, con prados e campos que se expanden a costa dos bosques. Usando tres tipos principais de ferramentas, arados, fouces e aixadas, xunto con machadas para cortar madeira, os castros cultivaban unha serie de cereais: (trigo, millo ou paínzo, posiblemente tamén centeo) para cocer o pan, así como avea e cebada que tamén cultivaban, usado para a produción de cervexa.[4] Tamén cultivaban feixóns, chícharos e repolos e liño para a produción de tecidos e roupa; recollíanse outros vexetais como ortigas e agróns. Atopáronse grandes cantidades de landras acumuladas na maioría dos castros, xa que se usaban para a produción de pan unha vez tostadas e trituradas en muíños de pedra.

O segundo piar da economía local foi a gandaría. Os galaicos criaban gando para a produción de carne, leite e manteiga; tamén usaban bois para arrastrar carros e arados,[1] mentres que os cabalos usábanse principalmente para o transporte humano. Tamén criaban ovellas e cabras, para carne e la, e porcos para carne. Os animais salvaxes como cervos ou xabarís eran frecuentemente perseguidos. Nas zonas costeiras, a pesca e a recollida de marisco eran actividades importantes: Estrabón escribiu que a xente do norte de Iberia utilizaba barcos feitos de coiro, probablemente semellantes aos currachs irlandeses e aos coracles galeses, para a navegación local. Os arqueólogos atoparon anzois e pesos para as redes, así como restos de peixes en mar aberto, o que confirma que os habitantes das zonas costeiras eran pescadores,[1] como demostra o achado de dúas piraguas da época castrexa no río Limia, preto de Lanheses, feitas en madeira de carballo entre os séculos IV e II a. C.[5]

Metalurxia[editar | editar a fonte]

Comercio[editar | editar a fonte]

No que toca ao comercio, a nivel interior intercambiábanse metais, cerámica, mariscos e é posíbel que se utilizase (se damos creto a Estrabón) un certo tipo de moeda, consistente en pezas recortadas en prata. No apartado do comercio exterior, exportáronse metais ao sur da Península Ibérica, importándose cerámicas de luxo, contas de vidro e outros obxectos de valor.

Arte[editar | editar a fonte]

Debuxos cerámicos en Terroso

Pedra[editar | editar a fonte]

A pedra non foi utilizada só para construír, senón tamén para a realización de moitos obxectos de uso cotián: muíños naviformes e circulares, bebedeiros, moldes para a fundición, amarradoiros, machados etc., ademais de usala para a plástica.

Cerámica[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Cerámica castrexa.

Se prestamos atención á súa cerámica, veremos que a producían en diferentes formas e tamaños, con variadas técnicas decorativas e diversos motivos que falan de pequenas producións zonais. As decoracións, a base de triangulacións, "SS" concentrados, círculos concéntricos, cordados,... están feitas a base de incisións, estampacións e excisións ou pseudoexcisións.

Ourivaría[editar | editar a fonte]

A ourivaría ten raíces na Idade de Bronce e foi recibindo influencias centroeuropeas e mediterráneas. As alfaias máis características son os torques, as braceiras e as arracadas. A escultura deuse máis ben na parte sur do territorio. De entre as armas destacan as espadas ou puñais "de antenas".

Torque ástur de ouro achado en Labra (ss. IV–II a.C., Museo Arqueolóxico Nacional, Madrid)

O metal máis traballado segue a ser o bronce: caldeiros con asas (en ocasións decoradas), puntas de lanza, empuñaduras de puñais de entenas, coitelos, aneis, contas de colar,... Tamén apareceron algúns restos de ferro. Especial importancia ten a ourivaría, coa realización de torques, brazaletes, diademas, amuletos,... con diversas técnicas: o estampado repuxado, filigrana, granulado, arracadas e colares articulados.

Escultura[editar | editar a fonte]

A plástica que conservamos está realizada en pedra, entre máis ou menos o cambio de era e a primeira metade do século I despois de Cristo. Son varios centos de labras e esculturas.

Estatuas de guerreiros[editar | editar a fonte]

Castro de São Julião de Caldelas.

Atopáronse estas figuras en Portugal, Ourense e Pontevedra. Contamos con algo máis de dúas ducias. Trátase da escultura de militares en parada. As hipóteses sobre a súa significación son moitas e diversas: podería tratarse de estatuas funerarias, honoríficas, heroes divinizados,...

Cabezas humanas[editar | editar a fonte]

Apareceron en todo o noroeste peninsular. Coñecemos pouco máis de dúas ducias. Serían representacións de diferentes sub imagine,[Cómpre clarificar] como as que se facían no resto do Imperio Romano.

Cabezas zoomorfas[editar | editar a fonte]

Encontráronse en toda a zona sur do país. Na maioría dos casos non é doado saber que animal queren representar. Hai algunhas seguras de porcos e outras semellan ofidios, cans, cabras, touros ou ovellas. Poderían cumprir un papel protector do gando.

Estatuas sedentes[editar | editar a fonte]

Temos só catro pezas, aparecidas en Braga, Xinzo de Limia (dúas pezas), e Lanhoso. Eran representacións masculinas e tiñan unha función funeraria de tradición mediterránea.

Figuras diversas[editar | editar a fonte]

Iconas, figuras femininas, estatuas pequenas,... que conservamos en gran cantidade e que apareceron por todo o territorio castrexo. Son de moitas e moi variadas interpretacións.

Arquitectura[editar | editar a fonte]

Decoracións[editar | editar a fonte]

Englobamos nesta sección case cincocentas pedras decoradas pertencentes a frisos, ombreiras, padieiras, amarradoiros, remates circulares,... Entre as figuras representadas atopamos: cordados, espirais, trísceles, tetrasqueis, "SS" concentrados, oitos entrelazados, puntas de frecha,...

Saunas castrexas[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Sauna castrexa.
Habitáculo con forno (con moita probabilidade unha sauna) no castro de Punta dos Prados en Espasante. Non conserva a pedra formosa.

Pertencen a uns edificios cunha estrutura e funcionalidade específicas: son pequenos, con distribución axial, un forno extremo e a continuación unha cámara, logo unha antecámara e finalmente un recinto sen teito no que hai unha pía á que chega unha canle de auga. A chamada "pedra formosa" separa a cámara da antecámara. Estes edificios serían saunas[6] ou baños de tipo romano, o que indica que puideran ser posteriores á romanización.

Sociedade[editar | editar a fonte]

Recreación dun núcleo familiar, na cividade de Terroso

Era unha sociedade xentilicia, é dicir, carente de Estado. Non existe unha autoridade superior que coordene as accións dos distintos grupos sociais coa finalidade de manter a unidade do grupo. A cohesión social lógrase a través do funcionamento dunha serie de institucións, que nunhas ocasións agrúpanse e noutras confróntanse entre si.

Existe un certo equilibrio social entre os homes e as mulleres, pois estas posuían as terras, pero os homes poderían ter outro tipo de riquezas, como o gando. Este equilibrio desaparece no mundo político, xa que nel toda a autoridade está nas mans dos homes. A sociedade castrexa era matrilineal, pero patriarcal.

Esta sociedade podería describirse como unha estrutura formada por unha serie de círculos concéntricos nos que se situarían unha serie de grupos sociais seguindo o número de membros:

  • A unidade social inferior debeu ser o clan. Os seus membros, que terían un antepasado común, consideraríanse da mesma familia. Non vivirían no mesmo castro, senón dispersos en subclans, pero serían solidarios entre si.
  • A seguinte en rango sería a centuria, unidade político-militar. Cada centuria tiña un xefe, ao que os romanos chamarían princeps, cuxo cargo era hereditario por vía masculina. É unha sociación só de homes. Os seus membros non están vinculados por lazos de sangue. Cada unha destas organizacións posuía cultos e deuses propios e quizais un territorio.
  • Varias centurias agrúpanse formando un populus, unidade que posúe límites territoriais claramente definidos. Ademais, dispón dunha capital, denominada romu polos romanos. En primeiro, é posíbel que non fosen entidades de poboación importantes, senón simples lugares de encontro, nos que se intercambiaban produtos e establecíanse pactos familiares de tipo matrimonial e alianzas políticas. O populus non tivo unha autonomía política definida, pero as centurias que o compoñían actuaban solidariamente nos casos de confrontacións armadas.

En Galiza a situación social debeu ser a seguinte: por unha parte, habería unha aristocracia guerreira, con xefes pero sen reis. A súa orixe sería claramente céltica. Dentro dela, as mulleres posuirían as terras, das que se desinteresarían os homes, consagrados á actividade militar. Por baixo desta aristocracia teríamos unha poboación moi numerosa de orixe precéltica, que podería traballar as terras desta aristocracia (aínda que esta afirmación non pode manterse con seguridade).

Lingua[editar | editar a fonte]

Principais áreas lingüísticas na Península Ibérica, amosando en azul as linguas pre-celtas e celtas, c. 200 a.C.

Á luz das pegadas deixadas na toponimia e nos restos epigráficos que chegaron a nós, considérase que na Gallaecia se falaba un tipo de lingua céltica pertencente ás linguas goidélicas denominada lingua galaica. Algúns autores arguméntano así:

Although there is no direct extant record of the language spoken by any of the peoples of ancient Callaecia, some linguistic information can be recovered through the analysis of the names (personal names, names of deities, ethnonyms, and place-names) that occur in Latin inscriptions and in ancient Greek and Latin sources. These names prove the presence of speakers of a Celtic language in this area, but there are also names of other origins.
Eugenio R. Luján Martínez, The Language(s) of the Callaeci[7].

Ademais, os defensores desta teoría baséanse tamén en estudos que afirman que os celtas británicos descenden de pescadores do norte da Península Ibérica[8].

Pobos[editar | editar a fonte]

Os pobos e etnias prerromanas coñécense a través de Estrabón, Tolomeo e fundamentalmente Plinio. Este autor clásico fai mención á existencia de 61 pobos (dos que só se conservan 48 nomes)[9] nos tres conventos xurídicos: asturicense, lucense e bracarense.


Relixión[editar | editar a fonte]

O panteón relixioso indíxena era numeroso, como revelan as inscricións de época galaico-romana, e completábase con cultos ou ritos relacionados con forzas, elementos ou manifestacións da Natureza. Descoñécense os ritos funerarios, xa que non se teñen atopado nin enterramentos nin incineracións. Coñecemos preto dun cento de nomes de deuses castrexos, pero non sabemos se son todos distintos, ou se algúns corresponden á mesma deidade, posto que podería darse o caso de que un mesmo deus ou deusa fose designado con distintos nomes segundo o populus na que nos atopásemos.

Do que si existe certeza é de que as prácticas relixiosas eran moi frecuentes, realizándose sacrificios de animais, e mesmo de persoas. A relixión era un fenómeno social e os actos relixiosos constituían unha parte fundamental da estrutura social. Poñendo en relación a relixión castrexa con outras célticas e indoeuropeas, podemos agrupar estas divindades en tres clases:

  • Divindades da primeira función: Eran as posuidoras da soberanía e do poder nun dobre aspecto máxico e xurídico. Entre elas, destaca un deus castrexo, coñecido só coa advocación romana de Xúpiter, que recibía culto no cumio dos montes; e en cada montaña (que adquiría un carácter sagrado) o deus recibía un epíteto propio.
  • Deuses da guerra ou da segunda función: Este tipo englobaría o grupo que forma o deus Cosus baixo as distintas advocacións locais. A este grupo debeu render culto a aristocracia militar. Son deuses guerreiros que actúan non dun xeito racional, senón impulsados unha especie de furor ou loucura guerreira. Combaten individualmente, non en grupo, e utilizan os berros e outros medios de carácter simbólico coa finalidade de paralizar o inimigo. Caracterízanse polas súas malas relacións cos deuses soberanos e cos membros da "terceira función".Por exemplo, o Mars Tillenus sería adorado no Monte Teleno.

Seguino as fontes textuais clásicas, pódese dicir que a concordancia entre a forma de loitar dos deuses da guerra e os guerreiros castrexos é total: combatían de xeito desordenado, sen seguir unha clara orde táctica, trataban de conseguir unha aparencia terríbel e ao mesmo tempo eran ladróns, co que quedaba clara a súa oposición á riqueza socialmente aceptada. Así pois, relixión e mitoloxía coinciden plenamente.

  • Os máis numeroso corresponden á terceira función, deuses da fecundidade animal e humana e da riqueza. Entre eles pódense establecer distintos grupos segundo as súas áreas de competencia. Así, podemos distinguir claramente un grupo de divindades acuáticas, outro de divindades da vexetación, un deus protector do gando, e unha serie de deidades de tipo funerario.

Dentro do Panteón castrexo existían unha serie de divindades que permiten estabelecer un paralelo entre a relixión castrexa e o folclore galego actual: son os deuses do camiño, coñecidos co nome latino de lares viales. Son deuses de carácter funerario e están encargados de conducir as almas dos mortos ao Alén. Réndeselles culto nas encrucilladas, onde se supón que converxen as ánimas dos mortos. Nelas erguéronse monumentos, constituídos por unha columna rematada en dobre ou tripla face, na que se realizadas libacións de aceite ou doutros produtos. Isto ponnos en relación co folclore actual da encrucillada, á que acode a Santa Compaña, agrupacións das ánimas dos defuntos que non están correctamente integradas no mundo dos mortos, xa que non están no Ceo nin no Inferno. Así mesmo, debemos ter en conta a existencia da figura do cruceiro, columnas similares ás mencionadas anteriormente, aínda que coroadas por un crucifixo. Da pervivencia dos ritos pagáns daba fe Martiño de Dumio no século VI despois de Cristo.

Estudo da cultura castrexa[editar | editar a fonte]

O estudo e investigación da cultura castrexa conta con máis de cen anos de evolución. O iniciador foi Martins Sarmento a finais do século XIX. O seu labor foi continuado pola Sociedade Martins Sarmento e posteriormente por José Leite de Vasconcelos e mailo seu museo, o Instituto de Antropologia Mendes Corrêa e a Sociedade Portuguesa de Antropologia e Etnologia que é quen establece as primeiras comunicacións cos arqueólogos galegos entre os que destacaba Florentino López Cuevillas.[10]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 Rodríguez Corral, Javier (2009). A Galicia Castrexa. Lóstrego. ISBN 978-84-936613-3-5. 
  2. "O drama do porto exterior da Coruña". manuelgago.org. En 2006 descubriuse unha fábrica fortificada do século IX a. C. para a produción de bronce, e destruída tras ser estudada brevemente, en Punta Langosteira, preto da actual Coruña. 
  3. 3,0 3,1 Arias Vila, F. (1992). A Romanización de Galicia. A Nosa Terra. ISBN 84-604-3279-3. 
  4. 4,0 4,1 González García, F. J. (2007). Los pueblos de la Galicia céltica. ISBN 978-84-460-2260-2. 
  5. Francisco Alves e Eric Rieth, As pirogas 4 e 5 do rio Lima Arquivado 20 de setembro de 2011 en Wayback Machine., Centro Nacional de Arqueologia Náutica e Subaquática, Ministério da Cultura (en portugués).
  6. Un baño de vapor castrexo, culturagalega.org.
  7. Eugenio R. Luján Martínez, The Language(s) of the Callaeci Arquivado 09 de abril de 2014 en Wayback Machine. (en inglés).
  8. Guy Adams, Celts descended from Spanish fishermen, study finds, The Independent (en inglés).
  9. Caamaño Gesto, José Manuel. A gran historia de Galicia. Cultura Castrexa. Volume 1: Ocupación do territorio e cultura material.
  10. Armando Coelho Ferreira da Silva. A Cultura Castreja no Noroeste de Portugal: Habitat e Cronologias. Porto: Faculdade de Letras da Universidade do Porto, 1983-1984. Separata da revista Portugália, nova série, vol. IV/V (Actas do Colóquio Inter-Universitário de Arqueologia do Noroeste)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]