Historia urbana de Dallas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A historia urbana de Dallas comeza a partir do ano 1841, nun val do río Trinity, antigo cruce de camiños dos indios Caddo, en territorio pertencente dende 1836 á independizada República de Texas, John Neely Bryan fundou un asentamento con colonos de comunidades veciñas (Bird's Fort, 35km ao NO; Peter's Colony). A súa primeira idea (1839) fora a dun posto comercial, pero a lei que decretou o desaloxo dos indios da rexión deixábao sen a metade da clientela.

En 1844, John N.Bryan e J.P.Dumas deslindan unha extensión de 130 hectáreas que deseñan en cuadrícula de mazás e rúas cunha praza pública central, dando ao establecemento o nome de Dallas. Ao ano seguinte, 32 cidadáns votaron alí, por 29 a 3, a anexión de Texas aos Estados Unidos [1][2]. Entre 1855 e 1860, a cinco quilómetros ao oeste, na outra beira do Trinity, houbo una colonia de utopistas (fourieristas) europeos, La Réunion, que fracasou e foi anexionada a emerxente poboación (hoxe é un distrito da urbe).

Nó ferroviario[editar | editar a fonte]

Vista de paxaro de Dallas, 1872

Pero o acontecemento crucial no desenrolo de Dallas foi a chegada do ferrocarril (1871-3). Froito do esforzo dos seus próceres que conseguiron que as dúas liñas principais de Texas (N-S e E-O) pasaran pola vila (xusto de diante da ribeira do Trinity), asegurando así o seu futuro coma centro comercial e nó de comunicacións [3][4].

O crecemento poboacional que seguiu levou a anexión de comunidades veciñas (1890, East Dallas; e sobor de todo a de Oak Cliffs e a outra beira do río en 1903 [5]). Pero non foi ata a terceira década do século XX que tomouse conciencia do organismo urbano coma un conxunto e non coma un mero agregado de partes (no que a poboación negra era sistematicamente segregada). Así, entre 1927 e 1930 aprobáronse plans de mellora de servizos públicos xerais (parques, escolas, rúas, augas).

O permanente problema do río Trinity[editar | editar a fonte]

Tamén foi esta a época do reencauzamento (800m ao oeste) e canalización do Trinity e a construción de pontes (unha de formigón en 1912, a máis longa do mundo na data) que resistiran as periódicas inundacións (especialmente calamitosa a de 1908). Pero o gran plan (Kessler Plan de 1911 e levado adiante coma Dallas Floodway, 1928-31 [6][7]) cambiou a faciana do centro histórico deixándoo enfrontado a un gran baleiro pobremente articulado cunha amálgama de infraestruturas e edificacións variadas[8][9].

A Gran Depresión dificultou a implementación completa do plan, inda que non tivo os efectos que noutras zonas do país e mesmo foi un período de bonanza polo descubrimento de petróleo na rexión. O cal, unido a que Dallas fora elixida unha das sedes da Reserva Federal (1911), converteuna tamén en centro financeiro (coa erección nas últimas décadas de rañaceos das sedes corporativas de bancos e petroleiras no downtown).

Trala IIGM refíxose a canalización do Trinity paliando a súa desoladora extensión [10] con parques de ribeira. Inda hoxe está en marcha un ambicioso proxecto de extensión do Dallas Floodway (con ponte de S. Calatrava) [11][12].

Xa dende finais dos cincuenta, Dallas comezou a despuntar coma centro tecnolóxico, o que non fixo senón acelerarse no último decenio. Tamén tenta facerse un oco de prestixio no mundo da cultura cun ambicioso complexo de museos, ópera, auditorio e teatro no Arts District (nordeste da cuadrícula fundacional), con edificios dos máis afamados arquitectos deste tempo [13][14].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Traza inicial de Dallas nun esquema de 1855 [1]
  2. Plano de Dallas, 1878 [2]
  3. Plano de Dallas, 1894 [3]
  4. Vista de paxaro da cidade en 1892 [4]
  5. Mapa de Dallas, 1920 [5]
  6. Vista aérea do Dallas Floodway, 1933 [6]
  7. Idem máis sobor do centro histórico; pódese apreciar o antigo curso do Trinity esvaecéndose [7]
  8. Vista aérea da cuadrícula de Dallas fronte ao baleiro do Trinity en 1935 [8]
  9. Vista aérea moderna do antigo leito do Trinity a carón da cuadrícula fundacional [9]
  10. Laboura de rehabilitación do reencauzamento do Trinity en 1955 [10]
  11. Plan da extensión do Dallas Floodway [11]
  12. Magnífica vista aérea (2,5Mb) do mesmo [12]
  13. Plan xeral do Arts District [13]
  14. Vista xeral do futuro conxunto [14]