Saltar ao contido

Valor

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O triunfo do Valor sobre o Tempo, cadro de Giovanni Domenico Tiepolo.

Un valor é unha calidade dun suxeito ou obxecto. Os valores son agregados ás características físicas ou psicolóxicas, tanxibles do obxecto; é dicir, son atribuídos ao obxecto por un individuo ou un grupo social, modificando, a partir desa atribución, o seu comportamento e as súas actitudes cara ao obxecto en cuestión. O valor é unha calidade que lles confire ás cousas, aos feitos ou ás persoas unha estimación, sexa negativa ou positiva.

Características

[editar | editar a fonte]

Pódese dicir que a existencia dun valor é o resultado da interpretación que fai o suxeito da utilidade, o desexo, a importancia, o interese ou a beleza do obxecto. É dicir, a valía do obxecto é, en certa medida, atribuída polo suxeito de acordo cos seus propios criterios e a súa interpretación, produto dunha aprendizaxe, dunha experiencia, a existencia dun ideal incluso da noción dunha orde natural que transcende o suxeito en todo o seu ámbito.

Posto que os valores non son cousas, nin elementos das cousas, entón os valores son impresións subxectivas de agrado ou desagrado, que as cousas nos producen a nós e que nós proxectamos sobre as cousas. Acudiuse entón ao mecanismo da proxección sentimental; acudiuse ao mecanismo dunha obxectivación, e díxose: esas impresións gratas ou ingratas, que as cousas nos producen, nós arrincámolas do noso eu subxectivo e proxectámolas e obxectivámolas nas cousas mesmas, e dicimos que as cousas mesmas son boas ou malas, ou santas ou profanas
García Morente

Valores como honestidade, lealdade, identidade cultural, respecto, responsabilidade, solidariedade, amor, tolerancia, sinceridade etc. son fundamentais para a convivencia pacífica da sociedade.

Con todo, como en moitos dos temas antropolóxicos pódese considerar que a liberdade ou a solidariedade máis que valores persoais ou sociais son os seus fundamentos de valor, o que delimita o ámbito axiolóxico. Como calidades apreciadas polo suxeito só adquiren o rango de valores no momento en que son alcanzadas como prácticas persoais e/ou colectivas. Noutras palabras, a liberdade non é un valor polo contido do concepto ou por ser apreciada como unha práctica desexable dun determinado grupo social; a liberdade é un valor cando é apreciada e exercida polos suxeitos, é dicir, demanda situacións praxeológicas, é o exercicio da liberdade nunha comunidade. Isto coñécese como dialéctica obxecto-suxeito, relación recíproca entre o obxecto considerado como valioso polo pensamento e a práctica do suxeito de hábitos virtuosos.

Tipos de valores

[editar | editar a fonte]

Existen diversos tipos de valores, como son os valores económicos, os sociais e os morais ou espirituais. A axioloxía non pode xerarquizar os valores; cada un ten aspectos ou propiedades importantes e ademais interactúan entre si. Son antivalores aqueles que desvalorizan o mundo na súa riqueza natural e espiritual.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • García Morente, Manuel (1992). Editores Mexicanos Unidos, ed. Lecciones preliminares de filosofía. ISBN 968-15-0064-4. 
  • Yurén Camarena, María Teresa (1995). Universidad Pedagógica Nacional, ed. Eticidad, valores sociales y educación. México. ISBN 968-6898-50-6. 
  • Frondizi, Risieri (1992). Fondo de Cultura Económica, ed. ¿Qué son los valores?. México. ISBN 968-16-0140-8. 
  • Gutiérrez, Raúl (2002). Esfinge, ed. Introducción a la Ética. México.