Setlist

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Setlist ou Set list é un documento que fai relación das cancións que unha banda musical vai interpretar nun concerto en particular. Adoita a estar impreso ou escrito nun papel, nun cartón ou nunha lámina, aínda que xa hai conxuntos que empregan as novas tecnoloxías, coma a dun IPad. O termo pode facer tamén relación á lista das cancións, pero non nun sentido físico.

O setlist sitúase nun lugar ben visible para o músico no escenario, normalmente no chan ou noutro lugar que non sexa visto polo público sinxelamente. No caso de estar no chan, adoítase a fixar con fixo. É normal que haxa un setlist para cada músico, aínda que tamén poden compartilo.

O setlist adoita a ser elaborado polos artistas, e mesmo poden escribir, ao carón dos temas que van a interpretar, diferentes notas sobre o modo da interpretación, parte da letra ou calquera outro comentario que sexa de utilidade durante o transcurso do concerto. Por iso, como algo singular, é un elemento que os fans dos grupos musicais gostan de obter.

Hai músicos que empregan o mesmo setlist ao longo dunha xira e outros que van mudando en maior ou menor medida a orde, o número e o nome das cancións interpretadas.

No corpo do setlist hai que distinguir entre as cancións que compoñen o programa e os "bises" (en inglés, encores), que son bloques de cancións extras que se ofrecen nun concerto (pode ser un tema ou máis). A meirande parte dos artistas inclúen dentro do setlist estes engadidos fora do programa, separándoos no papel escrito por unha longa liña ou un espazo en branco. Se hai varios "bises", cada un deles terá unha separación semellante.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Vexa tamén[editar | editar a fonte]

Ligazón externas[editar | editar a fonte]

  • Setlist.fm, páxina web cunha colección de setlist de diferentes músicos do mundo.