O comparativo galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
En galego a expresión comparativa confórmana dous elementos:
- o primeiro elemento, formado por un adverbio que indica se o grao da comparación é de igualdade, superioridade ou inferioridade (tan, máis, menos)
- o segundo elemento, formado polas partículas que/ca/do que ou coma/como mais o elemento co que se realiza a comparación.
Nas comparativas de superioridade ou inferioridade as partículas que relacionan os elementos comparados son ca, que ou de que: é máis aleuto ca ela, é máis alto ca/que un piñeiro, diso sabe menos ca ti, traballa máis do que din. Nas de igualdade é como ou coma: estaba tan namorada coma min, é tan falador como/coma o seu irmán.
Cando se emprega ca en vez de que ou coma en vez de como?
- Só hai un caso en que o uso de ca e de coma é obrigatorio: cando o segundo elemento da comparación é un pronome persoal (min, ti, el/ela, nós, vós, eles/elas): é máis lista ca min; é tan boa coma el
- Se o segundo termo da comparación é un nome ou unha frase calquera, podemos utilizar indistintamente ca/que; coma/como: Gústame máis a laranxa que/có (ca + o) pexego; ten tantos xoguetes coma/como o seu veciño
A partícula ca pode contraer co artigo:
o | a | os | as | |
---|---|---|---|---|
ca | ca o / có | ca a / cá | ca os / cós | ca as / cás |
Cando ca vai seguido da preposición a (que en galego coincide formalmente co artigo) non se fai contracción: téñolle máis respecto a el ca a ela.
Cando a segunda parte da comparación é un verbo, hai que usar do que: coma máis do que bebe